Sábado 27 Abril 2024

Dous galegos, no primeiro estudo que describe as evidencias da Covid-19 na pel

Os dermatólogos Ignacio García Doval e Juan García Gavín participan nunha análise en 375 pacientes que tiveron lesións cutáneas durante a infección

No medio da avalancha informativa arredor da pandemia do coronavirus, xurdiron nas pasadas semanas varias informacións arredor das posibles lesións cutáneas que a infección do SARS-CoV-2 podía causar nos pacientes. Eran, en moitos casos, descricións illadas sen unha metodoloxía e unha análise clara que sustentara a posible relación entre a Covid-19 e determinados problemas na pel a partir dun número considerable de pacientes. Ata agora. Porque un estudo denominado COVID-Piel, impulsado pola Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV), na que o galego Ignacio García Doval é o director da Unidad de Investigación que deu soporte ó estudo, clasifica por primeira vez os síntomas que a Covid-19 produce na pel de persoas que padecen a enfermidade. Na investigación tamén colabora outro dermatólogo galego, o vigués Juan García Gavín.

A análise, que recolleu en apenas dúas semanas os datos de 375 pacientes infectados polo coronavirus, foi publicada este xoves no British Journal of Dermatology, é froito dunha colaboración de case un cento de dermatólogos españois. García Doval encargouse de organizar a metodoloxía usada e analizar e interpretar, coa axuda do resto do equipo, as fotografías realizadas á pel dos afectados. Segundo detalla a AEDV, o estudo é o primeiro que toma imaxes de cada paciente estudado.

Publicidade

Cinco patróns na pel

A través dun método de consenso, a análise estableceu cinco patróns de manifestacións cutáneas: erupcións semellantes a frieiras nas mans e pés (19%); erupcións vesiculosas (9%); lesións  urticariformes (19%); erupciones máculo-pápulosas (47%) e livedo-reticularis ou  necrose (6%). Porén, cada unha delas aparecía en perfís distintos.

A lesión cutánea máis frecuente é a das máculo-pápulas, cun cadro dermatolóxico é con frecuencia similar ao doutras infeccións víricas. En ocasións mostraban patróns específicos, como a distribución peri-folicular, ou similar a  pitiriase rosada ou eritema multiforme. Duran 8 ou 9 días de media e tamén se viron en pacientes máis graves.

Lesión máculo-papulosa, a máis habitual que se detectou no estudo. Foto: AEDV.
Lesión máculo-papulosa, a máis habitual que se detectou no estudo. Foto: AEDV.

As frieiras, xa descritas nalgunhas informacións anteriores, apareceron en pacientes máis novos, cunha duración media de 12,7 días, sobre todo nas etapas tardías da infección e asociadas a prognósticos menos graves.

Frieiras detectadas nas dedas de pacientes de Covid-19. Foto: AEDV.
Frieiras detectadas nas dedas de pacientes de Covid-19. Foto: AEDV.

As erupcións en forma de vesícula víronse sobre todo no tronco, con formas moi semellantes, e ás veces asentándose nas extremidades, xerando mínimas hemorraxias. O estudo mostrou que este tipo de manifestación asóciase a unha gravidade intermedia e é máis frecuente en pacientes de idade media. Adoitan durar uns dez días e aparecer xunto cos síntomas xerais, e mesmo en etapas previas

As lesións urticariformes, o terceiro tipo de patrón, rexistráronse no 19% dos casos, víronse principalmente no tronco ou dispersas polo corpo, nalgún caso nas palmas das mans. A súa duración media é de 6,8 días e adoitan producir un proído intenso. Este tipo de manifestación observouse en pacientes máis graves e con máis frecuencia apareceron ao mesmo tempo que outros síntomas vinculados á  Covid-19. Estas manifestacións teñen menor valor para o diagnostico, porque poden tamén ser causadas por fármacos.

Lesión cutánea en forma de vesículas nun paciente de Covid-19. Foto: AEDV.
Lesión cutánea en forma de vesículas nun paciente de Covid-19. Foto: AEDV.

Finalmente, as lesións que orientan a obstrución vascular, como a chamada livedo-reticularis e a  necrose, atopáronse no 6% dos casos, sobre todo nos pacientes de máis idade e máis graves, nun grupo no que se rexistrou un 10% de mortalidade. Os pacientes amosaron graos diferentes de afectación, incluíndo áreas de  isquemia nas extremidades ou no tronco. Con todo, as manifestacións da Covid-19 neste grupo foron máis variables, como é o caso da livedo- reticularis transitoria en pacientes novos con boa evolución da infección.

“O traballo clasifica de forma sistemática as lesións que se atoparon, e pode sentar as bases da investigación que se faga a partir de agora ao respecto”, explica a GCiencia Ignacio García Doval. “É un procedemento complexo, porque hai que garantir a seguridade no contacto cos pacientes e a súa privacidade”.

Apunta tamén Ignacio García Doval que esta investigación amosa “a fortaleza da investigación da dermatoloxía española, xa que é un traballo que ata o de agora non se fixera a esta escala en ningún outro país afectado pola actual pandemia”. Así, destaca, “é un traballo que se fixo en apenas un mes, cando o normal é que se desenvolva durante un mínimo de seis meses pola carga de traballo que supón, pero cremos que a situación actual requiría deste esforzo”.

Método de diagnóstico en zonas con difícil acceso a probas

Segundo destaca o investigador galego, a descrición destes patróns cutáneos pode valer tamén como posible método de diagnóstico en áreas desfavorecidas onde non se dispoña de acceso a probas diagnósticas. “Se pensamos en zonas de África, América Latina ou Asia onde non hai acceso a tests, identificar estas lesións en persoas cun cadro clínico compatible coa Covid-19 podería axudar a tomar medidas de illamento para frear a propagación do virus”, engade García Doval.

Con todo, o dermatólogo chama á precaución á hora de vincular calquera lesión cutánea coa Covid-19. “Non se pode transmitir a idea de que calquera problema na pel pode ser sinal de coronavirus. En case todos os casos estamos falando de persoas cun cadro clínico que tamén inclúe os outros síntomas da doenza, como tose, febre, ou malestar xeral, e a interpretación das lesións cutáneas esixe certa experiencia”.


Referencia: Classification of the cutaneous manifestations of COVID‐19: a rapid prospective nationwide consensus study in Spain with 375 cases (Publicado en British Journal of Dermatology).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias