Case o 70% dos concellos, sen casos de Covid-19 na última semana

O comité clínico aborda este martes posibles cambios nas restricións e os detalles concretos sobre o uso da máscara en espazos exteriores

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia no seguimento da pandemia da Covid-19 abordará este martes novos pasos na volta a unha maior e relativa ‘normalidade’ despois da fase aguda da crise sanitaria. Nunha semana de importantes fitos (chegouse ao millón de persoas vacinadas en Galicia con pauta completa e o sábado levantarase a obrigatoriedade do uso de máscara ao aire libre, canto menos, en boa parte das situacións), o grupo de expertos e a consellería de Sanidade deseñarán o escenario que rexerá a partir da vindeira fin de semana.

As decisións tomaranse nun contexto epidemiolóxico que continúa mellorando: só tres concellos (Malpica, Camariñas e Soutomaior) mantéñense no nivel medio de restricións, que limitan a capacidade en maior medida nos locais de hostalaría. A incidencia acumulada mantense estable no conxunto de Galicia, arredor dos 40 casos/100.000 habitantes a 14 días e 20 a 7. Porén, segue medrando o número de concellos libres de coronavirus nas últimas xornadas; se a comezos de mes eran arredor de 205, a cifra xa sobe á contorna dos 215; isto é, preto do 70% dos municipios non rexistra infeccións, canto menos, desde o pasado 14 de xuño. Estendendo o rango temporal ás dúas semanas anteriores, son case a a metade: 165 dos 313 concellos galegos.

Publicidade

Alén de que boa parte do territorio non rexistre transmisión nas últimas semanas, é salientable que apenas 16 concellos -entre eles as sete cidades- suman 10 ou máis casos na última semana. Son A Coruña (107), Ourense (52), Vigo (43), Lugo (29), Cambre (23), Culleredo (18), Arteixo (16), Poio (15), Ferrol e Pontevedra (14), Narón (13), Oleiros e Santiago (12), Castroverde (11), e Ordes e Vilagarcía de Arousa (10). E só tres municipios máis (Carballo, Malpica e Sarria) superan a cifra dos 10 casos nas últimas dúas semanas. O resto dos concellos móvese entre 1 e 9 casos, rango no que informa Sanidade nas zonas que rexistran unha incidencia menor do virus.

En canto á incidencia acumulada nos concellos, apenas catro, con baixa poboación, están por riba do indicador de 250 na última semana. Son Vilarmaior, Portomarín e Castroverde (neste último caso, débese a un surto vinculado ao ámbito laboral que disparou a incidencia na última semana). A 14 días, superan os 250 casos, ademais dos tres concellos mencionados, A Merca, Camariñas, San Sadurniño, Moeche e Toques. A tendencia nestes casos é descendente.

Publicidade

Podes consultar a situación de todos os municipios neste mapa:

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro