Fito científico con selo galego: logran dotar de metabolismo células sintéticas

A investigación demostra por primeira vez que é posible manter ciclos metabólicos en membranas artificiais sen compoñentes biolóxicos

Un equipo internacional de científicos, coliderado polo investigador galego Roberto J. Brea do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC), acaba de conseguir un fito clave na construción de células artificiais: crear membranas que, igual que en células vivas, poden manterse, transformarse e reorganizarse mediante un ciclo de metabolismo químico autónomo. O estudo foi publicado esta semana na portada da revista Nature Chemistry e presenta un sistema completamente sintético.

A clave deste avance reside na creación dun ciclo de metabolismo lipídico totalmente abiótico. Utilizando axentes de acoplamento químicos, os investigadores conseguiron inducir a formación in situ de fosfolípidos que, unha vez creados, se autoorganizan en membranas, coa particularidade de que poden descompoñerse de forma controlada e rexenerarse coa achega de enerxía externa. Con isto os investigadores poden controlar o tempo que vive esa célula e programar a súa desintegración.

Publicidade

Este ciclo anabolismo-catabolismo é o que permite que as membranas poidan manterse estables no tempo ou ser recicladas, encapsular e liberar moléculas, e mesmo realizar cambios estruturais semellantes aos que experimentan as células vivas.

Aplicacións que van máis aló da bioloxía sintética

Alén do impacto fundamental para a construción de protocélulas, esta tecnoloxía pode ter aplicacións en campos como a liberación controlada de fármacos, a creación de organelos sintéticos ou o deseño de sensores químicos intelixentes.

Publicidade

Un aspecto especialmente novo do traballo é a capacidade de inducir transicións de fase nas membranas (de vesículas a gotas tipo “esponxa”) que permiten a mestura de contidos e lípidos entre diferentes compartimentos artificiais. Isto podería inspirar novas estratexias para a comunicación entre células artificiais ou a súa interacción con células naturais.

O artigo foi desenvolvido en colaboración coa Universidade de California San Diego, e o doutor Brea destaca como coprimeiro autor e coinvestigador principal xunto ao profesor Neal K. Devaraj. Este traballo foi financiado, entre outras institucións, pola Xunta de Galicia a través da convocatoria de contratos Ramón y Cajal e proxectos de investigación de excelencia.


Referencia: Abiotic lipid metabolism enables membrane plasticity in artificial cells (Publicado en Nature Chemistry)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

A investigadora da UDC Itziar Sobrino acada unha Starting Grant para investigar en dereito ambiental

A galardoada estudará as causas polas que determinadas obrigas se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan ou se aplican parcialmente