Xoves 25 Abril 2024

Queimada, entre lendas e conxuros: así se inventou unha tradición

As referencias milenarias á bebida baseada na augardente forman parte dun mito que non se popularizou ata ben entrado o século XX

A posta en escena e os elementos que contén o conxuro da queimada, que case todo galego e visitante no país puido presenciar nalgún momento da súa vida, parecen tomarnos do brazo e levarnos a moitos séculos atrás. A coroza de palla, as bruxas e as meigas, os demos, os trasgos e os diaños, o lume purificador… Todo parece formar parte dunha tradición milenaria, como se un fío invisible a través do tempo nos unise cos habitantes dos castros. Pero abonda unha mirada á hemeroteca e á historia da augardente en Galicia para observar, como advirte o historiador Xavier Castro, catedrático de Historia Contemporánea da USC, que a queimada non é máis ca outra das tradicións inventadas das que fala Eric Hobsbawn: prácticas cunha importante bagaxe simbólica, e que acadan unha notable implantación nunha sociedade polo suposto vínculo ancestral que se tece cos devanceiros.

Nunca antes do século XIX

O mito que relaciona a queimada cos ‘celtas’, os ‘castrexos’ ou algunha outra das denominacións dos habitantes prerromanos de Galicia, desbótase pola propia cronoloxía da augardente. Aínda que a destilación se coñece hai miles de anos para obter perfumes, non é ata que a cultura árabe se espalla pola península ibérica, xa na Idade Media, cando o alambique e, con el, a obtención de bebidas alcohólicas destiladas, se xeneraliza. E segundo Xavier Castro, estas bebidas non se popularizan en Galicia ata a segunda parte do século XIX. “Anteriormente, a arte da destilación era algo moi escaso, facíase nalgún mosteiro, ou importábanse as bebidas, pero desde logo non era unha práctica habitual campesiña”, explica.

Publicidade

Mais si é certo que a idea de queimar a augardente xa está presente nalgúns documentos antes destas datas. En 1817, a tradución a español feita por Pedro Charro de Lorenzana da obra Agronomía ou Dicionario Manual do Labrador, do agrónomo francés Pons Augustin Alletz (1703-1785), dicía que “a augardente queimada, despois de botar nela infusión de figos secos, é un remedio probado” contra a rouquén.

Durante o século XIX, os campesiños comezan a apostar pola destilación e instalan as súas propias alquitaras. E mesmo xorden oficios como o do poteiro ou do augardenteiro. Do mesmo xeito que xa avanzara Alletz no século XVIII, vese rapidamente na augardente, ou caña (como tamén se facía co viño), un remedio para combater catarreiras, dores estomacais e, en xeral, como un estímulo para afrontar as longas e duras xornadas de labor.

A augardente queimada comezou a usarse para tratar catarreiras ou dores estomacais

Do uso privado ao rito e a popularización

Este uso privado, alén de referencias illadas como a de Alletz, non aparece con frecuencia nas publicacións galegas ata ben entrado o século XX. Mais hai algunhas personaxes célebres sobre as que se tece o fío da queimada, desde o remedio campesiño ata converterse no centro de calquera celebración popular. Eligio González, fundador da mítica taberna viguesa, contaba nos anos 80, pouco antes de falecer, como de neno foi testemuña da queima do augardente nas comidas de cregos nas que acompañaba ao seu tío sacerdote. E décadas despois, convertido en “Queimador Maior de Galicia”, acabaría sendo un dos grandes mestres de cerimonias para outras figuras claves nesta invención do mito, como Álvaro Cunqueiro, José María Castroviejo ou Manuel Fraga.

O propio desenvolvemento económico foi tamén esencial para comprender esta popularización, pois produtos como o azucre, clave no sabor da queimada, eran un ben escaso na primeira metade do século XX. E o propio feito de queimar o alcohol, apunta Castro, era un “dispendio que non se podía permitir en moitas casas”.

Na taberna viguesa de Eligio, mais tamén noutros dos moitos lugares nos que departían, Cunqueiro, Castroviejo, Laxeiro, Lugrís ou Blanco Amor comezan a construír aquel ritual arredor do pote. E tamén discuten sobre que se lle pode engadir, e que non, ás “queimadas máis enxebres e lexítimas”. Tal e como destacaba Carlos Alonso del Real na revista Grial, no ano 1972, Castroviejo consideraba que os grans de café, un ingrediente moi habitual hoxe en día, eran unha “horrible herexía moderna”. É neste contexto onde xorden tamén os primeiros conxuros. “Non son grandes composicións poéticas, pero tiñan certa graza e acadaron éxito popular”, lembra Xavier Castro. Un dos máis populares (Mouchos, curuxas, sapos e bruxas…) foi creado no ano 1967 por Mariano Marcos Abalo, un polifacético artista que tamén contribuíu á súa popularización entre os turistas.

