Milagros Candela: “Fan falta exemplos que inspiren como Jimena”

Candela, profesora titular de Xenética da Universidade Complutense de Madrid, estudou a traxectoria da Científica Galega do Ano 2021

Milagros Candela Castillo investigou durante anos a traxectoria de Jimena Fernández de la Vega como pioneira da xenética.
Milagros Candela Castillo investigou durante anos a traxectoria de Jimena Fernández de la Vega como pioneira da xenética.

Milagros Candela Castillo é xenetista. Foi profesora titular de Xenética da Facultade de Bioloxía da Universidade Complutense de Madrid. En 2003, editou a obra titulada Los orígenes de la genética en España, un completo traballo no que coordinou a elaboración de biografías dos pioneiros desta disciplina, entre os que se conta Jimena Fernández de la Vega.

-Que lle atraeu de Jimena Fernández de la Vega para interesarse pola súa biografía?

-Descubrín a figura de Jimena Fernández de la Vega no ano 2003, buscando un tema para contribuír á conmemoración dos 50 anos da xenial resolución da estrutura do ADN por Watson e Crick. Intereseime polos primeiros xenetistas españois dos que tiven noticia a través dun artigo que acababa de publicar a historiadora da Ciencia Susana Pinar sobre a introdución da Xenética en España no primeiro terzo do século XX, e no que Jimena aparecía como a pioneira en España da xenética humana. Estes científicos eran descoñecidos para a maioría de nós, investigadores e profesores de Xenética, porque as súas figuras e achegas foron esquecidas e tapadas pola Guerra Civil e as súas consecuencias de exilio e depuracións.

Pensei que era importante recuperar a súa memoria e editei un libro sobre eles. Encarguei as biografías destes pioneiros a persoas que foran os seus discípulos ou tiveran un vínculo profesional, e a sorpresa foi que non atopei quen puidese facer a biografía de Jimena. Intereseime pola súa situación, pero ao pouco tempo a miña orientación profesional levoume a Bruxelas como conselleira de investigación e abandonei tanto a investigación xenética como a posibilidade de profundar na biografía de Jimena. Á miña volta a España hai uns anos lin algúns artigos sobre mulleres científicas, creo que niso avanzouse moito, e volvín de novo a interesarme. Co nomeamento como Científica do Ano pola Academia Galega de Ciencias a súa figura vai ser máis coñecida.

-É curioso que mencione a historia do descubrimento do ADN por Watson e Crick, onde tamén hai unha muller esquecida: Rosalind Franklin…

-É curioso porque tamén escribín un artigo, que publicou El País no 2003, sobre Rosalind  Franklin. Pero esa historia é moi distinta. Os resultados que obtiña Franklin por difracción con raios X foron fundamentais para a elaboración do modelo estrutural da dobre hélice do ADN, pero Watson accedía aos datos sen o seu permiso. E, dalgún xeito, para xustificarse, Watson describiu a Rosalind Franklin no seu libro A dobre hélice como unha persoa moi rara e arisca, que non comprendía a importancia dos seus datos e o problema que tiña entre mans. Afortunadamente, en 2002 Brenda Maddox publicou unha magnífica biografía de Rosalind Franklin para a que contou coa súa correspondencia e con información de moitos colegas que a coñeceron ben e puideron poñer de manifesto a súa gran valía como persoa e como científica, así como a importancia das súas investigacións. Neste caso foi a recuperación dunha figura non esquecida, senón deostada, o que foi aínda máis grave.

No caso de Jimena non foi ela soa, foron todos os científicos e investigadores que traballaron na época republicana e que, tras a Guerra Civil, víronse obrigados ao exilio ou foron despois depurados e separados dos seus postos de traballo, esquecidos e ocultadas o seu labor e as súas achegas. Jimena ademais sufriu a incomprensión dos médicos españois da época que non entenderon a importancia que a xenética podería ter para a medicina.

-Ata 1910 non se aprobou o decreto que permitiu ás mulleres en España matricularse na universidade en igualdade cos homes. Jimena viviu por tanto en discriminación toda a súa vida…

-O que eu lin sobre iso é que tivo problemas, xunto coa súa irmá Elisa. Os estudantes discriminábanas polo que elas decidiron non acudir a clase, e semella que houbo un grupo de compañeiros que se escusaron e que lles pediron que volvesen asistir ás aulas. En 1910 aprobouse un decreto que permitía ás mulleres estudar na universidade; é abraiante que as mulleres non tivesen ese dereito en España ata esa data. Pero o grave é que iso non é máis que un exemplo de algo moito máis fondo e grave como é a asignación ás mulleres dun papel social secundario, sen dereitos e excluídas de participar en actividades culturais, sociais, políticas ou artísticas. A pesar do cal, ao longo da historia da Humanidade houbo mulleres brillantes e capaces en todos os campos da cultura, das artes, das ciencias, e de todas as actividades da vida social. Con todo, moitas delas foron esquecidas, perdeuse a súa memoria e quedaron ocultas. Por iso é tan importante recuperar as súas figuras.

Galicia rende homenaxe a Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética

-E tentar non dar pasos atrás…

-Como esa concepción de que a muller está menos capacitada ca o home en moitos aspectos segue estando moi arraigada no pensamento de moitas persoas, e existe o perigo de que se dean pasos atrás. Pero está nas mans das mulleres, e tamén dos homes convencidos da igualdade de xéneros, o non permitir retrocesos e seguir avanzando na senda da igualdade. Recuperar as biografías e as obras de mulleres que foron capaces de rebelarse e puideron cumprir os seus obxectivos persoais e profesionais dá forza; é moi importante porque dá forza e dá esperanza ás mulleres de hoxe.

