Galicia rende homenaxe a Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética

O Día da Ciencia en Galicia, que se celebra este venres 8, recoñece o camiño aberto pola científica, primeira licenciada en Medicina na USC

Este venres 8 de outubro conmemórase o Día da Ciencia en Galicia, unha data que homenaxea o nacemento de Benito Jerónimo Feijóo Montenegro, promotor indiscutible da ciencia no país. E farao este ano rendendo tributo a Jimena Fernández de la Vega, unha pioneira da xenética médica en Galicia e España. Para celebrar a efeméride, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que organiza este día, preparou unha serie de actos que se desenvolverán ao longo da xornada do venres. Fernández de la Vega é a segunda muller que obtén o recoñecemento de Científica Galega do Ano, que se remonta a 2008, despois da oceanógrafa Ángeles Alvariño (2015).

O acto central terá lugar no Salón Nobre de Fonseca e nel participará, xunto a representantes da sociedade galega, a presidenta do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega, sobriña da figura homenaxeada este ano pola Real Academia Galega de Ciencias de Galicia (RAGC), e que foi tamén pioneira ao ser a primeira vicepresidenta dun Goberno en España.

Publicidade

Jimena Mª Francisca Emilia Fernández de la Vega y Lombán (Vegadeo-Asturias, 1895 – Santiago de Compostela, 1984) foi unha xenetista e profesora moi recoñecida do século XX. Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas en Medicina pola USC, representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios.

Ademais, estivo entre as 50 científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España, con estadías en Alemaña, Austria e Italia. Logo da Xenética, orientou a súa traxectoria profesional cara á hidroloxía médica. Jimena foi un referente extraordinario demostrando o enorme potencial que lle permitiu dar unha salientable visibilidade ás científicas da época. 

Publicidade

Ademais, no mesmo acto de Fonseca, farase entrega das cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. As persoas distinguidas este ano son Carmen Álvarez Lorenzo, Carlos Hervés Beloso, Luis Castedo Ribas, Manuel Eulogio Ladra González e María Antonia Señarís Rodríguez.

Publicación e outras homenaxes

Alén do acto central haberá outras actividades que completarán a axenda do Día da Ciencia en Galicia. O Consello da Cultura Galega presentará unha publicación de autoría colectiva sobre Jimena, producida por GCiencia e na que escriben senllos limiares a presidenta da institución editora, Rosario Álvarez, e o presidente da RAGC, Juan Lema. “Esta publicación pretende simplemente abrir unha fiestra á súa personalidade, á súa obra e ó seu legado. Co nomeamento como Científica Galega do ano 2021, a Real Academia Galega de Ciencias quere gabar a súa figura como modelo de comportamento persoal e profesional para a sociedade galega en xeral, e moi en particular para a sociedade científica galega”, segundo escribe Lema.

Por outra banda, coa colaboración do Concello de Santiago, colocarase unha placa conmemorativa no Parque das Ciencias (fronte ao colexio La Salle). E a Deputación de Pontevedra plantará no mesmo parque un exemplar dunha camelia xapónica dedicada á homenaxeada.

O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a  promoción social da ciencia, salientando diante da sociedade galega a vida e actividades daquelas científicas ou científicos que destacaron pola súa achega ao desenvolvemento da ciencia en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“É que Deus non fala galego?” O estudo que alertou do declive do idioma en 1974

Unha investigación sociolingüística con 600 amas de casa pontevedresas recuperado polo Consello da Cultura Galega revela o peso da Igrexa, da clase social e do ámbito doméstico na substitución lingüística

O Consello da Cultura Galega alerta da transferencia do control do patrimonio aos concellos

Un informe do órgano estatutario lamenta que se elimine a autorización previa da Consellería nas intervencións en bens catalogados e dubida da súa constitucionalidade

Fernando Calvet i Prats. Un pioneiro da bioquímica e un promotor da biotecnoloxía en Galicia

A RAGC nomea ao químico nado en Vilafranca del Penedès como Científico Galego do Ano 2025 como pioneiro da bioquímica e biotecnoloxía en Galicia

Das bolichas á cucaña: cultura galega a través dos seus xogos tradicionais

O Consello da Cultura Galega impulsa a recuperación e difusión de máis de 100 tradicións lúdicas, organizadas por idade, finalidade e categoría, dispoñibles en formato web e aplicación móbil