Unha breve eclipse parcial de Lúa na mañá deste venres en Galicia

O fenómeno apenas será visible en Europa, pero no territorio galego poderá observarse durante uns minutos antes do amencer

A eclipse parcial será visible en Galicia durante uns minutos, antes de que a Lúa se oculte baixo o horizonte. Fonte: timeanddate.com.
A eclipse parcial será visible en Galicia durante uns minutos, antes de que a Lúa se oculte baixo o horizonte. Fonte: timeanddate.com.

Será case que imperceptible, pero vai estar aí: Galicia é un dos poucos territorios de Europa que este venres poderá presenciar o que, noutras partes do globo, será a eclipse parcial de Lúa máis longa desde o século XV. Durante seis horas, a Terra vaise interpoñer entre o Sol e o seu satélite, o que producirá que a Lúa chegue a ocultarse preto do 99% desde a perspectiva dalgunhas rexións de América, Asia e o Pacífico, aínda que en Europa, ao poñerse polo horizonte a primeira hora da mañá, apenas poderá observarse durante uns minutos.

Así, en Galicia haberá que buscar un lugar libre de obstáculos cara ao oeste, por onde se poñerá a Lúa arredor das 8.30 da mañá. Desde uns minutos antes poderá percibirse un feble escurecemento do satélite, que collerá un ton avermellado, polo que é recomendable observalo con prismáticos.

Con todo, aínda que non sexa visible deste esta parte do planeta, o fenómeno que se producirá este venres non deixa de ser excepcional, xa que non aconteceu desde fai máis de 600 anos e non se producirá de novo ata dentro doutros 600 anos. Isto é porque a eclipse parcial vai estar moi próxima no tempo ao apoxeo, isto é, o punto no que a Lúa se afasta máis da Terra. Canto máis lonxe está, máis lenta é a viaxe da súa órbita e por tanto tarda máis en atravesar a zona de sombra que o noso planeta proxecta nela.

Haberá que agardar apenas uns meses para observar unha eclipse de maior magnitude. Será o 16 de maio de 2022, cando poderemos desfrutar da ocultación do satélite durante máis dunha hora. O fenómeno será total en América e o Atlántico oeste, pero en Europa só chegará a parcial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.