Xoves 5 Decembro 2024

A gran semana contra a malaria: vacinas esperanzadoras e eliminación na China

A OMS certifica que o país máis poboado do mundo está 'libre' da doenza e publícanse os resultados de dúas fórmulas combinadas con fármacos

No medio dunha pandemia mundial que centra os focos, seguen producíndose avances contra outras enfermidades transmisibles moi relevantes para outras partes do planeta. Esta semana trouxo consigo dous importantes fitos no combate contra a malaria, unha doenza que continúa causando estragos en países tropicais. A pesar de que no 2019 se acadou o mínimo histórico de mortes, seguen sendo demasiadas: a Organización Mundial da Saúde calcula que nese ano 409.000 persoas morreron por mor do paludismo. Mais o horizonte parece bastante máis despexado: a revista Nature publica os resultados dun ensaio clínico que constata unha notable protección a través do uso de vacinas de parasitos vivos atenuados co uso de fármacos. Ao mesmo tempo a OMS declarou que a China, o país máis poboado do mundo, estaba ‘libre’ da epidemia despois de catro anos sen transmisión local.

Ensaios esperanzadores para a vacina

Un ensaio que recrutou a 56 voluntarios adultos sans, e que recolle Naturepon de novo razóns para o optimismo nun camiño que desde hai décadas está cheo de obstáculos, entre outros motivos, pola dificultade de desenvolver probas en modelos animais apropiados. O equipo que encabeza Patrick Duffy, investigador do Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas dos Estados Unidos (NIAID), expón que conseguiron protexer dos danos que causan os parasitos do xénero Plasmodium que ocasionan a enfermidade. A súa fórmula consiste na inoculación de parasitos vivos que, posteriormente, se atenúan días despois con doses de pirimetamina ou cloroquina, dous fármacos profilácticos que matan os patóxenos que se estenden ao fígado e o sangue e provocan o agravamento da enfermidade.

Publicidade

O ensaio constata tamén que a eficacia contra a malaria aumenta coa cantidade da dose de parasitos vivos, a pesar de que se manteña a mesma dose dos fármacos, chegando a obter eficacias do 87,5%. Abordouse tamén o tratamento con cepas distintas de parasitos. E non caso dunha variante presente no Brasil, a eficacia era aínda maior, protexendo a seis dos individuos ao 100% durante tres meses.

O reto agora é constatar estes resultados en ensaios máis amplos, cos que conseguir superar os desafíos fronte ao desenvolvemento da enfermidade. O enfoque de usar parasitos vivos para obter inmunización remóntase a mediados do século pasado, pero ata o momento as eficacias acadadas nas fórmulas foron reducidas. Outro dos retos é a capacidade loxística necesaria para inxectar parasitos procedentes de mosquitos -que actúan como vectores destes patóxenos- a millóns de persoas arredor do planeta.

Con todo, segundo se expón en Nature, unha empresa de biotecnoloxía estadounidense, Sanaria, que colabora no deseño da vacina que impulsa o NIAID, xa pode producir grandes cantidades dos compostos precisos e traballa para poder obtelos sen mosquitos. Outro dos enfoques de Sanaria é que, mediante a técnica de edición xenética CRISPR-Cas9, se poida debilitar a virulencia dos Plasmodium e evitar así a administración de fármacos para atenualo.

Publicidade

Ao mesmo tempo que a loita contra a malaria avanza, a enfermidade tamén está atopando novos camiños para resistir os avances científicos. O uso de mosquiteiros, insectidas e medicamentos vese limitado pola adaptación e as resistencias que xera o patóxeno e pola ‘explosión’ demográfica nos países máis afectados, que incrementa o número de persoas que contraen a enfermidade. “Estamos estancados nun nivel inaceptablemente alto, e se non conseguimos unha vacina cunha alta eficacia, será difícil seguir progresando”, advirte o médico asturiano Pedro Alonso, director do Programa Global de Malaria da OMS.

Sen casos na China

A outra noticia esperanzadora da semana chegou un país que nos anos 40 do século XX rexistraba 30 millóns de casos cada ano, e hoxe non ten ningún. A OMS certificou que a China está ‘libre’ de malaria. O director xeral da organización, Tedros Adhanom Ghebreyesus, declarou que o “éxito é froito dun gran esforzo, que chega despois de décadas de acción sostida e ben dirixida”. Para a OMS, o fito na China “está amosando ao mundo que un futuro sen malaria é un obxectivo viable”.

https://twitter.com/WHO/status/1410155406232596487

O país é o primeiro da rexión da costa oeste do Pacífico en ser recoñecido como libre de malaria nas últimas tres décadas, despois de que o conseguiran Australia (1981), Singapur (1982) e Brunei (1987). En todo o mundo, apenas 40 países conseguiron esta certificación. Os máis recentes foron El Salvador (2021), Arxelia (2019), Arxentina (2019), Paraguai (2018) e Uzbequistán (2018).

Desde a década de 1950, as autoridades sanitarias chinesas desenvolveron un programa estatal a través do reparto de medicinas preventivas, a redución de zonas acaídas para a cría de mosquitos e o uso de insecticidas nos fogares. Nos anos 70, o esforzo científico chinés levou ao descubrimento da artemisinina, o composto básico dos medicamentos antipalúdicos máis eficaces na actualidade.

“Durante moitas décadas, a capacidade da China para pensar de maneira innovadora axudou ao país na propia resposta contra a malaria e tivo un efecto domino a nivel mundial”, salienta Pedro Alonso.

Para os anos 90 do século XX, as mortes xa se reduciran nun 95%, e a comezos do século XXI os casos xa caeran por baixo dos 5.000 anuais. Despois de catro anos seguidos sen novos casos nativos, China solicitou en 2020 a certificación da eliminación da malaria, que a OMS acaba de concederlle despois da verificación dos datos. Este recoñecemento constata que se conseguiron eliminar as cadeas de transmisión locais da malaria a través dos mosquitos Anopheles nos últimos tres anos, e que o país está capacitado para responder a posibles rebrotes na transmisión.


Máis información:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Nature’ recoñece un estudo galego sobre mala praxe científica

As retractacións de artigos biomédicos cuadriplicáronse nos últimos 20 anos, segundo a análise liderada polo investigador da USC Alberto Ruano

Unha científica galega advirte en ‘Nature’ do aumento de colapsos en pontes

A deterioración dos materiais, as sobrecargas de vehículos e trens, e os fenómenos extremos intensifican o dano que sofren as infraestruturas

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Descuberta a proteína responsable da sensación de frío

O estudo foi publicado na revista ‘Nature Neuroscience’ e pode axudar a comprender como perciben as temperaturas baixas os seres humanos