Venres 19 Abril 2024

A Unión Astronómica Internacional, “preocupada” coas constelacións de satélites

A entidade advirte de que os proxectos como o Starlink poñen en risco as observacións dos telescopios terrestres e poderían xerar interferencias graves

Ao controvertido proxecto do multimillonario Elon Musk, que ten previsto lanzar miles de satélites artificiais ao espazo nos vindeiros anos, acáballe de saír un importante detractor. A Unión Astronómica Internacional (IAU), unha entidade con 100 anos de historia, e unha das referencias mundiais na investigación e divulgación desta disciplina, emitiu este luns un posicionamento no que se amosa “preocupada” ante as constelacións de satélites que poboarán o ceo nos vindeiros anos.

O comunicado, que insta ás autoridades competentes a establecer un marco regulatorio acaído para esta nova situación, advirte tamén de que proxectos como Starlink “poden ameazar” a limpeza dos ceos e a protección da natureza nocturna.

Publicidade

Así, a entidade expón que nos últimos anos ” foron desplegadas redes, como as constelacións de satélites, planeadas a gran escala en órbitas baixas da Terra con diversos propósitos, incluíndo os servizos de comunicación a áreas remotas e con pouca cobertura”. Mais alerta de que “ata este ano o número estaba por debaixo de 200, pero estase incrementando rapidamente, con plans para desenvolver decenas de miles“.

Doble preocupación científica

E ante esta situación, a IAU amosa unha dobre preocupación. “En primeiro lugar, as superficies destes satélites adoitan estar feitas de metais altamente reflectores, polo que o impacto do Sol nas horas posteriores ao solpor e previas ao amencer fainos aparecer como puntos brillantes en movemento no ceo“. Neste punto, aínda que a maioría destes brillos “serán tan débiles que vai ser difícil velos a simple vista, poden afectar á sensibilidade dos telescopios astronómicos de grande alcance, incluíndo os grandes angulares que actualmente están en construción”.

O reflexo solar nestas constelacións podería “afectar á sensibilidade dos telescopios astronómicos de grande alcance”

E por outra banda, a entidade tamén apunta que “a pesar dos notables esforzos por evitar as interferencias coas frecuencias de radio astronomía, as sinais agregadas de radio emitidas polas constelacións de satélites poden aínda ameazar as observacións astronómicas das lonxitudes de ondas de radio“. Expón a IAU que “os recentes avances en radio astronomía, como o que produciu a primeira imaxe dun buraco negro, ou o mellor coñecementos sobre a formación dos sistemas planetarios, foron só posibles a través dos esforzos conxuntos na salvagarda das interferencias de radio no ceo”.

Recomendacións sobre as constelacións

Por todo isto, a Unión Astronómica Internacional “recomenda encarecidamente que todas as partes interesadas nesta novas situación do uso do espazo traballen de forma conxunta para un beneficio común”. Deste xeito, para a IAU, “as constelacións de satélites poden representar unha ameaza significativa ou debilitadora para as infraestruturas astronómicas existentes e futuras”. Por isto, di a entidade, “instamos ao seus deseñadores e desenvolvedores, así como aos responsables das políticas neste senso, a traballar coa comunidade astronómica nun esforzo conxunto para analizar e comprender o impacto destas constelacións”.

O comunicado conclúe coa apelación “ás axencias competendes a deseñar un marco regulatorio que mitigue ou elimine os impactos prexudiciais” destas constelacións na exploración científica “tan pronto como sexa posible”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente