Xoves 28 Marzo 2024

A probabilidade de formación do furacán que afectaría a Galicia sobe ao 80%

O sistema, segundo os últimos modelos, podería seguir dúas traxectorias: cara ao noroeste da península ou dirixirse máis ao norte

Os meteorólogos teñen a vista fixa nunha rexión do Atlántico norte. Onte alertaban da posibilidade de que se formase un furacán nesa zona, cuxa traxectoria podería afectar a Galicia a mediados de setembro. Hoxe, ese escenario está cada vez máis preto de facerse realidade. Segundo o Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos, hai un 80% de probabilidade de que se forme o sistema tropical nos próximos dous días. De feito, o centro de investigación americano é bastante contundente ao respecto: “Se as tendencias actuais continúan, unha depresión tropical ou subtropical podería formarse hoxe, mentres que o sistema se despraza cara ao leste”. Máis especificamente, os investigadores centran a súa atención nas chuvias asociadas a unha área de baixa presión localizada a máis de 1.000 kilómetros do oeste-suroeste das Azores máis occidentais.

Un dos expertos que está a seguir máis de preto a noticia é J.J. González Alemán, investigador na Axencia Española de Meteoroloxía (AEMET). “O escenario dunha transición extratropical moi intensa afectando ao noroeste peninsular é posible”, apunta dende a súa conta de Twitter. Nesa mesma canle, González Alemán indica que é “practicamente seguro” que o Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos declare a formación do sistema e o seu nome nas próximas horas. De feito, un dos argumentos que sosteñen a súa hipótese é que as probabilidades de formación do furacán aumentaron en “menos de 48 horas”, situándose xa no 80%.

Publicidade

Seguindo as análises do investigador da AEMET, “xa é case seguro” que se forme o furacán. Un dos puntos que sostén dita afirmación é que as fortes tormentas da zona empezan a organizarse e a xirar arredor dun centro de circulación. “Incluso se intúe un ollo”, indica en Twitter. Porén, aínda queda por concretar a súa traxectoria. De feito, a nova actualización dos modelos trae un novo escenario. Podería seguir dous camiños: ou ben afectar o noroeste da Península e, polo tanto, chegar a Galicia; ou ben dirixirse máis ou norte. “Aumenta a incerteza”, asegura o investigador, que insta a manterse pendentes da evolución da situación nas próximas horas. De todas formas, González Alemán tamén pide manter a calma: “Non é a primeira vez que nos vemos ameazados pola posible chegada dun ciclón tropical, pero o potencial si que está a aumentar de cara aos próximos anos”.

Por que se consideraría un evento “anómalo”?

Tal e como explica González Alemán, se se chegase a formar o sistema, trataríase dun evento atmosférico anómalo por estar situado “moi ao norte”. De feito, o investigador da AEMET indica o seguinte: “Este ano temos un alto potencial de formación de furacáns máis ao norte do normal”. E malia que xa existen algúns estudos que analizan este fenómeno, o meteorólogo cre que está expansión dos ciclóns tropicais cara ao norte, e a súa afectación de novas zonas, “é unha liña de investigación que aínda necesita responder bastantes cuestións complexas”.

Finalmente, González Alemán tamén fai mención á onda de calor mariña que está a sufrir o Atlántico norte. “As augas superficiais [desta zona] tamén están rexistrando récords de temperaturas (dende polo menos 1981). Isto é unha barbaridade”, analiza o meteorólogo. Amais disto, relaciona a onda de calor mariña coa posible formación do furacán nesa área. O investigador explica que estas temperaturas anómalas “non provocan directamente” o fenómeno, pero si que o “potencian”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.