Xoves 18 Abril 2024

O aumento de casos de Covid-19 concéntrase en Lugo e Ourense

As altas hospitalarias en Galicia (333) duplícanse desde o luns, pero contabilízanse xa 130 defuncións desde o comezo da crise polo SARS-CoV-2

(en actualización – 13 horas) – Galicia conta, segundo os datos ao mediodía deste xoves pola Consellería de Sanidade, con preto de 4.400 casos activos de persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, é dicir, as que están con positivo confirmado por proba diagnóstica e en seguimento das autoridades sanitarias. Desde o comezo da crise, tal e como informou o Ministerio de Sanidad na mañá do 2 de abril, son 4.842 as persoas que deron positivo nas probas diagnósticas, cifra á que hai que descontar os falecementos e as altas. A boa nova da información achegada este xoves pola Dirección Xeral de Saúde Pública é que o maior incremento en porcentaxe dentro dos números do coronavirus en Galicia é o das altas concedidas. 74 persoas recibiron a alta hospitalaria nas últimas horas (un 28,57% máis), e a cifra total (333) duplicouse desde este luns.

Con todo, producíronse 15 novas mortes de persoas afectadas pola Covid-19 en Galicia, o que eleva o total a 130, aínda que o incremento é o menor en porcentaxe desde hai dúas semanas (13,04%). Segundo o Goberno español, houbo 410 casos novos en Galicia entre a noite do martes e o mércores (cando se pecharon os datos difundidos o xoves), e tal e constatan diversas fontes, son preto de 140 os concellos galegos afectados por algún caso de coronavirus. Arredor do 15% dos casos documentados rexístranse en residencias de maiores e persoas con discapacidade.

Publicidade

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 954 persoas na área da Coruña-Cee, 520 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 660 na de Ourense-Verín-O Barco, 393 na de Pontevedra-Salnés, 1.018 na área de Vigo, 591 na de Santiago-Barbanza, e 243 na de Ferrol.

Respecto aos datos do mércores, Ourense (101 casos máis) e Lugo (64), experimentan o maior aumento de casos activos respecto ás anteriores cifras, mesmo por riba das áreas sanitarias de Vigo (63) e A Coruña (48) con maior poboación cás das provincias orientais. Lugo (520) case duplicou os positivos respecto ao luns (289). Pola contra, Pontevedra-O Salnés é a área na que máis amodo medran as cifras na última semana, con só 45 positivos activos máis (393) respecto ao luns (348).

Así foi a evolución de casos activos por áreas sanitarias na últimas semana.

En canto aos concellos, é posible, por tanto, que existan persoas afectadas en máis municipios, aínda que non trascenderan por diversos motivos, xa que boa parte dos pacientes da Covid-19 (máis dun 77% dos casos documentados) están sendo atendidos nos seus domicilios. Algúns concellos recoñecen a presenza de casos e fanos públicos para informar á veciñanza, pero outros optan por remitirse aos datos que ofrece a Xunta ante a falta de confirmacións oficiais.

A incidencia en cada municipio é moi cambiante, toda vez que existen focos meirandes nalgunhas residencias de maiores e persoas con discapacidade, persoal sanitario, ou relacionados con viaxes do Imserso realizados nas datas previas ao confinamento ao Mediterráneo, así como casos importados desde zonas máis afectadas ata o de agora pola doenza. Este é o mapa no mediodía do xoves 2 de abril:

(Preme sobre cada un dos concellos para ver máis detalles).

Máis altas, máis xente na casa

Do total de pacientes que cos datos consolidados o mércores ás 21 horas estaban sendo atendidos polo novo coronavirus, 165 deles permanecen en UCI (un 3,77%), 819 están en unidades de hospitalización (16,91%) e 3.395 no domicilio (77,53%).

As cifras e porcentaxes de altas e persoas atendidas no domicilio (con síntomas máis leves en boa parte dos casos) son dúas das boas noticias que se poden tirar da situación en Galicia, alén das tristes novas de falecementos e  o alto número de persoas ingresadas en hospital e UCI, que posiblemente aumentará nos vindeiros días. Así, segundo se pode ver baixo estas liñas, 3 de cada 4 positivos confirmados están sendo atendidos na casa (área amarela) e comeza a aumentar nos últimos días a anchura da liña verde (o das altas).

Sanidade informou, como vén facendo desde hai case dúas semanas do número de probas PCR realizadas, que é de 21.360 desde o comezo da crise (2.028 máis có día anterior). Este gráfico representa a relación entre os casos novos confirmados cada día por Sanidad e as probas novas respecto aos datos do día anterior.

Esta é a situación en España segundo os últimos datos de Sanidad:

Novo máximo con 950 mortos en 24 horas que racha a cota dos 10.000

En Portugal:

E no resto do mundo, onde os Estados Unidos superou xa os 200.000 casos e Italia e España, os 110.000.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña