As pegadas da ciencia na cidade de León

Un curioso percorrido histórico por numerosos edificios, rúas, recunchos e obxectos que amosan a intensa actividade científica que noutro tempo viviu a capital leonesa

Por Rocío Rodríguez Herreras

Para os turistas científicos visitar León é un verdadeiro descubrimento. As pegadas, que, ao longo dos séculos, a ciencia deixou nas súas rúas, son notables e sorprendentes. Empezamos este roteiro remontándonos a 1827. Comezamos nun lugar simbólico: a rúa que comunica a Praza Maior coa Praza da Catedral, onde se abriu, nese mesmo ano, a “oficina de farmacia” máis importante da cidade. Xa relataban os visitadores farmacéuticos da época que o boticario “gozaba de gran prestixio, pola súa dignidade e o bo uso que da Ciencia facía”. Quizais por iso o negocio tivo grande éxito, e pasados os anos trasladouse ao emblemático recuncho, fronte á Catedral, onde xa no século XV viron a luz as primeiras boticas da cidade.

Publicidade

A vella botica leonesa.

A nova farmacia, decorada con madeira de nogueira, contaba con despacho, laboratorio e unha biblioteca “científica”. Como a provincia era rica en plantas medicinais, abriuse ademais un almacén de drogas, para non depender dos drogueiros da Coruña, que tiñan prezos altos porque os arrieros maragatos, segundo parece, escaseaban.

E chegamos á sempre bulliciosa rúa Ancha, lugar ao que, en 1901, se traslada a antiga farmacia co seu luxoso mobiliario. Impáctanos a súa fachada de mármore de Carrara, que mostra unha placa coa data de apertura da antiga botica: 1827. Hai que entrar e gozar da impresionante decoración orixinal: teito artesonado, anaquelería de nogueira tallada con 32 columnas, polas que ruben plantas medicinais baseadas en debuxos da Flora Americana. Tamén captan a nosa atención os albarelos, unha balanza traída de Ohio hai máis de 100 anos e unha antiga lámina publicitaria onde se pode ler: “TOSE, desaparece coas pastillas pectorais de G. F. Merino e Fillo”, recordo do famoso medicamento cuxa fórmula, segundo indican os botes de 1923, contiña lique, malvavisco, codeína e dionina.

Publicidade

Fachada da farmacia Merino.

Achegámonos agora á muralla romana xusto detrás da Catedral, lugar onde como ampliación do negocio de farmacia e almacén de drogas, o dono instalou en 1864 a primeira “Fábrica de Produtos Químicos e Farmacéuticos” da cidade. Chega a ter cinco edificios dotados coa máis moderna maquinaria. Nas súas instalacións elaborábanse, entre outros compostos, éter, cloroformo, o reconstituyente hematol e as primeiras pastillas pectorais de España!, vendidas en todo o país e ata na botica de Raíña Nai.

A vella Fábrica de Produtos Químicos Merino.

A fábrica fornecíase das plantas medicinais da provincia, colleitadas en campos que, noutro tempo, farmacéuticos e químicos visitaban para aprender aos aldeáns como recollelas con agarimo. Dise que ata o dono da fábrica percorría as aldeas a “toque de concello”, e homes, mulleres e nenos saían en busca de flores de manzanilla, mapoula, e da “delicada e olorosa flor de tilo”. Tamén se recollían a planta de anís, coa que se preparaban esencias, o lique de Islandia da montaña leonesa, para aliviar arrefriados, e abelás e noces da comarca do Bierzo, para elaborar aceites.

Seguimos o noso roteiro volvendo de novo á cidade e acudimos ao antigo Convento de San Marcos, cuxa fachada é perla do plateresco español, onde aquel outubro de 1876 uníronse as Artes e as Ciencias na “Exposición Rexional Leonesa”. Foi organizada a imitación da primeira de Europa, en 1851 en Londres e da primeira de España en Santiago de Compostela en 1858, nas que se amosaban ao mundo as innovacións científicas e tecnolóxicas desenvolvidas ao longo do século XIX.

A Exposición Rexional Leonesa de 1876.

A galería do claustro do actual Parador de San Marcos engalanouse cos expositores vindos desde as 29 provincias españolas que acudiron á cita. A Fábrica de Produtos Químicos e farmacéuticos, propiedade da Sociedade G. F. Merino e Hijo (máis tarde Sociedade Leonesa de Produtos Químicos) presentou tal variedade de produtos que se editou un catálogo específico e foille entregada, polo rei Alfonso XII, unha Medalla de Ouro. Se nos achegamos ata a céntrica Praza de Santo Domingo, atoparemos no Museo de León, unha medalla posiblemente de bronce recordo da Exposición.

Como curiosidade, na área de salubridade pública do Concello de León, descubrimos entre a instrumentación do antigo Laboratorio Municipal inaugurado en 1925 unha probeta graduada de vidro soprado, gravada ao ácido, traída de París, na que aludindo ao fabricante, lese: “Poulenc Frères, Paris”.

Medalla conmemorativa da Exposición Rexional Leonesa.

Tan só a uns metros, fronte á muralla medieval, na fachada dun interesante edificio neohistoricista, lemos: ”Instituto Provincial de Hixiene – Ano de MCMXXVII”. Nos seus laboratorios, esas ”estancias sacras“ como as denominou Pasteur, inoculaban a vacina da rabia descuberta polo soado químico francés. Os materiais de vidro alí utilizados, probetas e copas graduadas, son hoxe día pezas do Museo Etnográfico Provincial de León.

Moi preto, no Xardín de San Francisco, os amantes da botánica poderán gozar de árbores centenarias como o Cedro do Atlas ou o Castiñeiro de Indias. E á saída do parque, compartindo espazo co Instituto Confucio, atopamos unha mostra dos obxectos do futuro MULE (Museo Universitario). Entre eles, destacan a incrible colección de bolboretas, láminas murais zoolóxicas ou a antiga instrumentación de laboratorio.

Fachada do Instituto Provincial de Hixiene.

E sobresae de maneira especial unha obra comprada en 1865, utilizada polos alumnos de Veterinaria e que representa a fusión da arte e a ciencia: O cabalo do Dr. Auzoux. A obra, realizada cunha mestura de arxila, cortiza e papel presenta un nivel de detalle espectacular e desmóntase peza a peza, descubrindo a anatomía do animal. Soamente se conservan pouco máis dunha ducia en todo o mundo!

A derradeira parada, xunto á estación de tren, lévanos a coñecer outra marabilla do pasado científico de León, declarada BIC (Ben de Interese Cultural) en 1991: A Fábrica de Produtos Químicos Abelló. Nas súas orixes albergou a importante “Papeleira Leonesa” e anos máis tarde deu acubillo a outras industrias químicas nas que se producía, entre outros compostos, auga osixenada, éter, usado como anestésico durante a Guerra Civil, e posteriormente o popular Frenadol!

É de admirar a impoñente cheminea, un dos elementos arquitectónicos máis representativos do patrimonio industrial, que leva inscrito o ano da súa construción, 1900. Os edificios que a flanquean suxeitan dúas placas nas que se le: “Produtos” e “Químicos”, sinalando a importante industria química que alí se instalou.

E a Ciencia do século XXI, estará a deixar pegadas en León? Por suposto que si! Pero esa xa será outra historia…e outro paseo.

 

*Rocío Rodríguez Herreras é química e divulgadora científica leonesa, delegada técnica de Observer en León.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A restauración da botica de Doade trae de volta a farmacia rural do século XX

O museo inaugurarase o 24 de outubro, contará con 4.000 pezas e tamén se poderá visitar de forma virtual grazas ao 3D

Faro de Ons, a torre que salvou vidas

Está situado a 128 metros sobre o nivel do mar e data do ano 1926

Os Ancares e O Courel, distinguidos como ‘Mellor destino de montaña 2023’

O selo Observer revalida a certificación aos dous espazos naturais, que xa recibiran o recoñecemento en 2019

Unha galega abre o camiño para aplicar intelixencia artificial na administración de vacinas

A investigación valeulle a Lorena García del Río o IX Premio Julián Francisco Suárez da Real Academia de Farmacia de Galicia