Xoves 28 Marzo 2024

A batalla inmunitaria: así é o proxecto galego que planta cara ao cancro de páncreas

O Cinbio da Universidade de Vigo ofrece un fío de esperanza aos pacientes dun dos cancros con peor prognóstico

Adenocarcinoma pancreático ductal. Un diagnóstico de tres palabras que desata todas as alarmas entre médicos e pacientes cando se detecta a doenza. Trátase do cancro de páncreas máis agresivo, co peor prognóstico e, polo tanto, maior mortalidade, aínda que tampouco sexa o máis frecuente, como o de colon ou o de mama, explícan no Cinbio da Universidade de Vigo. 

África González é catedrática deste centro de investigación, ao que chegou no ano 1996 para crear a primeira e única área de inmunoloxía que existe hoxe nas tres universidades galegas. A investigadora subliña que nos últimos 40 anos non se conseguiu rexistrar ningún progreso nos tratamentos desta enfermidade e por iso, entre outras razóns, trátase dun dos cancros máis letais. 

Publicidade

“O cancro de páncreas é un caso bastante único. Primeiramente pola súa localización, atópase detrás do estómago e, ás veces, a sintomatoloxía aparece moi tarde. Por outra banda, o tumor crea todo un ambiente fibrótico e un estroma moi denso ao seu redor que impide que moitos fármacos que axudan a tratar outros tumores poidan ser eficaces no cancro de páncreas. Ese estroma que cobre o tumor crea ademais unha contorna inmunosupresora, é dicir, inhibe as células inmunitarias que están ao redor e aínda que se ten tentado espertalas, non responden aos tratamentos”, asegura a antiga presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía.

Silenciar proteínas para frear a evolución do tumor

Segundo a Asociación española de cáncer de páncreas, 8.300 persoas son diagnosticadas cada ano con esta enfermidade que afecta por igual a homes e mulleres, sobre todo a partir dos 45 anos. Pero que pareza imposible loitar contra este cancro non foi razón de peso para África González e o seu equipo do Cinbio que se puxeron mans á obra hai catro anos co obxectivo de desenvolver unha vacina que evitase o crecemento do tumor mediante a activación do sistema inmunitario. 

As investigadoras do Cinbio traballando no laboratorio. / M.P.

“Neste cancro de páncreas, o adenocarcinoma pancreático ductal que é o que sofren a maioría dos pacientes, hai unha característica que afecta ao 90% deles, que é a mutación do xene KRAS, un dos posibles iniciadores precisamente do cancro. Cando aparece esa mutación, reforzada con outras mutacións, é cando empeza a evolucionar a célula cara unha neoplasia e despois cara unha célula cancerosa”, explica Rosana Simón, a científica que lidera esta investigación.

Simón e o seu equipo pensaron en desenvolver unha vacina para evitar a mutación do xene KRAS, algo que non ofreceu o resultado agardado. Pero foi entón cando tentaron, como alternativa, silenciar dúas proteínas que son activadas polo xene KRAS para enviar a orde de proliferación ao núcleo da célula tumoral. Estas proteínas bautizadas como YAP e FOSL-1 xa eran coñecidas polos científicos por estar relacionadas cun peor prognóstico do cancro de páncreas. Ata ese momento, só foran tratadas cada unha polo seu lado, ninguén tiña tentado silencialas en conxunto, afirma Simón.

“Nós pensamos que como estas proteínas traballan sempre xuntas o feito de silenciar as dúas era máis efectivo que facelo de maneira individual. E isto foi algo que demostrou o noso estudo. Ademais de evitar que as células tumorais sigan medrando, silenciar YAP e FOSL-1 tamén tiña un efecto moi importante sobre o estroma que é o tecido de proteínas que rodea o tumor e o protexe impedindo que cheguen os fármacos ou as células do sistema inmunitario. Desta maneira conseguimos diminuír tamén o estroma facilitando que outras terapias poidan chegar de maneira máis efectiva ás células tumorais”. 

“Probamos a eficiencia in vitro e en ratos e comprobamos que efectivamente existía un efecto terapéutico”

ROSANA SIMÓN

Para facer ese silenciamento, os científicos do Cinbio decidiron crear pequenas secuencias de ARN, é dicir, do ácido ribonucleico que actúa de mensaxeiro da nosa información xenética, e interferir así na expresión das proteínas elixidas como diana. Para facer chegar ás células de interese esa nova información en boas condicións, o equipo de investigación decidiu incluíla en nanoestruturas lipídicas, como se dun vehículo blindado se tratase, para garantir que alcance o seu obxectivo. 

“Neste estudo o que fixemos foi empregar liposomas con carga positiva porque o ARN ten carga negativa e así poder estabilizalo e axudalo a entrar nas células tumorais. Probamos primeiro a facelo in vitro e comprobamos que era eficiente ao chegar ás células e despois fixemos o mesmo en ratos aos que inxectamos subcutaneamente cerca do tumor estos liposomas e tamén vimos que, efectivamente, si facía un efecto terapéutico”, asegura Simón. 

Estudo publicado na revista ‘Cancers’

O estudo realizado por este grupo de investigación da Universidade de Vigo, publicado o pasado mes de xuño na revista suíza especializada en oncoloxía Cancers, conseguiu frear o crecemento do tumor e diminuír ao mesmo tempo o estroma que o rodea facilitando o acceso de fármacos ou outros tratamentos. Un éxito dobre para os científicos do Cinbio e un primeiro paso moi importante para tentar loitar, con esta nova estratexia, contra o cancro de páncreas. 

O equipo de Inmunoloxía do Cinbio está determinado a seguir adiante coa súa investigación aínda que o camiño será longo ata chegar á fase clínica. Conseguir que o tratamento chegue dun xeito máis eficiente ás células tumorais e evitar posibles efectos secundarios son dous dos desafíos aos que deben facer fronte agora estes científicos para consolidar este tratamento que sería administrado aos pacientes combinado sempre, en principio, con outras terapias. 

“Se non hai financiamento, se non existen grupos de investigación traballando, non atoparemos unha cura”

ÁFRICA GONZÁLEZ

África González asegura sentirse moi orgullosa do traballo realizado polo centro que viu nacer e o grupo que lidera pero insiste, iso si, na necesidade de financiamento para que as investigacións se leven a cabo. “Se non hai financiamento, se non existen grupos de investigación traballando non atoparemos unha cura. O cancro de páncreas debería ser una prioridade porque non se rexistraron cambios no seu prognóstico nos últimos corenta anos, é dicir, unha persoa con cancro de páncreas hoxe ten o mesmo prognóstico que hai catro décadas. Si hai melloras para outros tumores como novos fármacos ou a inmunoterapia pero para o de páncreas non, todo segue igual. Temos que ter máis grupos investigando e máis cooperación entre eles para aportar diferentes ideas e atopar así finalmente o tratamento adecuado para loitar contra este cancro tan letal”, advirte a catedrática de Inmunoloxía do Cinbio.

E a situación, como confirman os datos do Ministerio de Sanidade, é, efectivamente, urxente. O cancro de páncreas xunto co de fígado, é o que rexistra a peor taxa de supervivencia. A probabilidade de sobrevivir cinco anos despois do diagnóstico é igual ou menor ao 10%. 


O Centro de investigación CINBIO está cofinanciado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas