O químico da USC Martín Fañanás, galardoado pola súa excelencia investigadora

O profesor do CiQUS recibe a Medalla José Barluenga pola súa traxectoria científica no campo da Química Orgánica

O profesor e investigador da Universidade de Santiago (USC) Martín Fañanás Mastral acaba de ser recoñecido coa Medalla José Barluenga que outorga o Grupo Especializado de Química Orgánica (GEQOR) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). Recoñécenlle así a Fañanás, investigador Oportunius e actual director adxunto do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), a súa excelencia investigadora no campo da Química Orgánica e fano cun galardón que leva precisamente o nome do seu director de tese: “Algo que me fai especial ilusión”, asegura.

Martín Fañanás Mastral doutorouse en Química pola Universidade de Oviedo en 2007 baixo a dirección dos profesores J. Barluenga e F. Aznar. En 2009 uniuse ao grupo do profesor Ben L. Feringa na Universidade de Groningen (Países Baixos) como investigador posdoutoral. Cinco anos máis tarde incorporouse como investigador Ramón y Cajal ao CIQUS, acadando en 2021 a súa praza como profesor titular. Actualmente é Oportunius Research Professor.

Publicidade

No seu haber, o profesor Fañanás conta co Thieme Chemistry Journal Award (2015), co premio de Novos Investigadores da RSEQ en 2016 e co Lilly para Investigadores Novos en 2018. Na convocatoria de 2019, recibiu unha Consolidator Grant concedida polo Consello Europeo de Investigación (ERC). A súa investigación céntrase no desenvolvemento de novas metodoloxías catalizadas por complexos de metais de transición que permitan levar a cabo transformacións sostibles e de alta eficiencia atómica orientadas á formación enantioselectiva de enlaces C-C, e a activación e funcionalización de hidrocarburos.

Recoñecemento á traxectoria e contribución científicas

As medallas do GEQOR concédense anualmente co obxectivo de recoñecer a traxectoria e contribución científica de persoal investigador que desenvolve a súa actividade en institucións españolas, en cada unha das tres grandes etapas da carreira científica: consolidación, madurez e recoñecemento internacional. Neste contexto, a Medalla José Barluenga distingue o labor de investigadores que, tras unha primeira etapa de investigación independente, deron un salto cualitativo de excelencia, con polo menos 15 anos desde a defensa da súa tese. Xunto a Fañanás, tamén foron recoñecidos Carlos Valdés Gómez (Universidade de Oviedo), coa Medalla Fèlix Serratosa, e José Alemán Lara (Universidade Autónoma de Madrid), coa Medalla Ignacio Ribas.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa