Xoves 25 Abril 2024

Un simulador prevé unha segunda onda de 14 millóns de contaxios sen illamento social

O simulador Epigrah, procesado nun supercomputador, achega predicións que recomendan unha saída gradual do confinamento con restricións

Non se pode saír da actual situación de confinamento sen adoptar medidas de distanciamento social. Porque diversos estudos apuntan a que se produciría unha segunda onda epidémica con resultados mesmo máis complicados que a actual. Así que todo apunta a que non haberá unha ‘volta á normalidade’ previa á crise, senón un regreso ordenado e con fortes restricións.

O último traballo científico nesta liña foi presentado este venres e calcula que, de levantar o confinamento domiciliario sen illamento social, viría unha segunda onda epidémica en España cun brote de entre 3 e 14 millóns de infectados.

Publicidade

Así son os datos dun simulador informático que recrea a propagación da COVID-19 en Europa. Para o caso de España, os resultados iniciais apuntan que as persoas infectadas superan os tres millóns, incluíndo as asintomáticas, pero poderían chegar a 14 millóns durante unha segunda onda se non se tomasen medidas de distanciamento.

Evolución dos casos en Europa, calculados por Epigraph.

Os casos confirmados de coronavirus en España roldan os 117.000 con data 3 de abril, pero segundo o novo simulador informático que deseñou e validou un equipo de investigadores españois a cifra pode superar os tres millóns, aproximándose ao que indican outras estimacións recentes.

O novo simulador chámase Epigraph e permite estudar a evolución da enfermidade COVID-19 en toda Europa en función de parámetros como o clima, as políticas de distanciamento social e o transporte.

O traballo realizárono científicos e tecnólogos da Universidade Carlos III de Madrid (UC3 M), o Centro Nacional de Epidemioloxía (CNE) e o Consorcio Centro de Investigación Biomédica en Rede (CIBER) do Instituto de Saúde Carlos III ( ISCIII), xunto ao Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación (BSC- CNS).

Coa nova ferramenta pódese analizar como se propaga o coronavirus SARS-CoV-2 e modelar a curva da enfermidade, incluíndo as medidas de illamento, realizar unha predición de evolución en función das actividades permitidas e avaliar o posible efecto da vacinación sobre a difusión da epidemia.

Deste xeito obtivéronse os resultados que apuntan a que o número de casos pode ser bastante maior que os detectados a nivel nacional, situándose por riba dos tres millóns de persoas afectadas, incluíndo as asintomáticas.

O modelo revela que hai un alto perigo dun segundo abrocho se non se toman medidas

Noutro escenario no que simularon como sería o proceso de reincorporación aos traballos presenciais, atoparon que se se fai unha reincorporación laboral sen complementarse con medidas de distanciamento social e protección persoal, a epidemia podería volver reproducirse cunha probabilidade moi alta.

Neste caso, o número de persoas infectadas durante unha segunda curva podería estar entre tres e 14 millóns, en función da política de distanciamento aplicada.

O Imperial College calcula que España ten 7 millóns de casos de coronavirus

Este simulador permite recrear as características sociais de diversos grupos de poboación (estudantes, traballadores, anciáns e os non ocupados laboralmente), as súas relacións en distintas contornas (escola, traballo, fogar e durante o tempo de lecer) e un modelo de transporte que simula a dinámica espacial da propagación do virus entre distintas rexións.

Ademais, EpiGraph tamén inclúe un modelo da interacción entre a propagación da COVID-19 e factores climáticos e meteorolóxicos, como a temperatura, a presión atmosférica e os niveis de humidade.

Este traballo coordinouse no grupo de Arquitectura de Computadores, Comunicacións e Sistemas (ARCOS) da UC3 M, con experiencia en simulación de sistemas en tempo real e en computación de altas prestacións, entre outras liñas de investigación. Ademais da participación de científicos e tecnólogos do BSC-CNS e do ISCIII, colaboraron desde o Wuhan Center for Disease Control & Prevention.

O novo simulador engade argumentos a que a saída do confinamento será gradual. Diversos expertos falan xa de permisos de saída á rúa por idades ou grupos de risco, de primeiros pasos de permisos para nenos pequenos acompañados dos seus pais, da obriga de levar máscara ou dun peche prolongado de locais de lecer como bares, cines ou teatros. Ademais, a apertura pode ser reversible, segundo como se comporte a curva epidémica. China, por exemplo, abriu 600 cinemas e teatros e tivo que pechalos en poucos días. Así que o simulador Epigraph marca o camiño: ata que exista un tratamento ou unha vacina, a volta a certa normalidade non será doada…

Aquí podes consultar o proxecto Epigrah

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade