Xoves 25 Abril 2024

Os Ancares reciben o distintivo Observer de Turismo Científico

O programa abrangue un amplo espazo ocupado por 16 concellos entre Ancares e O Courel

As montañas dos Ancares e O Courel recibiron o distintivo como Espazo Observer Turismo Científico, e que outorga a este territorio a categoría de reserva científica. No acto participaron o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, a responsable deste sistema de certificación, Maite Vence Fernández, e o técnico encargado da avaliación e redacción do informe, Xabier Vázquez Pumariño.

O proxecto, emprendido por iniciativa da Deputación en agosto de 2018 cunha achega de 70.000 euros, remata así a súa primeira fase, dando paso, de agora en diante, á realización de accións concretas sobre o terreo, destinadas a promocionar turisticamente o territorio como reserva científica, para crear un turismo de calidade.

Publicidade

Este proxecto abrangue aos 16 concellos integrados no territorio: Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. En total, o territorio cobre 102.635 hectáreas entre Os Ancares e O Courel na que será a maior zona de estudo científico de Galicia.

Vidal Baamonde subliñou que “é unha satisfacción conseguir que o territorio Ancares-Courel logre este distintivo e que se valoren positivamente as súas características excepcionais e a súa riqueza natural. Este é un espazo único no que xa se veñen desenvolvendo actividades científicas, non só de carácter turístico senón tamén de investigación. O Turismo Científico confórmase como un modelo que permite crear conexións sostibles entre o turismo, a conservación da biodiversidade e a ciencia en espazos protexidos como son as montañas de Ancares e O Courel. Ao mesmo tempo, este tipo de turismo vencellado á Ciencia supón un motor de desenvolvemento económico cun importante efecto multipli¬cador para os Concellos que integran o territorio”.

Os Ancares: viaxe ao cume do Tres Bispos

“A zona dos Ancares e O Courel xa conta con outros selos de protección, como son a Reserva da Biosfera, no primeiro caso, e a Rede Natura 2000, en ambas as dúas demarcacións. O Courel tamén opta este ano ao recoñecemento de Xeoparque Mundial da Unesco, polo que queda claramente de manifesto o interese pola protección dos valores naturais desta zona. Unha aposta que reforzamos dende o Executivo Provincial para converter este paraxe nun enclave destacado para atraer cada vez a un maior número de visitantes”, destacou.

O Deputado de Turismo explicou que “para a implantación do Turismo Científico cómpren determinadas accións coordi¬nadas e ordenadas no tempo que precisan continuidade. Igualmente, a coordinación entre os diferentes actores presentes no territorio, é fundamental”.

Vidal Baamonde anvanzou que “entre as accións iniciais, a máis importante é dotar ao destino dunha denominación común en paralelo coa creación dun órgano de coordinación cun xestor ou responsable do mesmo. A partir de aí desenvolveranse distintas liñas de traballo que será o que marque o inicio da estratexia de Turismo Científico para as Montañas de Ancares e O Courel”.

“Deben ser tecidas redes de traballo entre os diferentes axentes, tanto a Deputación como os Concellos, a USC/Estación Científica do Courel e Xeoparque, como empresas, asociacións e outras entidades que poidan traballar no territorio neste campo de actuación”, salientou.

A Deputación encabezou esta iniciativa en agosto de 2018, enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Turismo, que busca que a montaña lucense conte cun proxecto turístico pioneiro, acorde co potencial dos seus moitos recursos naturais.

O distintivo Observer
O sistema de certificación Observer creouse coa finalidade de fomentar e mellorar a calidade das accións relacionadas co Turismo Científico sostible e de calidade. Permitirá unificar ciencia, divulgación científica e turismo nun só distintivo para as montañas dos Ancares e O Courel. Así mesmo, o selo contempla o turismo científico como unha modalidade moderna de turismo que garante a sustentabilidade e a participación, e facilita o acceso a todos os sectores da poboación, incluso aqueles con ne¬cesidades especiais ou de grupos minoritarios.

Tras superar o proceso de revisión e avaliación do potencial da zona, o territorio poderá desenvolver a creación dun ecosistema integrado de turismo científico Ancares-Courel, que buscará agora crear as estruturas necesarias para un turismo de calidade, avalado pola certificación Observer. En Galicia, só o Parque das Illas Atlánticas posúe este distintivo.

O Goberno Provincial pretende con este proxecto dar o pulo inicial a un turismo innovador, nunha rexión que conta cun dos maiores espazos naturais de Galicia e múltiples zonas de protección do medio natural. Entre elas, a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá; as zonas especiais de conservación (ZEC) Ancares-Courel; Zona Especial de Protección para as Aves dos Ancares (ZEPA), ambas pertencentes á Rede Natura 2000; Reserva Nacional de Caza; zona de Especial Protección do oso pardo; e a declaración como Paraxe Pintoresco da Serra dos Ancares en Cervantes.

2ª Fase
Unha vez acadado o distintivo do territorio Ancares-Courel como destino de turismo científico Observer, desenvolverase unha estratexia na que se contemplan preto de 10 accións a realizar ata o mes de agosto para impulsar o uso de recursos naturais e culturais cos que facer divulgación científica, co fin de promover o desenvolvemento de actividades turísticas, didácticas e lúdicas vencelladas á ciencia en calquera das súas disciplinas.

Entre estas actuacións estaría a creación dun grupo de traballo no que a Deputación contará coa participación da USC, os Concellos integrados na zona e outros axentes claves do territorio que teñan competencias en materia de divulgación ou xestión dos recursos naturais. A segunda fase tamén contempla a creación dunha páxina web, o deseño dun catálogo divulgativo de bens de interese científico deste espazo, así como cinco itinerarios temáticos ligados ao turismo científico e a creación dunha APP.

Ademais, desenvolverase unha programación anual de turismo científico, un seminario para empresas do sector sobre o mesmo e un seminario de formación para guías e informadores turísticos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O avistamento dun oso pardo nos Ancares constata a recuperación da especie en Galicia

Un veciño de Vilarelle, en Cervantes, consegue gravar un vídeo dun exemplar paseando pola serra

Faro de Ons, a torre que salvou vidas

Está situado a 128 metros sobre o nivel do mar e data do ano 1926

Os Ancares e O Courel, distinguidos como ‘Mellor destino de montaña 2023’

O selo Observer revalida a certificación aos dous espazos naturais, que xa recibiran o recoñecemento en 2019

O Xardín botánico de Padrón, novo destino Observer de Turismo Científico

O selo destaca as súas numerosas especies botánicas singulares e a organización de actividades periódicas para enxalzar a ciencia