Venres 19 Abril 2024

Un libro para Jimena

A RAGC e o Consello da Cultura Galega publican unha obra colectiva sobre a figura de Fernández de la Vega, pioneira da xenética médica en España

Unha muller fascinante. Poucos adxectivos serían capaces de definir con acerto a figura de Jimena Fernández de la Vega. Unha referente, unha pioneira, unha mente brillante. Unha médica que rompeu barreiras, que cursou os seus estudos universitarios fronte ás miradas burlescas e desafiantes dos compañeiros e que marcou un antes e un despois na xénetica e na hidroloxía médica en España. Unha muller sorrinte e valente que se converte, neste 2021, na Científica Galega do Ano. Unha homenaxe que lle rende a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) que tamén publica, xunto ao Consello da Cultura Galega e baixo a produción de GCiencia, unha obra colectiva sobre a figura de Jimena Fernández de la Vega. Un libro feito por e para ela.

Baixo o título Jimena Fernández de la Vega. Un modelo de científica adiantada ao seu tempo xa atopamos toda unha declaración de intencións. De demostrar, a través da palabra escrita, que esta xenetista nacida en Asturias e vinculada a Galicia durante toda a súa vida, rompeu as normas sociais e marcou o camiño a seguir das xeracións vindeiras. O libro, que se presentará este venres con motivo do Día da Ciencia en Galicia, recolle unha mirada colectiva sobre a súa figura, na que non só se abordan os seus fitos profesionais, senón tamén a súa visión máis próxima e persoal.

Publicidade

Unha mirada persoal

Unha análise que corre a cargo de María Teresa Fernández de la Vega, sobriña da científica homenaxeada e actual presidenta do Consello de Estado. “Rodeada de papeis e traballando incansablemente”, así recorda a súa tía, unha muller á que define como independente e austera, capaz de transmitir aos demais a súa perenne curiosidade. Todo un percorrido, cheo de agarimo, pola figura de Jimena. Un capítulo no que recolle as anécdotas que forxaron o carácter desta recoñecida científica, como a súa loita incansable por non ser discriminada como muller nas aulas da facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Porque ela, xunto á súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras en matricularse e licenciarse nun campo só reservado, ata ese momento, para os homes.

Un perfil que María Teresa Fernández de la Vega fía con admiración. “O sentido da vida sempre foi aprender, para logo ensinar”, así é como resume a filosofía de vida da súa tía, que non só estudou cos mellores xenetistas europeos, senón que tamén se converteu na primeira muller en dirixir un balneario en España. Todo isto, en palabras e imaxes, é o que se recolle en Jimena Fernández de la Vega. Un modelo de científica adiantada ao seu tempo. Un libro para afondar nas diferentes facetas dunha muller asombrosa.

Os seus estudos no estranxeiro

Outras das sinaturas destacadas, ademais do limiar que constrúe Juan Lema Rodicio e Rosario Álvarez —presidentes da RAGC e do Consello da Cultura Galega, respectivamente— é a de Milagros Candela, que foi profesora titular de Xenética na Facultade de Bioloxía da Universidade Complutense de Madrid. No capítulo que ela dedica a Jimena, céntrase na Junta de Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas. Un organismo que servía como plataforma para estudar no estranxeiro e que, a comezos do século pasado, outorgoulle a Jimena unha bolsa de estudos que lle permitiu percorrer Europa para afondar na disciplina da xenética. Entre outros aspectos, Milagros Candela responde a unha pregunta que sempre rodea a figura da científica homenaxeada: Por que Jimena abandona a investigación?

Milagros Candela: “Fan falta exemplos que inspiren como Jimena”

Nesta obra colectiva tamén poñen o seu grao de area o catedrático Ángel Carracedo que declara firmemente que Jimena debería ser considerada unha pioneira da xenética en España. Ou a sinatura de Rosa Meijide, tamén catedrática, que aborda a dedicación de Jimena á hidroloxía médica, disciplina á que dedicou boa parte da súa vida. E por suposto, tamén se inclúe unha revisión da importancia de Jimena dentro da loita pola igualdade. Un escrito no que a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, afonda ao longo das últimas páxinas do libro. Un libro no que se abordan todas as facetas de dimensións dunha muller —a todas luces e sen sombra de dúbida— fascinante.

Actos conmemorativos

Un exemplar da camelia xapónica que se plantará en honor a Jimena Fernández de la Vega. Foto: Deputación de Pontevedra
Un exemplar da camelia xapónica que se plantará en honor a Jimena Fernández de la Vega. Foto: Deputación de Pontevedra

Ademais da presentación do libro Jimena Fernández de la Vega. Un modelo de científica adiantada ao seu tempo, que se celebrará este venres ás 11.00 horas no Consello da Cultura Galega, tamén se convocan outras actividades. Como, por exemplo, acolocación dunha placa conmemorativa, na que colabora o Concello de Santiago de Compostela, no Parque das Ciencias. Tamén se plantará, nese mesmo enclave, unha camelia xapónica para homenaxear á científica. Isto é iniciativa da Deputación de Pontevedra.

Mais o acto central do Día da Ciencia en Galicia, co protagonismo indiscutible de Jimena Fernández de le Vega, celebrarase este venres ás 19.00 horas en Fonseca. Participarán familiares da homenaxeda, como a súa sobriña Teresa Fernández de la Vega, que dará un relatorio sobre a figura da súa tía. Tamén Ángel Carracedo impartirá unha conferencia. Ao abeiro desta acto central, presentarase a revista anuario da RAGC, que tamén foi producida por GCiencia, e na que se inclúe un monográfico sobre a figura de Jimena Fernández de la Vega. Finalmente, no acto central de mañá tamén se fará entrega das Medallas de Investigación de Galicia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

Dez anos fomentando a curiosidade

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento

O Consello da Cultura Galega sobre os eólicos de Acibal: “Non se identificou o patrimonio a tempo de evitar os danos”

O informe emitido polo organismo salienta a insuficiencia tanto na identificación como na protección de elementos naturais e culturais