Turismo industrial: outro xeito de achegarse á historia

A Deputación da Coruña propón unha serie de rutas que percorren o patrimonio mineiro, agrogandeiro, artesán ou pesqueiro da provincia

As principais atraccións turísticas adoitan cativar aos visitantes polo seu valor natural ou arquitectónico, mais tamén é posible achegarse a novos lugares a través da pegada que o enxeño das comunidades locais deixou no territorio. A industria foi e é o motor do desenvolvemento socioeconómico nos últimos séculos, e nela son patentes os avances que a ciencia e a enxeñaría acadaron para mellorar a vida das sociedades contemporáneas.

Na provincia da Coruña, cunha estreita relación co mar, mais tamén coa actividade agrogandeira, artesá ou mineira, son moitos os recunchos que nos permiten viaxar cara a atrás no tempo para coñecer mellor o territorio. Así, a Deputación provincial ofrece unha serie de percorridos de turismo industrial, agrupados en cinco áreas temáticas:

Natureza e enerxía

No norte da provincia, nas comarcas de Ferrolterra, Eume ou Ortegal, as peculiaridades xeolóxicas da zona e a forza do vento e da auga moldearon desde moitos séculos atrás a actividade da súa poboación. A ruta de turismo industrial pola zona permite achegarnos a enclaves como Punta Candieira, Estaca de Bares, cabo Ortegal, Santo André de Teixido, muíños de vento e mareas. estacións hidroeléctricas ou conserveiras que nos revelan unha cara non tan coñecida desta zona. Tamén é posible aproveitar a viaxe para percorrer museos, mosteiros, castelos ou miradores que poñerán a guinda á ruta.

Camiños de terra e auga

A carón do río Ulla, que á súa vez separa as provincias da Coruña e Pontevedra, podemos mergullarnos nunha área cunha gran tradición agrogandeira. As beiras do Sar, afluente do Ulla, son tamén os espazos polos que se teceu a vida de Rosalía de Castro. Nesta ruta poderemos achegarnos á cetárea de Benboa, instalada nunha antiga fábrica de salgaduras, subir ata o mirador da Curota, que nos permite albiscar o verxel mariño de Arousa, coñecer de preto o proceso de cultivo dos pementos de Herbón, a produción de viño, augardente, queixo ou mel nas comarcas do Sar, Compostela ou Arzúa,

Reinventando a alimentación

Na comarca das Mariñas, a proposta achéganos a empresas que apostaron por conservar e potenciar os métodos e produtos tradicionais, adaptándose ao presente e mirando cara ao futuro. A viaxe permitirá coñecer proxectos como Bonilla a la Vista, Portomuíños, Casa Grande de Xanceda, Mondi, Queixos Brexeo, Da Cunha ou Mariscos del Noroeste, pero tamén enclaves moi relevantes como a Torre de Hércules, o muíño de mareas de Acea de Ama ou os conxuntos etnográficos de Brañas de Valga ou Costa de Égoa.

O mar e os seus oficios

A Costa da Morte é unha rexión que leva séculos vivindo por e para o mar, o que xerou unha cultura e unha forma de vida moi características. A visita ás rías de Corme e Laxe ou Malpica achegaranos ao labor das percebeiras, mariscadoras ou redeiras, oficios marcados a lume na sociedade local. Continuando cara ao sur, a artesanía do encaixe e a conserva en Camariñas, os secadoiros de congro en Muxía e a visita enclaves míticos como A Barca ou cabo Fisterra quedarán gravados na nosa memoria.

Construíndo o cotián

A última das rutas achéganos á artesanía da cerámica e a industria téxtil, desde a traxectoria milenaria dos oleiros ata as empresas que son punteiras no mundo hoxe. Esta proposta lévanos aos Batáns de Mosquetín ou ao Castelo de Vimianzo, ao Museo de Encaixe de Camariñas, a unha interesante ruta oleira por Buño ou a Sargadelos, entre outros espazos que nos axudarán a coñecer mellor un rico patrimonio cultural e económico.


Podes descargar a Guía de Turismo Industrial nesta ligazón (PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.