Venres 19 Abril 2024

Oito destinos coruñeses de turismo científico urbano

Se visitas Galicia en vacacións, ou mesmo se vives aquí, unha boa forma de collerlle o pulso económico e cultural ao país é a través de visitas a lugares onde a ciencia, en maior ou menor medida, ten a súa pegada. Galicia posúe un nutrido ecosistema de divulgación científica que permite achegarse e coñecela, máis aló dunha visión estética ou puramente turística.

Comezamos, nesta ocasión, na Coruña, porque a pegada da ciencia nesta rexión galega é do máis sobresaínte, derivada especialmente das dúas institucións académicas que posúe: A Universidade de Santiago de Compostela, con 500 anos de antigüidade, e unha das máis antigas do mundo, e a Universidade da Coruña, institución moito máis nova, pero que vai deixando, dende 1989, a súa pegada histórica nas dúas cidades onde ten campus: A Coruña e Ferrol.

Publicidade

Resultado desta circunstancia académica, con Santiago como alicerce fundamental, esta provincia galega signifícase, ademais, porque representa un exemplo nas últimas décadas- adiantándose a outras rexións españolas- de construción e posta en valor de espazos diversos adicados á divulgación científica: museos, observatorios astronómicos, coleccións visitables en facultades, programacións regulares de divulgación e feiras científicas para todos os públicos, entre outras accións.

Daquela, se este verán queres ser un turista científico, A Coruña conta con recursos interesantes e especializados en diferentes áreas científicas, capaces de satisfacer a curiosidade dos visitantes máis esixentes.

Nesta primeira escolma seleccionamos oito espazos urbanos moi salientables, que presentan unha oferta de actividades de turismo científico periódicas, de excelente calidade e socialmente responsables. No entanto, hai máis exemplos, e moi variados, dos que tamén falaremos en ocasións sucesivas, pero hoxe queremos resaltar, sobre todo, aqueles lugares adicados á Historia da ciencia.

  1. Museo de Historia Natural de Santiago de Compostela

Museo de Historia Natural de Santiago. Foto: USC.
Museo de Historia Natural de Santiago. Foto: USC.

A historia do MHN comezou no S.XIX vinculado á cátedra de Historia Natural, e foi conformándose con aportacións de profesores da Universidade de Santiago de Compostela, doutros científicos e naturalistas, así como de particulares e institucións.

Conseguiu a categoría de museo no ano 1906, chegando a ocupar dúas plantas na que hoxe é a Facultade de Historia. No 1961 foi trasladado á actual Facultade de Química e dende 2014 está situado no parque de Vista Alegre, no edificio Luis Iglesias, creado ad hoc para albergar as distintas coleccións, e chamado así en honra a este profesor de bioloxía da USC ao que lle debemos a súa creación.

Actualmente este museo santiagués constitúe o conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia, xa que, entre as coleccións que alberga, destacan as resultantes dos traballos de investigación dos máis importantes naturalistas e científicos galegos dos séculos XIX, XX e da actualidade. Alberga, entre outros, máis de 25.000 exemplares de fauna e flora procedentes de todas as partes del planeta.

A historia de como o propio museo se foi conformando nos últimos dous séculos resulta tamén unha curiosidade interesante na que profundar.

2. Colección de Anestesioloxía e Reanimación da Facultade de Medicina da USC

O Camiño de Santiago está especialmente ligado a Historia da Medicina, e en concreto, ao desenvolvemento da Anestesioloxía en Galicia, e daquela tamén, ao avance da cirurxía. O Camiño foi dende sempre difusor e recolector de saberes médicos que chegaban a España desde Europa, e que desde Compostela se distribuían ao resto da cristiandade.

Proba disto é que os médicos do Hospital Real de Santiago, hoxe actual Hostal dos Reis Católicos, foron os primeiros a mediados do S.XIX en aplicar en España a anestesia con cloroformo. Anos máis tarde, a Escola Compostelá de Medicina foi pioneira na administración de anestésicos en España.

Algunhas das primeiras técnicas e aparellos empregados encóntranse recollidos na colección de Anestesioloxía e Reanimación exposta, de maneira permanente, na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dunha mostra monográfica, moi curiosa, que permite coñecer parte do antigo instrumental médico anestésico, cirúrxico e de reanimación de Galicia.

A colección complétase con outros aparellos doados por médicos galegos relacionados con outras especialidades médicas, fármacos, material cinematográfico e fotografías de figuras destacadas da medicina en Galicia. Unha xoia moi interesante.

3. Observatorio Astronómico Ramón María Aller

Vista do Observatorio Ramón María Aller. Imaxe: USC.
Vista do Observatorio Ramón María Aller. Imaxe: USC.

Situado no Campus Sur da Universidade de Santiago, foi fundado en 1943 polo sacerdote e catedrático Ramón María Aller, como continuación do observatorio particular que posuía en Lalín (Pontevedra). Este astrónomo e matemático lalinense foi pioneiro en España no estudo das estrelas dobres e múltiples.

A biblioteca do Observatorio é unha das máis completas de España no seu xénero. E entre a instrumentación histórica que posúe, sobresae un refractor doado polo propio Ramón María Aller, unha cámara de interferometría speckle e un fotómetro de ocultacións. Dende o año 2003 dispoñen dun telescopio de 62 Cm de apertura.

Ademais de levar a cabo diversos programas de investigación, da sinatura de convenios con institucións internacionais, e a organización e participación en congresos científicos, o Observatorio, dado o seu carácter universitario, realiza un intenso labor docente e de divulgación científica. Promove un amplo número de actividades nocturnas de divulgación científica para todos os públicos.

Un tesouro santiagués co que observar o ceo nocturno da man de grandes expertos.

4. Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt)

O Museo Nacional de Ciencia y Tecnología está situado no edificio Prisma de Cristal de A Coruña. É unha descentralización do museo orixinal situado en Madrid e creado en 1980.
Aínda que é de titularidade nacional, forma parte do conxunto de museos científicos que posúe a cidade herculina.

Esta sede coruñesa do MUNCYT alberga máis de 600 obxectos, entre instrumentos científicos, aparellos tecnolóxicos, vehículos de transporte, máquinas ferramenta e ferramentas industriais, desde o século XVI ata a actualidade. A maioría das pezas proceden de colexios e centros de ensino secundario, universidades e institucións científicas, coleccións particulares e doazóns.

No ano 2014 foi galardoado cunha mención especial no Certame ao Mellor Museo Europeo de 2014 celebrado en Tallin (Estonia) “pola súa capacidade para comunicar conceptos científicos e técnicos, o seu compromiso e responsabilidade social e por conservar o patrimonio tecnolóxico, industrial e científico de España e Galicia.

5. Casa das Ciencias e Planetario da Coruña

Casa das Ciencias da Coruña.
Casa das Ciencias da Coruña.

A Casa das Ciencias é un museo interactivo, do servizo municipal de Museos Científicos Coruñeses, que abriu as súas portas en 1985. Está situada nun palacete dentro do Parque de Santa Margarita, conta cun planetario, de obrigada visita, e tres plantas de exposicións: experiencias de física, exposición sobre péndulos e sobre a astronomía nos medios de comunicación. No oco da escaleira central oscila un péndulo de Foucault.

O planetario, denominado Sala de Proxección Galileo, permite representar sobre unha cúpula de 10 metros de diámetro todos os astros visibles a simple vista desde a Terra e reproducir os movementos que se observan no ceo. Pode mostrar o firmamento tal e como se ve desde calquera punto do planeta ou as posicións dos planetas noutras épocas. A capacidade é de 84 butacas.

As súas numerosas actividades inclúen exposicións, talleres, cursos, conferencias, publicacións e eventos singulares. Conta con programas de astronomía e sesións en directo coas que se pretende achegar o universo a todos los públicos.

Un imprescindible coruñés para os amantes da astronomía.