-O expediente académico de Jimena foi brillante, ata o punto de gañar o Premio Extraordinario: é outra mostra de que a muller se vía e aínda se ve hoxe na obriga de brillar máis que o home para acadar algo?

-Efectivamente. Ao atoparse en condicións desfavorables, as mulleres teñen que facer un esforzo maior para exercer os seus dereitos e acadar os seus obxectivos persoais e profesionais.

-Nos anos 20, Jimena contou con bolsas da JAE e investigou en Alemaña, Suíza, Italia… Todo isto foi desmantelado….

-A Junta para Ampliación de Estudos e Investigaciones Científicas foi fundamental na carreira investigadora de Jimena. A JAE foi un organismo que desenvolveu unha política científica de extraordinario valor. Reorganizou as estruturas de investigación en España, creou novos centros e desenvolveu  con grande éxito un programa de renovación científica, pedagóxica e cultural, mediante a concesión de pensións (bolsas) para formarse e investigar no estranxeiro e coñecer a vangarda de Europa e dos Estados Unidos en cada disciplina, e impulsou especialmente a participación de mulleres. Foron pensionados pola  JAE os mellores intelectuais e científicos españois do primeiro terzo do século XX.  Entre eles está Jimena, xunto aos grandes nomes da época, moitos dos cales, por desgraza, tiveron que se exiliar ou foron logo perseguidos coa ditadura franquista, co consecuente dano dramático á ciencia en España.

-Jimena rematou renunciando á súa carreira investigadora para ser médica en varios balnearios. Era un cargo moi modesto. Por que este paso atrás deixando a vangarda da investigación?

-Desgraciadamente, antes desa decisión de dedicarse á medicina nun balneario tivo moitas dificultades na súa carreira investigadora. Jimena tivo unha gran visión ao comprender o interese do coñecemento da xenética na especie humana e a importancia que podía ter a súa aplicación á clínica. Pero foi unha adiantada á súa época, porque a aplicación da xenética á medicina precisou do desenvolvemento dun coñecemento e unhas tecnoloxías que non estiveron dispoñibles ata moitos anos máis tarde. Nos seus primeiros anos como ciencia, a xenética desenvolveuse no campo dos animais e das plantas, onde é posible aplicar a tecnoloxía mendeliana de cruzamentos artificiais. No caso da especie humana estes non son posibles: houbo que limitarse ao estudo de xenealoxías e á utilización do método xemelar.

Sen dúbida pesou o feito de ser muller nun medio completamente masculino. E desde logo foi importante para ela a falta de interese pola xenética e a escasa comprensión da súa importancia polos médicos españois da época. Cando volveu dos seus primeiros dous anos de formación en Alemaña e Viena, tivo moitas dificultades para conseguir que se crease un centro onde poder desenvolver os coñecementos que adquirira. Co apoio do que foi o seu director de tese, o eminente  hematólogo Gustavo Pittaluga, gran convencido da importancia do estudo da herdanza humana, finalmente creouse unha Sección de Xenética vinculada á cátedra de Patoloxía da Universidade de Madrid, cuxo catedrático era Nóvoa Santos, quen foi profesor de Jimena na universidade galega, e sempre a valorou e apoiou.

“Aínda que non volveu á investigación científica, nalgún momento volveu reincorporarse á Sección de Xenética da Facultade de Medicina. E desde logo mantivo o seu interese e a súa curiosidade”

-Nese momento, sae de novo a actualizarse a Europa…

-Ao ser nomeada directora da Sección de Xenética, Jimena solicitou de novo á JAE unha pensión para actualizar os seus coñecementos, e permaneceu máis dun ano traballando en Berlín e Xénova. Á súa volta a Madrid, a finais de 1934, Nóvoa morrera e sen o seu apoio  Jimena volve atopar dificultades para conseguir o que necesita para investigar: financiamento e colaboradores. Con todo, seguiu estudando, actualizando os seus coñecementos e difundíndoos. É cando Marañón lle pide que dite uns cursos sobre xenética para os estudantes médicos. O contido deses cursos dá lugar ao libro La herencia fisiopatológica en la especie humana que publica en 1935 e pode considerarse o primeiro libro de xenética humana escrito en español.

Pero non debe esquecerse que o abandono dos seus traballos de investigación tivo que ver coa guerra Civil española e as súas consecuencias posteriores. En 1936 Jimena marchou de Madrid, e ao acabar a guerra os principais apoios que tiña na Facultade de Medicina, o Profesor Pittaluga e o Dr. Marañón exiliáronse.

Aínda que non volveu á investigación científica, nalgún momento volveu reincorporarse á Sección de Xenética da Facultade de Medicina. E desde logo mantivo o seu interese e a súa curiosidade, seguiu estudando e coñecendo os avances da xenética e difundíndoos, como o demostra o seu libro Teoría de la Herencia y Herencia Molecular que publicou en 1963.

-Fan falla biografías como a de Jimena para inspirar ás mulleres científicas de hoxe?

-Efectivamente, as biografías como as de Jimena son moi necesarias. Fan falla modelos que inspiren tanto ás mozas como aos mozos. Eu creo que xa hai moitas mulleres interesadas en ciencias, pero o máis importante é apoiar en xeral a carreira investigadora en España. Que resulte atractiva para os mozos, que non se vexan obrigados a abandonar por falta de apoio e de medios. Eu tiven estudantes que despois do doutoramento tiveron que abandonar a investigación. En España temos un problema con isto e hai que resolvelo. Fai falla unha política científica eficaz e o convencemento social de que a ciencia é fundamental para avanzar como sociedade. E que tamén redunda na economía. E no noso desenvolvemento como país.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.