Moitas cousas cambiaron desde comezos de marzo de 2020. E os medios de comunicación, como garantes e mediadores da opinión pública nas sociedades democráticas, xogaron un papel esencial en todas as etapas desta crise. Desde a incerteza e a falta de previsión dos primeiros momentos, ata o momento dos confinamentos, ou as semanas máis graves en canto a falecementos e o colapso dos sistemas sanitarios, a cidadanía demandou información a través de todo tipo de formatos, tanto os máis ‘tradicionais’ como os de máis recente creación. E no medio de todo este fluxo do que ás veces se chama ‘infoxicación’, ou ‘infodemia’, moitas veces difícil de procesar polo seu volume, tomou forza o fenómeno da desinformación e as noticias falsas. Era un problema que xa estaba presente na sociedade, pois foi caldo de cultivo dalgúns dos terremotos sociais e políticos dos últimos anos. O auxe do populismo en Europa e América, as crises humanitarias dos refuxiados no Mediterráneo ou en Myanmar e outros acontecementos recentes foron esporeados por todo tipo de rumores, boatos, informacións nesgadas e manipulacións que, en ocasións, chegaron a causar conflitos sociais.
Desinformación sobre o coronavirus
Calquera acontecemento extraordinario ten repercusións extraordinarias. O impacto global da pandemia provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 foi tan grande que non tardaron en xurdir todo tipo de teorías que, sen apenas solidez nin evidencias, ofrecían respostas sinxelas a un enorme grao de incerteza. O desconcerto e o medo na poboación sementaron o terreo para todo tipo de teorías da conspiración, supostos tratamentos milagrosos e mensaxes negacionistas sobre a pandemia.
Mediante as redes sociais, un enorme caudal de información sen filtros con multitude de emisores e receptores, a desinformación alcanzou niveis preocupantes. A imposibilidade material de contrastar e contraargumentar todas estas mensaxes fixo callar mensaxes que fomentan a desconfianza nas institucións e, desta forma, abren preocupantes fendas na opinión pública. Disfrazadas de mensaxes ‘antisistema’, estas consignas son o vehículo perfecto para desgastar o traballo da comunidade científica e as institucións fronte á pandemia.
“As mensaxes desinformativas neste contexto, e xa previamente, basicamente chegan de novos actores que están no ecosistema comunicativo”, explica Xosé López García, catedrático de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. “Nin os medios de comunicación tradicionais nin nativos dixitais son os que máis contribúen ás noticias falsas. Ás veces si interveñen en aspectos de desinformación con noticias erróneas, mal expostas, nesgadas e pouco matizadas, pero boa parte da desinformación e das noticias falsas chegan de novos actores”, concreta López, que analizou nos últimos meses as primeiras leccións da xestión da crise e a comunicación que se fixo dela (ver PDF).
Neste sentido, a Comisión Europea desenvolveu desde o comezo da pandemia un traballo de cooperación a nivel comunitario con medios de comunicación, plataformas sociais e demais axentes co obxectivo de frear este fenómeno e achegar á cidadanía información oficial e contrastada sobre a Covid-19. Así, o centro de información de redes como Facebook e Instagram dirixiu a máis de 2.000 millóns de persoas de todo o mundo aos recursos da OMS e outras autoridades sanitarias.
E por outra banda, entre xaneiro e agosto de 2020, entidades como Google bloquearon ou retiraron máis de 82,5 millóns de anuncios relacionados con información falsa ou inexacta sobre o coronavirus, e suspendéronse máis de 1.300 contas de anunciantes. E outro informe de Twitter sostén que a plataforma detectou ao redor do 80% do contido infractor en mensaxes sobre a pandemia.
Estratexias
Fronte a estes novos actores, as estratexias para conter a propagación da desinformación e as noticias falsas virais complícanse. Como se pode abordar a cuestión? A polarización da sociedade, a confusión en determinados enfoques que esborrallan as liñas entre o método científico e o debate político, e a dificultade dunha parte da sociedade para asumir e interpretar as novas formas de comunicación agravan o problema.
Por mor deste novo ecosistema comunicativo, xurdiron nos últimos anos diversas iniciativas de verificación que, ao modo dunha vacina, tentan frear a difusión deste tipo de mensaxes. E aquí, a responsabilidade individual e das institucións xogan, como ocorre coa pandemia, un papel esencial para mellorar a situación.
“É difícil combater a desinformación nun escenario no que se multiplican os fluxos e onde quen quere desinformar aplica as mesmas técnicas que quen quere informar”, expón Xosé López. Diante deste panorama, “a única opción que nos queda é a alfabetización mediática”, expón o profesor da USC, que conclúe: “Mentres non teñamos un alfabetización, é dicir, un mellor coñecemento sobre como funcionan os medios e sobre como se difunden e elaboran as noticias, a única solución que temos, ou a primeira, e desconfiar daquilo que nos sorprende excesivamente, e por tanto, neses casos, verificar as fontes, ver quen elabora esa información, se é un medio no que confiamos; e se confiamos e aínda así resulta moi sorprendente, é necesario observar a trazabilidade e a orixe desa información, ou desinformación”.
https://gciencia.com/wp_quiz/quiz-a-covid-19-e-a-desinformacion/
Puedes publicar,el estudio donde aislaron el virus,c***d 19,y el nombre del científico que lo realizó.
Gracias