Cinco recoñecidas figuras científicas reciben as Medallas de Investigación da RAGC

Carmen Álvarez, Carlos Hervés, Luis Castedo, Manuel Ladra e María Antonia Señarís serán galardoados o vindeiro 8 de outubro no Día da Ciencia en Galicia

Luis Castedo, Manuel Ladra, Carlos Hervés, Carmen Álvarez e María Antonia Señaris. Foto: RAGC.
Luis Castedo, Manuel Ladra, Carlos Hervés, Carmen Álvarez e María Antonia Señaris. Foto: RAGC.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) anunciou este mércores a concesión das súas cinco Medallas de Investigación, galardóns que recoñecen a traxectoria consolidada de cinco científicas e científicos galegos en activo. Cinco catedráticos das tres universidades públicas galegas (Carmen Álvarez, Carlos Hervés, Luis Castedo, Manuel Ladra e María Antonia Señarís) ven así premiadas as súas traxectorias senlleiras en investigación, desenvoltas en Galicia, nas que ademais apostaron por fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos.

Carmen Álvarez

Carmen Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970) recibe a medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC. É académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e Fellow do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE). Conta con 23 anos de investigación posdoutoral en institucións como o Massachusetts Institute of Technology (MIT) e en colaboración con industrias.

O seu traballo sitúase na interfase da bioloxía, a ciencia dos materiais e a medicina coa tecnoloxía farmacéutica, e deu lugar a unha ampla variedade de sistemas de administración de fármacos nas escalas macro, micro e nano, a produtos de combinación fármaco-produto sanitario e a scaffolds para medicina rexenerativa. As súas aportacións recóllense en máis de 330 artigos en revistas indexadas, 37 capítulos de libro, dous libros en co-edición, preto de 400 comunicacións a congresos e 18 patentes, algunhas delas estendidas a outros países europeos, USA e Xapón.

“Esta distinción supón un estímulo e tamén un reto para o meu traballo futuro, e quero compartila con todas as persoas que me apoiaron desde os inicios da miña carreira e me enriqueceron a través das súas ensinanzas, cos meus estudantes de doutoramento e con todos os demais membros do grupo I+DFarma”, di Álvarez.

Carlos Hervés

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, destaca a traxectoria de Carlos Hervés Beloso (Marín, 1953), catedrático desde 1989 que exerce como docente e investigador desde 1975, ano no que se licenciou en Ciencias Matemáticas na USC con premio extraordinario. Completou estudos de doutoramento na Universidade de Nancy (Francia) que finalmente obtivo USC con premio extraordinario en 1979. Tras cursar estudos posdoutorais en Trinity College e University College Dublin (1979-1980) incorporouse ao Colegio Universitario de Vigo onde se interesou polos traballos de G. Debreu (Premio Nobel de Economía en 1984).

Foi convidado por Andreu Mas-Colell como visiting scholar no departamento de economía da Universidade de Harvard onde seguiu o curso de doutoramento de Andreu en microeconomía (1989). Foi catedrático en comisión de servizos na Universidad Carlos III. A continuación, regresou á UVigo. Desde 1988, todas as súas publicacións céntranse na teoría económica e foron recollidas en revistas como Economic Letters, Journal of Economic Theory, Games and Economic Behavior, Journal of Economics, Economic Theory, Journal of Mathematical Economics, etc. Dirixiu unha ducia de teses de doutoramento e participou en tribunais en España, Francia, Portugal, Italia, Alemaña e Reino Unido. Carlos Hervés foi nomeado en 2011 Fellow da Society for Advancement of Economic Theory e en 2012 membro de honra da Sociedad Española de Economía. Actualmente, é o director do centro ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) e coordinador do grupo de investigación RGEAF (Research Group in Economic Analysis, Accounting and Finance).

“Se algún mérito puidese ter realmente, ese será o dunha longa traxectoria como docente e como investigador. Tiven a sorte de gozar do meu labor como profesor, porque nunca deixei de aprender. Síntome especialmente orgulloso dos meus discípulos, daqueles que iniciaron a súa carreira investigadora cunha tese doutoral que no seu momento dirixín, que pronto se converteron nos meus coautores e que, hoxe en día, teñen unha exitosa carreira académica”, destaca Hervés.

