O CITIC premia a excelencia tecnolóxica de nove investigacións no congreso Xovetic

O Comité Científico destacou a calidade e orixinalidade dos 55 traballos presentados á sexta edición do evento celebrado na UDC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) vén de premiar nove investigacións no ámbito das TIC dentro da VI Edición do Xovetic, que se celebrou os días 5 e 6 de outubro. Ao remate do evento, no transcurso do cal se presentaron 55 traballos —entre comunicacións orais e pósteres—, outorgáronse os galardóns en diversas categorías para recoñecer a destacados profesionais e investigadores nos eidos da intelixencia artificial, a ciberseguridade, a enxeñaría de datos, a computación de altas prestacións e o big data.

O Premio Cátedra R: “Ao máis relevante no ámbito da seguridade, entendida esta en sentido amplo, tanto ciberseguridade en tecnoloxías da información e as comunicacións como temáticas de seguridade aplicada a outros ámbitos” recaeu en Marc Bernice Angoue Avele, Darian Pérez-Adán e Dariel Pereira Ruisánchez polo traballo Espionaxe e interferencia mediante ataques piloto en MIMO masivo 5G (Eavesdropping and jamming via pilot attacks in 5G massive MIMO).  O director xeral de R, Alfredo Ramos, foi o encargado de entregalo. 

Publicidade

Pola súa banda, Hilda Romeu Velo, Susana Ladra, José R. Paramá e Fernando Silva Coira recibiron de mans da directora da cátedra, Virginia Mato Abad, o Premio Cátedra Aldaba – WIB (Women, ICT & Business): “Ao máis relevante liderado como primeira autora unha muller” pola investigación titulada: Indexación e Recuperación de partituras por tarareo baseada en características extraídas. 

O Premio Cátedra NTT Data: “Ao máis relevante no ámbito da diversidade, economía social e promoción da igualdade”, entregado por Marianne Blanco Martiño (directora Sector Público en NTT Data) recaeu no traballo Amosando ou lado escuro das redes sociais: desenvolvemento do primeiro corpus en lingua galega para a detección de misoxinia en Twitter e Mastodon de Lucía María Álvarez Crespo e Laura M. Castro.

A directora da Cátedra CICAS Sngular, Laura Castro Souto, foi a encargada de entregar o Premio Cátedra CICAS Sngular “Ao mellor traballo aliñado coas boas prácticas de Open Science, Open Data, Open Access e Open Source”, do que resultaron gañadores Eva Pardo, Iago Fernández, Santiago Fernández Noriega, María Martínez e Laura Nieto Riveiro pola súa investigación Solución para a captura e visualización de datos de dispositivos wearable. 

“Predición do caudal de entrada en presas hidráulicas usando redes neuronais” de Alberto Fernández Sánchez, Juan Ramón Rabuñal Dopico, Daniel Rivero Cebrián, Alejandro Celestino Pazos Sierra e Marcos Gestal foi merecedor do Premio ITG: “Ao traballo máis relevante con aplicación industrial”,  que entregou Gonzalo Blázquez Gil da área de tecnoloxías do Instituto Tecnolóxico de Galicia. 

Pola súa banda, o Premio CPEIG: “Ao mellor traballo con primeiro autor estudante titulado en Enxeñaría Informática” recibíronno Francisco Prado Valiño, Roi Santos Ríos, Carlos Gómez Rodríguez e Jesús Vilares da man da vogal do CPEIG, Pilar Vila, pola investigación titulada Prototipo dun sistema de recoñecemento de entidades para a xestión dixital da resistencia a antimicrobianos. 

Dous foron os Premio Clúster TIC concedidos. O de “Ao mellor póster” concedeuse a Patricia Concheiro Moscoso, Betania Groba, María del Carmen Miranda Duro, Diego Álvarez Estévez pola Efectividade da Xiaomi Mi Band 5 fronte á polisomnografía na medición do sono. Mentres que Iago Fernández Garrido e Ángel Gómez foron os gañadores “Á mellor comunicación oral” pola súa exposición sobre Realidade Virtual para estimulación cognitiva de terceira idade e persoas con discapacidade. Alfredo Ramos, Director xeral de R, entregou ambos premios en representación do Clúster TIC.

Por último, Premio Fundación CITIC: “Ao máis relevante en investigación básica ou teórica“, entregado pola concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas da Coruña, María Canosa, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, recibírono Roberto Prado Rodríguez, Patricia González, Julio R. Banga e Ramón Doallo polo seu traballo Esquema de cooperación autoadaptativo nun algoritmo CAO paralelo para problemas combinatorios binarios. 

Os premios destacan a diversidade dos enfoques propostos, que impulsan a innovación e a excelencia nos ámbitos da Intelixencia Artificial, a Ciberseguridade, Big Data, Redes Intelixentes e a Computación de Altas Prestacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da Coruña ensaia unha ferramenta de IA para apoiar o profesorado

A iniciativa ProgTutor levouse a cabo con 40 estudantes de bacharelato do IES Sofía Casanova de Ferrol

Podcast | Tecnoloxía adolescente ao servizo das persoas con parálise cerebral

O programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa do CITIC en colaboración con ASPACE, protagoniza o segundo episodio de O Descodificador

Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

Como poñer fin aos nesgos da IA no traballo: “Os algoritmos deben ser transparentes”

A investigadora do CITIC Verónica Bolón cualifica positivamente a declaración que asinaron España e EEUU para evitar que a dixitalización vulnere os dereitos laborais