As referencias ás meigas e outros seres fantásticos casan, segundo Xavier Castro, coa percepción destes elementos mitolóxicos. “Sobre as meigas, a diferenza das bruxas, en Galicia existe ese carácter ambivalente, unha certa virtualidade positiva. Tal e como di Marcial Gondar: ‘Deus é bo, mais o demo non é malo’. Hai unha ambigüidade, anti-maniquea, con certos matices nas cousas; non todo é categórico entre bo e malo, ou entre negro e branco”.

Así, no fervedoiro cultural dos anos 60 e 70, tanto en Galicia como en Madrid, a augardente e o lume comezan a verse nestes encontros. Queimada en una noche de Madrid. Novoneyra, perfecto trovador, titulábase unha crónica do xornal La noche en maio de 1962. O encontro celebrado no colexio maior Santa María reuniu a máis dun cento de persoas. E a bebida foi, segundo o cronista, Gilberto Blas, o fío que achegou Galicia á capital do Estado. “Un está en Madrid, lonxe de Galicia, e de repente, por arte e gracia da queimada, séntese transportado a un país ideal no que estiveran reunidos os montes de Lugo e as rías baixas (sic), as palabras do Caurel e as cancións da Mahía”, escribiu, gabando a continuación o bo facer de Uxío Novoneyra como rapsodo.

Diplomacia e política arredor da queimada

Porén, outra das figuras necesarias para explicar a construción do mito da queimada é a de Manuel Fraga. Na súa longa e controvertida carreira na ditadura franquista e, posteriormente, na democracia, a queimada foi para el unha ferramenta coa que procurar a simpatía cidadá. Xa no ano 1953, en Santander, como director do Instituto de Cultura Hispánica, organizou unha queimada na que o coro Airiños da Terra cantou a Rianxeira. Para Castro, Fraga “foi un hábil político, e utilizou a queimada habilmente, como todos os rexistros do folclore popular, para conectar coas capas populares da sociedade galega”.

Fronte a isto, a xuízo de Xavier Castro, a esquerda e o nacionalismo perderon un medio importante para achegarse ao sentir popular, e a queimada, que acompaña ao político de Vilalba nos seus frecuentes baños de masas, foi un medio clave. “O populismo de Fraga cortoulles a herba debaixo dos pés a outros grupos políticos que, a priori, poderían conectar máis cos sectores populares. Os galeguistas reaccionaron así porque no franquismo o folclore foi instrumentalizado polo réxime para conseguir apoio. Isto dificultou que as forzas de esquerda e galeguistas usasen estes elementos para achegarse aos sectores populares”.

Como na queimada na noite de Madrid na que recitou Novoneyra, o político de Vilalba usou o ritual como unha forma de achegamento á terra nos seus frecuentes encontros coa diáspora galega. Mais tamén a converteu nun elemento de celebración en encontros con xornalistas, en romarías populares e en momentos tan lembrados como o da visita a Galicia de Fidel Castro no ano 1992. A uns metros da casa na que naceu o pai do comandante cubano, a queimada foi o símbolo que uniu dúas visións moi distintas de ver o mundo, mais con Galicia como elo común.

A queimada converteuse nun medio de confraternización e de achegamento a Galicia desde a diáspora

Un “vimbio máis” no tópico do pobo galego

Daquela, na última década do século XX, a queimada xa era un elemento que non faltaba en calquera celebración popular. As referencias na hemeroteca multiplícanse, e gran parte das festas gastronómicas ou veciñais incluían a queimada no seu programa. O rito de queimar o alcohol, o esconxuro, o feito de compartir a bebida, achega unha dimensión colectiva. “Vén a adornar e a dar outra dimensión máis social, de irmandade, que conecta con outras formas de xantares e reunións, como se facía nos banquetes fúnebres, as sardiñadas, os magostos, etc. Créase un vimbio máis no cesto das tradicións galegas”, destaca Xavier Castro.

A bebida conecta, deste xeito, con certos trazos da mentalidade popular galega. “A carón da calor, da labarada da queimada, e desfrutando dese sabor doce, que embriaga, a xente fala, canta, cóntanse contos moi divertidos, as pupilas brillan, o sorriso aflora… Todo isto pasou a ser un trazo identificativo da maneira de ser dos galegos e da imaxe que se ten deles: fan queimadas, toman marisco, son irónicos, non se sabe se soben ou baixan… O tópico do galego fetén“, conclúe o historiador.


Coa colaboración de

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea