As discrepancias cos datos entre a Xunta de Galicia e o Goberno español provocaron nos últimos días unha distorsión na información que se achega á cidadanía.

Os cambios desde Galicia volven alterar os datos da Covid-19 que difunde España

Despois de case dúas semanas, o Ministerio de Sanidad inclúe por primeira vez os casos detectados só por PCR, o que reduce a cifra de acumulados a 8.697

“Reiteramos unha vez máis a necesidade de contar con todos os datos, que se ofrezan con total información e transparencia, porque seguen sendo claves os datos agregados no conxunto de España para facer as comparacións homoxéneas, sobre todo cando se empeza a fase de reactivación económica e social”, expuxo este xoves o presidente da Xunta. Pero a confusión xerada polos cambios de criterio á hora de comunicar á cidadanía a evolución da epidemia da Covid-19 en Galicia e España viviu este xoves un novo episodio relacionado cos datos achegados desde o Servizo Galego de Saúde. A pesar de que o Goberno solicitara desde hai case dúas semanas (por unha orde do BOE do 17 de abril) ás comunidades autónomas que diferencien entre casos diagnosticados por PCR e por tests de anticorpos, non foi ata este 30 de abril cando a serie dispuxo, por primeira vez, desta cifra no caso de Galicia, a única autonomía que seguía sen facelo desde hai unha semana.

Deste xeito, os casos confirmados desde o comezo da epidemia eran na mañá do xoves 8.697, fronte aos 9.466 notificados o mércores. A redución débese á eliminación da táboa dos casos confirmados mediante tests de anticorpos, que Galicia seguiu incluíndo na cifra achegada ao Ministerio a pesar dos criterios marcados desde Madrid. Segundo indicaba Sanidad na súa actualización diaria, todas as comunidades indicaban só os positivos detectados por PCR agás Galicia, “ao non ser posible calcular o incremento exclusivamente de casos confirmados por PCR”. Isto non quere dicir, por tanto, que haxa menos casos acumulados no total, senón que se contan de forma distinta. Aos 8.697 habería que sumar, por tanto, arredor de 800 confirmados por anticorpos, que é difícil localizar na serie temporal debido á non comunicación deste dato desde as administracións central e autonómica.

Despois de que Galicia cumprira finalmente coa petición, Sanidad confirmou o xoves 22 casos novos de Covid-19 diagnosticados por PCR en Galicia. Porén, horas despois, Feijoo falou de 40, o que engade aínda máis confusión ás cifras. O presidente da Xunta facilitou verbalmente o dato que nas últimas actualizacións non achega o Goberno central, o dos positivos de anticorpos, que foron 100 no día de onte. Estes positivos (140 en total) coinciden coa táboa publicada por Sanidad (baixo estas liñas), que amosa unha suma de casos confirmados por PCR e anticorpos moi semellante á notificada o mércores (138), polo que a cifra ‘correcta’, neste caso, sería a facilitada pola Xunta, pero que o Goberno español non aclarou ao non dar datos separados dos positivos por anticorpos.

Evolución dos novos casos confirmados en Galicia mediante PCR e anticorpos, despois de que este xoves comezaran a notificarse os positivos deste último tipo de proba.
Evolución dos novos casos confirmados en Galicia mediante PCR e anticorpos, despois de que este xoves comezaran a notificarse os positivos deste último tipo de proba.

O cambio prodúcese días despois de que o pasado domingo o presidente da Xunta aludira aun erro de información para explicar esta situación, insistindo en que Galicia era a comunidade “que máis informa ao Goberno de que tipo de tests estamos realizando desde ao principio”, pese a que á hora de expoñer os datos, Sanidad non diferenciaba os diagnósticos notificados polo Sergas. Con todo, Feijoo expuxo que “hai cousas que non compartimos” no criterio do Ministerio. “Se ata o momento contabamos todos, o que non ten sentido é excluír os tests doutra tipoloxía e só contar a efectos de contaxio os PCR”, afirmou o presidente, aínda que Sanidad non pide excluílos senón, tal e como explica a orde do BOE, diferenciar como se realizou o diagnóstico.

O venres pasado, o director do Centro de Coordinación y Alertas Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, aclaraba que a decisión de diferenciar ambos métodos de detección debíase á necesidade de “comprender mellor a epidemia“. Engadía que nos días pasados “a mestura das diversas técnicas diagnósticas dificultou a interpretación dos datos“. Debido a isto, a serie tivo que ‘limparse’ para ubicar o tempo os casos notificados por probas de anticorpos, que podían ser “infeccións previas pero non activas”.

Cambio nos datos de UCIs, hospitais e curados

Outro dos cambios notificados nos últimos días desde Galicia, e que afecta á información que difunde o Goberno español, refírense ás hospitalizacións. A Administración galega volveu ser a última en incorporarse á petición de información do Ministerio de Sanidad, xa que ata o esta semana non informaba das cifras acumuladas de persoas que requiriron ingreso na UCI e outras unidades de hospitalización (ver PDF).

Outra das alteracións na serie temporal, que nestes casos afecta á información que difunde o Sergas, refírese ao criterio para considerar como caso de coronavirus a un paciente ingresado no hospital. Un cambio neste criterio provocou que este xoves se producira a maior baixada desde o comezo da crise na cifra de hospitalizacións por Covid-19. A razón explicouna, de novo verbalmente, o presidente da Xunta na súa comparecencia, pero o Sergas non aclarou na súa nota de prensa este cambio. Feijoo explicou que se unha persoa ingresada polo coronavirus dá negativo posteriormente nunha proba PCR, deixa de considerarse caso activo. É dicir, pode seguir ingresada no hospital, e mesmo na UCI, pero ao dar negativo sae do número de pacientes afectados pola doenza. Este cambio, segundo a Xunta tamén corresponde a unha orde de Sanidad. E isto explica, por tanto, a notable baixada de hospitalizacións por Covid-19 a pesar dos novos ingresos dos que informou o Ministerio (2 en UCI e 11 noutras unidades).

Ademais da situación dos hospitais, a distorsión máis relevante nos últimos días foi a súbita alta domiciliaria de 3.552 persoas en Galicia do martes ao mércores. Este dato, que tamén Galicia ofreceu con atraso respecto á meirande parte das comunidades autónomas, provocou, polo seu volume, un ficticio ‘récord’ de curacións nun día en España (6.399), que na realidade foi menor xa que estas curacións se viñan producindo nas últimas semanas. Porén, o Sergas decidiu non informar ata o mércores deste cambio ata que se tivera “unha base sólida” para confirmar estas “altas domiciliarias” ademais das “altas hospitalarias”, que si se viñan informando.

Os datos de España foron incompletos durante días ao non recibir desde Galicia a información que solicitaba o Ministerio

Dificultade de acceder aos datos de Galicia

Tanto medios de comunicación que están informando na crise como numerosas institucións locais e cidadáns que están seguindo as cifras da epidemia desde Galicia veñen expoñendo a dificultade para acceder aos datos da epidemia. Ademais da inexistencia da información municipal pública e accesible (no que Galicia é unha excepción na península ibérica), o Sergas non facilita na información diaria, por exemplo, os novos casos confirmados, para o que hai que acudir ao Ministerio de Sanidad. Acontece o mesmo cos novos ingresos hospitalarios: aínda que o Sergas envía esa cifra a Madrid, non informa deste dato nos seus comunicados diarios. Do mesmo xeito, e ao contrario tamén de boa parte das comunidades autónomas, Galicia non fai público o perfil demográfico dos afectados.

Na outra banda, Galicia si achega informacións das que non se dispón noutras comunidades, como é a de probas PCR realizadas desde o comezo da crise. Porén, é un número que non se corresponde co total de persoas analizadas con esta técnica, xa que é habitual que se lle realicen dúas probas a un mesmo paciente (ás veces máis) para comprobar a evolución da doenza. Porén, e a pesar das reiteradas peticións de información, o Sergas non aclarou desde o seu gabinete de comunicación (ao contrario de que si fan de forma centralizada boa parte das comunidades autónomas), as probas PCR que se realizan en cada unha das sete áreas sanitarias. No tocante ás outras probas diagnósticas, as de anticorpos, o único dato coñecido ata agora é o facilitado verbalmente nas roldas de prensa do presidente da Xunta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.