Galicia rende homenaxe a Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética

O Día da Ciencia en Galicia, que se celebra este venres 8, recoñece o camiño aberto pola científica, primeira licenciada en Medicina na USC

Jimena Fernández de la Vega, nun homenaxe no Clínico.

Este venres 8 de outubro conmemórase o Día da Ciencia en Galicia, unha data que homenaxea o nacemento de Benito Jerónimo Feijóo Montenegro, promotor indiscutible da ciencia no país. E farao este ano rendendo tributo a Jimena Fernández de la Vega, unha pioneira da xenética médica en Galicia e España. Para celebrar a efeméride, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que organiza este día, preparou unha serie de actos que se desenvolverán ao longo da xornada do venres. Fernández de la Vega é a segunda muller que obtén o recoñecemento de Científica Galega do Ano, que se remonta a 2008, despois da oceanógrafa Ángeles Alvariño (2015).

O acto central terá lugar no Salón Nobre de Fonseca e nel participará, xunto a representantes da sociedade galega, a presidenta do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, sobriña da figura homenaxeada este ano pola Real Academia Galega de Ciencias de Galicia (RAGC), e que foi tamén pioneira ao ser a primeira vicepresidenta dun Goberno en España.

Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo-Asturias, 1895 – Santiago de Compostela, 1984) foi unha xenetista e profesora moi recoñecida do século XX. Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas en Medicina pola USC, representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios.

Ademais, estivo entre as 50 científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España, con estadías en Alemaña, Austria e Italia. Logo da Xenética, orientou a súa traxectoria profesional cara á hidroloxía médica. Jimena foi un referente extraordinario demostrando o enorme potencial que lle permitiu dar unha salientable visibilidade ás científicas da época. 

Ademais, no mesmo acto de Fonseca, farase entrega das cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. As persoas distinguidas este ano son Carmen Álvarez Lorenzo, Carlos Hervés Beloso, Luis Castedo Ribas, Manuel Eulogio Ladra González e María Antonia Señarís Rodríguez.

Publicación e outras homenaxes

Alén do acto central haberá outras actividades que completarán a axenda do Día da Ciencia en Galicia. O Consello da Cultura Galega presentará unha publicación de autoría colectiva sobre Jimena, producida por GCiencia e na que escriben senllos limiares a presidenta da institución editora, Rosario Álvarez, e o presidente da RAGC, Juan Lema. “Esta publicación pretende simplemente abrir unha fiestra á súa personalidade, á súa obra e ó seu legado. Co nomeamento como Científica Galega do ano 2021, a Real Academia Galega de Ciencias quere gabar a súa figura como modelo de comportamento persoal e profesional para a sociedade galega en xeral, e moi en particular para a sociedade científica galega”, segundo escribe Lema.

Por outra banda, coa colaboración do Concello de Santiago, colocarase unha placa conmemorativa no Parque das Ciencias (fronte ao colexio La Salle). E a Deputación de Pontevedra plantará no mesmo parque un exemplar dunha camelia xapónica dedicada á homenaxeada.

O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a  promoción social da ciencia, salientando diante da sociedade galega a vida e actividades daquelas científicas ou científicos que destacaron pola súa achega ao desenvolvemento da ciencia en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.