Curvas para o optimismo: chegou o freo do coronavirus en Galicia?

A pesar de comezar a propagarse máis tarde, a epidemia amosa signos de remisión segundo os datos achegados por Goberno e Xunta

A evolución das curvas de diversos indicadores (casos activos e acumulados, persoas ingresadas e falecementos, apunta cara a un freo da doenza en Galicia.
A evolución das curvas de diversos indicadores (casos activos e acumulados, persoas ingresadas e falecementos, apunta cara a un freo da doenza en Galicia.

Dentro de todas as repercusións sociais e económicas que a epidemia do coronavirus SARS-CoV-2 está tendo e vai ter nas nosas vidas, este luns ofreceu sinais de optimismo dentro da crise. Tendo en conta o aínda moi elevado número de persoas que faleceron (637 entre a noite do sábado e o domingo, e polo menos 13.000 en España desde o comezo da crise, máis de 240 delas en Galicia), a gran maioría das comunidades autónomas (nas que o impacto foi desigual) dan sinais de ter superada unha fase crítica da crise. Varios indicadores así o apuntan, á espera da evolución nos vindeiros días, nos que se agarda que as medidas de confinamento constaten o freo do virus.

As liñas da gráfica que se poden ver baixo estas liñas están en escala logarítmica (é dicir, hai a mesma distancia de 1 a 10 que de 10 a 100 e de 100 a 1000, e así sucesivamente), pero serven para observar a evolución da epidemia, que medrou sobre todo nas primeiras fases multiplicándose cada pouco tempo.

Os novos casos e casos activos

Este luns, con 207 casos máis respecto ao domingo (segundo os datos que achega o Ministerio de Sanidad sobre os positivos totais), Galicia rexistrou o incremento máis pequeno desde o 22 de marzo (hai tres semanas) e igualando o número do día 24. É un dato que podería verse incrementado este martes, pola posible baixada na notificación de positivos durante a fin de semana, pero que en todo caso marca unha tendencia de freo. O pasado luns, por exemplo, foron 584 os novos casos confirmados. A cifra, como se vén explicando nos últimos días, representa só o cumio da pirámide de afectados, xa que depende do número de probas que se realizan, pero en todo caso indica que, nas persoas ás que se lle fai a proba polo risco de desenvolver complicacións, estanse detectando cada vez menos positivos. Deste xeito, a liña de casos activos estase a achandar, e por tanto, a posible saturación do sistema sanitario vese cada vez menos probable, polo menos a curto prazo e coas medidas actuais.

Casos máis leves

A principal implicación da expresión “achandar a curva”, que se converteu na mensaxe de concienciación para a cidadanía, era a necesidade de evitar o colapso do sistema ao non poder atender en condicións a todas as persoas enfermas que chegaran ás unidades de coidados intensivos. Noutras comunidades viviuse unha situación extrema, con UCIs ao dobre da súa capacidade. Porén, semella que nos últimos días en Galicia se está a frear este risco. O domingo, a ocupación de coidados intensivos baixou por primeira vez desde o comezo da crise, e aínda que a porcentaxe é alta (arredor do 60% das camas de UCI ocupadas por enfermos de Covid-19, segundo a cifra achegada pola Xunta de 274 camas en Galicia, á que hai que sumar as persoas ingresadas por outras patoloxías), parece que a evolución podería ser boa.

Tal e como advertía a semana Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, “o incremento de casos que poden precisar tratamento na UCI vai continuar, e a acumulación de pacientes nestas unidades vai ter lugar nas próximas semanas, pois a estancia media deste pacientes na UCI pode ser larga, duns 20 días”.

Con todo, hai que engadir a isto que a porcentaxe de persoas con positivo confirmado que están sendo atendidas no domicilio (na maioría de casos con síntomas leves) en Galicia está medrando cada día desde o xoves 26 de marzo. Oito de cada 10 afectados están a pasar a doenza na casa, e preto da metade son atendidos a través da plataforma TELEA.

Curados

No conxunto dos datos de España, onde algunhas comunidades máis golpeadas pola crise como Madrid, Cataluña, País Vasco ou La Rioja superan xa o 35% de persoas curadas sobre o total de positivos confirmados, xa son case 41.000 as persoas que superaron a Covid-19. En Galicia, onde os focos se desenvolveron máis tarde, a cifra de altas comezou a medrar a maior ritmo nos últimos días. Respecto ao domingo 29, cando 153 persoas recibiran a alta hospitalaria, este luns son 610, é dicir, catro veces máis.

Letalidade

Unha das cifras a destacar en Galicia é a da baixa letalidade. É un número suxeito tamén a unha marxe de incerteza debido, por exemplo, ao baile de cifras no cómputo das mortes en residencias de anciáns, o que podería facer que medre en arredor dun punto porcentual. Con todo, esta taxa é unha das máis baixas de España en atención aos casos confirmados. Segundo a información provisional que cada comunidade envía ao Ministerio de Sanidad e que recolle o Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), a de Galicia é do 3,09% a día 5 de abril, moi lonxe da de Madrid (13,26%) Cataluña (10,29%) ou Extremadura (11,12%). Porén, as pequenas variacións nos criterios de cada comunidade inflúen nestas cifras.

Crecemento, duplicación e R0

A taxa de crecemento do número de casos confirmados (é dicir, o incremento de persoas afectadas) nas últimas dúas semanas tamén amosa bos datos despois dos momentos máis críticos. Segundo os datos do ISCIII, Galicia (1,39%), é unha das poucas comunidades que segue en porcentaxes por riba do 1%, xunto a Ceuta (16,41%), Melilla (4,56%), La Rioja (3,86%) e Castilla-La Mancha (5,52%), aínda que a tendencia en todos os casos, agás nas dúas cidades autónomas, onde os focos se propagaron máis tarde, é á baixa.

Outro dos indicadores necesarios para comprender a evolución é o tempo de duplicación de casos. Galicia, que hai menos dunha semana tiña un dos tempos de duplicación máis cortos, púxolle freo a este indicador e situouse en números semellantes ao doutras autonomías.

Por outra parte, o número reprodutivo básico (R0), indica o promedio de casos secundarios dunha doenza causados por un caso primario. Así, canto maior sexa este número, máis rápido se está a difundir a enfermidade. O 5 de abril, segundo conta o ISCIII, Galicia (0,88) situouse por primeira vez por debaixo da media de España (0,94) despois de estar por riba debido á propagación máis tardía da epidemia aquí. Cando o R0 baixa de 1, significa que cada persoa infectada contaxia a menos de unha persoa, o que se traduce nunha remisión da epidemia.

Incertezas

As cifras do comezo desta semana apuntan, por tanto, á chegada a unha nova fase da crise. O impacto está a ser moi grande, e quedan aínda moitas incertezas por resolver unha vez se comece a levantar de forma gradual o confinamento. Moitas miradas diríxense cara os cálculos da inmunidade da poboación xeral, é dicir, coñecer todos os chanzos da pirámide de persoas que estiveron expostas ao SARS-CoV-2. Xa hai grupos de investigación de numerosos países traballando nestes estudos, que condicionarán en boa parte as medidas a tomar en cada rexión do mundo á espera da vacina.

Hai voces que expoñen o suposto de que Galicia, como outras zonas nos que o impacto desta primeira ondada foi menor, podería estar nun maior risco fronte a unha posible segunda vaga do virus, cara ao outono, que contaxie a unha poboación con menor inmunidade global fronte á epidemia. Isto podería levar, por tanto, a distintas medidas respecto a outras rexións. Son, de todas formas, incertezas que a ciencia e as decisións baseadas nela deben resolver nas vindeiras semanas e meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.