Luis Castedo

O enxeñeiro de telecomunicacións Luis Castedo Ribas (Santiago de Compostela, 1966) foi o elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. É catedrático da UDC á que se incorporou en 1994 tras obter un ano antes o título de Doutor Enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid. É coautor de máis de 300 artigos en revistas e congresos internacionais de referencia en enxeñaría de comunicacións sen fíos. Dirixiu 16 tese de doutoramento. É coordinador do grupo de investigación en Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións co que desenvolveu máis de 50 proxectos de investigación de financiamento público e asinado máis de 30 contratos de transferencia de tecnoloxía con empresas. O seu grupo foi recoñecido pola Xunta de Galicia como Grupo de Referencia Competitiva varias veces, a última en 2020.

“Síntome moi honrado porque unha institución de prestixio como a RAGC premia a miña traxectoria académica e investigadora nun ámbito tan apaixonante e actual como as Tecnoloxías da Información e Comunicacións. Quero compartir este recoñecemento co meu grupo de investigación e coa UDC” –destaca–.

Manuel Ladra

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle a Manuel Eulogio Ladra González (A Coruña, 1956). É catedrático de Álxebra na  USC e socio da  RSME. Con 43 anos de actividade docente, Manuel Ladra desenvolveu toda a súa actividade académica, profesional e investigadora na USC. Dirixiu 15 teses de doutoramento e actualmente dirixe outras dúas.

Ademais de desempeñar labores de xestión universitaria e de avaliación científica, o galardoado é investigador principal de varios proxectos nacionais e internacionais. O seu labor investigador, difundida en máis de 130 artigos publicados  en revistas de impacto internacional, céntrase no estudo da álxebra  homolóxica de diferentes estruturas alxébricas, investigación de estruturas  alxébricas non asociativas con ampla conexión na Física e a Bioloxía, e en aspectos computacionais da álxebra non  conmutativa. Actualmente é coordinador e investigador principal da Rede de Investigación  REDE  EACA (Rede temática de cálculo simbólico, álxebra computacional e aplicacións).

“A concesión da medalla supón unha gran satisfacción persoal, polo recoñecemento á miña traxectoria científica durante máis de 40 anos, ao ser o máis prestixioso a nivel galego no ámbito onde traballo. Pero tamén é un respaldo á investigación pura en matemáticas, no meu caso particular á disciplina da álxebra, aos meus compañeiros e amigos do meu grupo de investigación en matemáticas na USC. Ademais, é un recoñecemento ao meu departamento e á Facultade de Matemáticas, pola súa posición no liderado internacional en Matemáticas nos últimos anos” –apunta–.

Maria Antonia Señarís

María Antonia Señarís Rodríguez (Santiago de Compostela, 1965) recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. É catedrática de Química Inorgánica da UDC, onde desenvolveu a maior parte da núa carreira. É licenciada en Química pola USC, Máster en Materiais de Interese Tecnolóxico e doutora en Química pola Universidad Complutense de Madrid e entre outras bolsas desfrutadas, foi bolseira Fullbrigt posdoutoral no Center for Materials Science and Engineering da Universidade de Texas en Austin (USA), baixo a dirección do profesor John B. Goodenough, Premio Nobel de Química 2019.

Toda a súa actividade investigadora centrouse no ámbito da química e física do estado sólido e materiais deseñando, preparando e estudando compostos sólidos. Fundou e dirixiu o grupo de investigación en Química do Estado Sólido e Materiais da UDC, que actualmente desenvolve a súa actividade no Centro de Investigacións Avanzadas (CICA). Participou en máis de 25 proxectos de investigación interdisciplinares, realizou estancias de investigación en USA, Alemaña, Francia ou México e publicou 144 traballos de investigación. Ademais, é coinventora  de dúas patentes en materiais dieléctricos e seis patentes sobre materiais e dispositivos calóricos, conseguindo contratos con distintas empresas. Actualmente é vicepresidenta do Grupo Español de Química do Estado Sólido e Materiais  da  Real Sociedad Española de Química.

“Recibo con moita sorpresa, alegría, ilusión, humildade e agradecemento este prestixioso galardón que me honra moitísimo tanto a nivel profesional como persoal. E pensando inmediatamente en todas as persoas e Institucións que me apoiaron e fixeron posible que chegase ata aquí, en particular na miña familia, nos meus mestres, no meu grupo de investigación e na UDC, aos que quero expresar a miña inmensa gratitude”, expón Señarís.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.