Sábado 20 Abril 2024

Dous nenúfares xigantes sorprenden coa súa floración en Vigo

'Vitoria cruziana' está no xardín da Fundación Sales e agora agasalla o público co espectáculo das súas flores ata outubro

É fermosa, enigmática, sensible, sorprendente… É a raíña do xardín. E a súa flor, a máis agardada do ano, xa está aquí. Vitoria cruziana, o nenúfar xigante do xardín botánico da Fundación Sales, floreceu e, como este ano son dúas plantas, o espectáculo da súa floración dóbrase.

O xardín, legado do arquitecto e paisaxista Francisco Sales Covelo, é un espazo de 7.000 metros cadrados que acolle máis de 1.200 especies vexetais diferentes. Pódese visitar de martes a venres en horario de 16.00 a 21.00 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Publicidade

Vitoria cruziana chegou desde Londres, da man do director de acuáticos do Kew Gardens, Carlos Magdaleno. En principio, explica a bióloga da Fundación, Patricia Vázquez, traíanse as sementes cada  ano, alternando as especies Vitoria cruziana e Vitoria amazónica, ata que se completou o ciclo de xerminación da primeira no botánico de Sales.

A ninfeácea máis grande do mundo

De folla perenne, é unha planta de crecemento moi rápido. As súas follas redondas e planas poden chegar a medir 2 metros de diámetro e pesar ata 50 quilos, o que a converte na ninfeácea máis grande do mundo. “Aínda que aquí o seu diámetro é de 1,20-1,3 metros”, puntualiza Patricia Vázquez.

Pero ademais do tamaño, a Vitoria cruzaina ten outras excepcionalidades que une á súa beleza: son capaces de auto-polinizarse e auto-fecundarse cando están pechadas. Como subliña a bióloga da Fundación Sales, a súa é “flor dun día ou día e medio”. Segue a seguinte cadencia: abre de noite, como flor femia e de cor branca; a media mañá comeza a pecharse; a media tarde volve abrir como flor macho e de cor rosa e pola noite morre.

A floración esténdese desde o verán ata o outono, condicionada por factores como a calor, a humidade ou outros factores externos. Este ano, a primeira flor naceu arroupada pola intimidade dos festivos 15/16 de agosto. A partir deste intre agromará unha ou dúas flores por planta á semana. Un proceso que se repetirá ata o mes de outubro.

“É flor dun día: abre de noite, como flor femia e cor branca; a media mañá pecha; á tarde volve abrir como flor macho e de cor rosa e pola noite morre”

PATRICIA VÁZQUEZ, bióloga da Fundación Sales

O nenúfar xigante puxo a Vigo no mapa da excelencia botánica ao contar co único exemplar desta especie en España, un rol de pioneira que mantén, malia que hoxe en día pódese gozar desta planta acuática en Madrid e Málaga.

Oda á diversidade

Pero o xardín botánico da Fundación Sales é máis que un nenúfar xigante. É un xardín arboretum e tamén unha oda á biodiversidade, no que podes atopar máis dun milleiro de plantas terrestres e acuáticas, árbores autóctonas e foráneas; ou desde unha árbore prehistórica como o Wollemi pine (un fósil vivente) ata unha gran variedade de especies singulares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estas son as consecuencias do adianto da floración

O quecemento global alterou as condicións meteorolóxicas normais, introducindo incerteza na temporalidade das distintas fases do ciclo vital das plantas