6. Aquarium Finisterrae

Vista xeral da Casa dos Peixes, coa Torre de Hércules ao fondo. Foto: Museos Científicos Coruñeses.
Vista xeral da Casa dos Peixes, coa Torre de Hércules ao fondo. Foto: Museos Científicos Coruñeses.

Tamén coñecido como Casa dos Peixes, é outro dos Museos Científicos Coruñeses, neste caso adicado á divulgación científica en temas mariños. Foi creado polo Concello da Coruña en 1999. É o maior acuario interactivo de Europa. O seu lema: “prohibido non tocar”.

Conta con catro salas de exposicións, con temáticas diferentes, e unha colección biolóxica composta por 338 especies diferentes. Unha das salas, a Nautilus, reproduce o gabinete do Capitán Nemo, de Xulio Verne. Tamén acolle unha sala de observación de cristal desde a que observar os miles de peixes que nadan ao redor dos visitantes, e entre os que se atopan tiburóns toro e aguias mariñas.

Non obstante, as verdadeiras estrelas do Acuario son as focas comúns do Atlántico Oriental, que se poden ver incluso desde a casa, usando a cámara web que o Aquarium pon a disposición.

Outro imprescindible coruñés para namorarse aínda máis do mundo mariño.

7. Domus da Coruña

Fachada exterior do Domus. Foto: mc2 Coruña
Fachada exterior do Domus.
Foto: mc2 Coruña

Anteriormente coñecida como Casa do Home, foi creada en 1995, e é o primeiro museo interactivo que trata de forma global e monográfica sobre o ser humano. Pretende divertir ao visitante, estimular a súa curiosidade e suscitar a reflexión sobre as características da especie humana a través de xogos interactivos.

O museo conta con 1500 m² adicados a exposicións, repartidos en case 200 módulos. Presenta ademais, entre outras, unha sección permanente adicada á evolución humana, chamada “Homínidos e Homínidas, a familia presumida”, que explora as posibilidades do home primitivo comparándoo co restos dos animais. Outra sección aborda a xenética do ser humano e explica conductas humanas que non son tan espontáneas como cremos.

O edificio, tamén de interese arquitectónico, simula a vela dun barco ao vento, e é obra do arquitecto xaponés Arata Isozaki e de César Portela.

8. Museo da Sociedade de Historia Natural de Ferrol

balea
Do teito do Museo da Natureza de Ferrol pendura desde este venres o esqueleto completo dunha balea de aleta (Balaenoptera physalus) de 18 metros e media tonelada, que embarrancou o19 de marzo do 2004 en Niño do Corvo, nunha praia cativa de Ponteceso (A Coruña).

A cidade de Ferrol alberga outro dos museos da provincia da Coruña con mais interese histórico. Trátase do Museo da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) que dende 2011 se atopa nun antigo edificio militar habilitado para acoller as coleccións que durante moitos anos sobreviviron no vello hospicio da Praza de Amboaxe.

O Museo xestouse xuntando pequenas coleccións, froito de anos de traballo de varias xeracións de naturalistas, e que nos seus inicios eran só amosadas entre os socios e visitantes habituais do antigo local social da SGHN en Ferrol. Conta con coleccións de insectos, bolboretas, rochas, conchas mariñas ou cetáceos, mesmo un esqueleto de balea de 18 metros varado nunha praia de Ponteceso. Algunhas das coleccións son das máis interesantes da península.

O criterio seguido para a formación das mostras expositivas é “que ningún animal sexa capturado ilegalmente, nin sacrificado ou danado e ningunha especie esquilmada para a súa mostra, mantendo sempre unhas normas éticas no seu contacto coa natureza, encamiñadas a non alterar o medio”. Un exemplo de bo traballo, respecto e coidado pola natureza levado a cabo durante décadas dende a SGHN.

Ata aquí esta primeira escolla dalgúns dos lugares máis interesantes a través dos que coñecer as pegadas da ciencia en Galicia. En próximas entregas, moito máis, porque como sempre dicimos: a ciencia está en todas partes e non queremos que pase desapercibida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España