Ferrolterra, a Costa da Morte e a ría de Muros e Noia. Tan só son tres dos oito xeodestinos cos que conta A Coruña, a provincia galega que máis áreas turísticas destacadas atesoura. Así aparece recollido no novo mapa de xeodestinos turísticos de Galicia, que ten por obxectivo principal converter estes espazos en polos de desenvolvemento local. Con esta actualización súmanse 12 novos xeodestinos e o mapa xa conta con 26 áreas xeográficas ben diferenciadas polo seu valor turístico.
Máis polo miúdo, os xeodestinos son espazos que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais. Teñen, por tanto, capacidade para xerar fluxos turísticos e, xunto coa súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular que está en continua evolución. O primeiro mapa deseñouse en 2011 como ferramenta de promoción turística que pretendía darlle un pulo á experiencia de visitar Galicia.
Oito espazos destacados
Das catro provincias galegas, A Coruña vai na cabeza por número de xeodestinos. Unha das áreas postas en valor por Turismo de Galicia e os concellos colaboradores —responsables do deseño do mapa— é a de Ferrolterra, integrada por un total de 21 concellos. Algúns dos puntos que invitan a visitar da zona son as lagoas de Doniños e Valdoviño, paraíso de aves acuáticas; a Serra da Capelada, que se corta abruptamente ao chegar ao mar; ou o santuario de Santo André de Teixido. Pero non só a costa é un verdadeiro tesouro turístico. No interior tamén salientan as Fragas do Eume. Ademais da importancia natural e patrimonial deste xeodestino, tamén se pon en valor as súas festas. Por exemplo, o festival de Ortigueira e a Semana Santa de Ferrol.
Outro dos xeodestinos coruñeses que non se pode pasar por alto é a Costa da Morte, con espazos tan salientables como Cabo Fisterra, o Cemiterio dos Ingleses as praias de Carnota e Baldaio e os santuarios como o da Virxe da Barca. Tamén as vilas de Corcubión, Camariñas e Corme. Seguindo no mar, outro xeodestino imperdible é a ría de Muros e Noia, con cinco concellos asociados. De novo, saliéntase a peculiaridade das súas vilas mariñeiras, pero tamén de praias como as de Ancoradoiro, Aguieira e As Furnas. O castro de Baroña e o Gran Premio de Carrilanas en Esteiro tamén son dous dos grandes atractivos deste xeodestino.
Outro dos destinos destacados da provincia da Coruña son As Mariñas, con 16 concellos. Dentro desta área está a cidade herculina, pero tamén Betanzos e Cambre, onde salienta a igrexa románica de Santa María. De igual modo, ponse en valor o Pazo de Mariñán en Bergondo e a praia de Barrañán en Arteixo. No que respecta ás festas e á gastronomía, as de San Roque en Sada e Betanzos e as fogueiras de San Xoán na Coruña son das máis coñecidas. Ademais destes catro xeodestinos, a provincia da Coruña tamén pon en valor as Terras de Santiago, con 11 concellos; as Terras da Comarca de Ordes, con 7; as do Ulla-Tambre-Mandeo, con 8 municipios; e as de Barbanza-Arousa, con 5.
Unha oferta variada
Á ampla oferta de xeodestinos que ofrece a Coruña súmase a que ofrecen as demais provincias. Ourense e Lugo comparten un, a área da Ribeira Sacra, que suma 25 concellos. Na parte luguesa tamén destacan a Mariña Lucense, a Terra Cha, a Comarca de Lugo-Terras da Ulloa, os Ancares-Terras de Burón e o Courel. No que respecta a Ourense, cabe mencionar Ribeiro-Carballiño, Celanova-Terras do Xurés, Allariz-Maceda, A Limia, Verín-Monterrei, Trevinca-Valdeorras. No que respecta á provincia de Pontevedra, os xeodestinos incluídos no novo mapa son os do Salnés, o Mar de Santiago, Terras de Pontevedra-Morrazo, Ría de Vigo-Baixo Miño, Condado-Paradanta e Deza-Tabeirós.