Este mércores 6 de outubro foi un “día histórico na loita contra a malaria“, en palabras do epidemiólogo asturiano Pedro Alonso, director do programa global de loita contra a enfermidade da Organización Mundial da Saúde (OMS). A institución emitiu un comunicado no que daba conta da recomendación do uso a grande escala da vacina RTS,S, tamén coñecida como Mosquirix, desenvolvida pola farmacéutica GlaxoSmithKline (GSK), entre nenos e nenas da África subsahariana e outras rexións nas que a incidencia da enfermidade é entre moderada e alta. Por primeira vez en máis de 100 anos vaise xeralizar a vacinación como ferramenta de control dunha das epidemias máis letais para a humanidade nos últimos séculos.
A malaria ou paludismo segue sendo hoxe unha das principais causas de enfermidade e morte infantil nalgunhas áreas do planeta. Estímase que máis de 260.000 nenos africanos menores de 5 anos seguen morrendo cada ano na África subsahariana por mor da enfermidade, o que supón un falecemento cada dous minutos.
Nos últimos anos, tanto a OMS como os seus socios na estratexia fronte a enfermidade están a observar un estancamento na contención da mesma. Así, seguen producíndose máis de 200 millóns de casos cada ano, aínda que as medidas de prevención conseguiron reducir á metade as mortes por paludismo desde o 2000.
Continuación dun programa piloto
A recomendación agora aprobada baséase nun programa piloto desenvolvido desde 2019 en Ghana, Kenia e Malawi que conseguiu levar a vacina a máis de 800.000 nenos e nenas. As análises de efectividade apuntan que se conseguiu reducir nun 30% o risco dos casos mortais de malaria, mesmo en espazos que xa contan con medidas preventivas, como o uso de mosquiteiros tratados con insecticida. Ademais, constatouse un perfil de seguridade sólido despois de máis de 2,3 millóns de doses administradas.
A child dies from #malaria every two minutes.
One death is one too many.🚨 Today, WHO recommends RTS,S, a groundbreaking malaria vaccine, to reduce child illness & deaths in areas with moderate and high malaria transmission https://t.co/xSk58nTIV1#VaccinesWork pic.twitter.com/mSECLtRhQs
— World Health Organization (WHO) (@WHO) October 6, 2021
Este traballo permitiu igualmente constatar a capacidade de establecer unha loxística axeitada, aumentando a equidade no acceso ao fármaco e acadando unha cobertura do 90% nalgunha das medidas de prevención (a propia vacina ou o uso de mosquiteiros tratados con insecticidas).
“É un momento histórico. A tan agardada vacina contra a malaria para nenos é un grande avance para a ciencia, a saúde infantil e o control da malaria”, declarou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus. E engadiu: “O uso desta vacina, xunto ás outras ferramentas existentes para previr a malaria poderían salvar decenas de miles de vidas infantís todos os anos”.
“Durante séculos, a malaria asolou a África subsahariana, causando un inmenso sufrimento persoal”, declarou pola súa banda Matshidiso Moeti, directora da OMS para África. “Levamos moito tempo agardando unha vacina eficaz contra a malaria e agora, por primeira vez, temos esta vacina recomendada para un uso xeralizado. A recomendación de hoxe ofrece un raio de esperanza para o continente que soporta a maior carga da enfermidade e esperamos que moitos máis nenos africanos estean protexidos da malaria e poidan converterse en adultos sans”.
A vacina
Despois de décadas de investigación, a vacina Mosquirix superou as diversas fases de ensaios e foi aprobada no ano 2015 pola Axencia Europea do Medicamento. Ese mesmo ano, a OMS abriu as primeiras recomendacións para o seu uso en África, e en 2019 iniciouse o citado proxecto en Kenia, Malawi e Ghana.
A vacina, que se inxecta por vía intramuscular, contén unha proteína do Plasmodium falciparum, o protozoo parasito que causa a malaria e que é transmitido polo mosquito Anopheles, xunto co antíxeno de superficie do virus da hepatite B, o que contribúe igualmente a unha certa protección contra esta enfermidade. A pauta é de tres doses (con recomendación dunha cuarta) que se espacian entre antes dos cinco meses de idade e os 15-18.
Alén da Mosquirix de GSK, varios laboratorios traballan en novas fórmulas coas que aumentar a eficacia limitada da vacina que se comezará a usar na África subsahariana. Así, a compañía alemá BioNTech, que desenvolveu xunto a Pfizer a vacina de ARNm contra a Covid-19, iniciará en 2022 ensaios clínicos mediante esta tecnoloxía. E nos Estados Unidos, outros grupos de investigación desenvolven prometedores traballos que amosan, por agora, preto dun 100% de protección.