Entroido, moito máis que unha festa

O Entroido é unha das celebracións ancestrais máis importantes da cultura galega e atrae a milleiros de persoas durante estas datas

Faltan poucos días para os días máis sinalados do Entroido, aínda que nalgúns lugares xa comezou e mesmo nalgunhas vilas xa o fixo nada máis terminar o Nadal. A orixe destas celebracións segue a ser escura a pesares dos diferentes puntos de aproximación a esta cuestión. Máis alá das diferentes opinións, o certo é que nestes días moitos lugares de Galicia, especialmente na provincia de Ourense, celebrarán de xeito moi diverso o que algún consideran a festa ritual máis importante da cultura galega.

Segundo explica o presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintiá, hai dúas grandes teorías para explicar a orixe do Entroido. Unha delas sinala que o Entroido xorde do propio cristianismo como un período de licencia antes dos rigores da Coresma. A outra relaciona esta festa coas antigas mascaradas de invernía, que xa tiñan lugar en diversos puntos de Europa antes do Cristianismo e que supoñen unha especie de esconxuro do inverno para que o sol volva a coller folgos e a terra volva a dar froitos. Hai quen tamén apunta a que o Entroido suma elementos de ambas orixes.

Publicidade

Quintiá apunta que non se pode establecer unha data concreta para sinalar cando xurde o Entroido en Galicia pero lembra que en lugares como Chantada hai ritos moi antigos relacionados coa rexeneración da terra. Como apunta o xornalista Federico Cocho no seu libro “A festa do Entroido” tamén hai precedentes do Entroido na época romana coas festas da Saturnalia e as Calendas de xaneiro. O autor irlandés James Frazer sostiña que as festas da Saturnalia eran “o Carnaval da Antigüidade”. Era unha celebración á inversa, que duraba entre tres e sete días a partir do 17 de decembro, e no que os escravos quedaban libres por uns días e dábanlle ordes aos amos.

O que está máis claro é a orixe da palabra entroido. Cocho sinala na citada obra que a palabra aparece por primeira vez nun documento de 1229 gardado no mosteiro de Sahagún. O termo procede da palabra latina “introitus” (introdución) que faría referencia á proximidade do período coresmal. A orixe é a mesma que no portugués e en castelán tamén hai palabras como “entruejo” o “antruejo” que teñen a mesma procedencia.

Publicidade

O factor principal que explica a maior forza do Entroido nas zonas do interior de Ourense e Lugo é que o proceso de desruralización da sociedade foi moito máis forte na franxa costeira galega. “O entroido é unha festa tradicional rural”, indica Quitiá, “e en lugares como Viana do Bolo, Manzaneda ou Vilariño de Conso segue a ter unha función social e segue a manterse a tradición das visitas as casas dos veciños para manter as relación sociais”.

O antropólogo sinala que nas vilas o entroido segue a ser algo “moi emotivo” aínda que as tradicións vense algo desvirtuadas. “Moita xente o que fai é ir a ver os desfiles cando o entroido é unha festa participativa. En todo caso tamén é importante dar a coñecer a festa noutros lugares e por iso o turismo ten aspectos moi positivos como é a recuperación de moitos entroidos. Creo que isto é importante porque para min o entroido é a festa ritual máis importante da cultura galega”, explica Quitiá.

Na súa opinión, pode ser perigoso limitarse a recuperar o entroido dende unha perspectiva unicamente turística. “Non é mala a recuperación do entroido mesmo en lugares onde nunca se celebrou pero o importante é que a festa non perda o seu carácter sagrado”, conclúe o antropólogo.

Viana, Vilariño e Manzaneda, o outro triángulo do entroido

Hai xa tempo que se fala do tríangulo que forman Verín, Xinzo e Laza como o epicentro do entroido en Ourense pero hai outro situado un pouco máis ao leste e que forman Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda e que sen dúbida ofrece unha boa mostra do entroido máis tradicional.

A espectacularidade dos traxes dos boteiros (Viana e Vilariño) e mázcaras (Manzaneda) é un dos atractivos dunhas celebracións que teñen as súas datas máis sinaladas entre o xoves de Compadres e o martes de Entroido. Cada unha destas localidades celebran dun xeito distinto cada un dos días grandes da festa.

En Viana, por exemplo, un dos momentos máis importantes chega o Domingo Gordo (este ano o 3 de marzo) no que se celebra o gran desfile de folións polas rúas da vila e tamén ten lugar a celebración da Festa da Androlla. A música e a danza teñen un papel moi importante en Manzaneda, onde se conserva unha fascinante danza feita polas mázcaras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A guía definitiva do Entroido ourensán: estas son as seis figuras imprescindibles

Un percorrido polas máscaras tradicionais que manteñen viva a celebración máis ancestral da provincia, das pantallas de Xinzo aos boteiros de Viana

Unha masa de aire polar marítima ameaza o Entroido: da tregua do sábado á volta das chuvias o domingo

A vindeira semana estará marcada por un ambiente moi húmido e por probabilidades de precipitación que acadarán o 90%

Unha potente borrasca atlántica pon Galicia en alerta por fortes ventos e intensas chuvias na fin de semana

O venres situarase un sistema de baixas presións ao oeste de Galicia que deixará aviso amarelo por refachos de máis de 80 km/h na montaña

Tradición, comparsas e disfraces: así celebraba Galicia o Entroido no século pasado

O arquivo fotográfico das institucións galegas permite unha volta ao pasado para desfrutar destes históricos festexos