Xoves 28 Marzo 2024

Os preocupantes sinais da vaga de calor sen precedentes no Canadá

Case 50ºC de temperatura, decenas de mortes pola calor, incendios e altos niveis de contaminación asolan a Columbia Británica

A vila de Lytton, situada a uns 150 quilómetros ao nordeste da cidade de Vancouver, está camiño de converterse nun símbolo da vaga de calor sen precedentes que afecta ao oeste do Canadá e o noroeste dos Estados Unidos. A provincia da Columbia Británica leva días golpeada por temperaturas extremas, elevados niveis de contaminación atmosférica e incendios forestais voraces que xa causaron máis dun cento de mortes vinculadas directamente a esta situación.

Un dos resumos máis contundentes da situación chegaba desde a Organización Meteorolóxica Mundial (WMO). “Non hai palabras para describir este acontecemento histórico”, recollía a entidade, citando á Axencia Meteorolóxica da Columbia Británica. Os 49,5ºC que se marcaron en Lytton o 29 de xuño, e que superaron, por terceiro día, a máxima temperatura xamais rexistrada ata entón no Canadá. No ano 1937 chegaran a cuantificarse 45ºC en Yellow Grass, na provincia de Saskatchewan, pero nos últimos días, varias estacións do país superaron o récord histórico. O limiar de Lytton mesmo supera o máximo acadado na desértica Las Vegas, con 47,2ºC.

Publicidade

O impacto en Lytton non se cingue só ás altas temperaturas. Na tarde deste mércores, toda a vila foi evacuada por mor dun voraz incendio que avanzou a gran velocidade debido ás altas temperaturas:

Decenas de mortes e “centros de refrixeración”

O impacto da calor no noroeste dos Estados Unidos e o Canadá xa se está a traducir nun incremento notable da mortalidade. Segundo Reuters, no estado de Oregon notificáronse máis de 60 mortes vinculadas á vaga de calor. O condado de Multnomah, no que se inclúe a cidade de Portland, a maior do estado, cuantificou 45 falecementos. En comparación, destacan as autoridades sanitarias, en Oregon apenas se rexistraron 12 mortes por calor entre 2017 e 2019. Do mesmo xeito, os hospitais están recibindo centos de ingresos debido a doenzas vinculadas á calor. Na cidade de Vancouver activouse unha rede de “centros de refrixeración” para que as persoas puidesen protexerse da calor.

Porén, os danos están sendo de maior magnitude ao outro lado da fronteira. Na Columbia Británica notificáronse 486 mortes súbitas nos últimos días, arredor de tres veces máis do habitual nese período. O departamento de Policía de Vancouver expuxo que, cando o normal é atender tres ou catro mortes súbidas cada día, a cifra multiplicouse ata as 53 do pasado venres ou ás 53 deste martes. A meirande parte das persoas eran maiores de 70 anos, que vivían soas e, en moitos casos, en fogares cunha ventilación pouco adecuada para as altas temperaturas, segundo o Vancouver Sun. “Nunca vimos nada así, e isto rompe o corazón”, declarou o sarxento Steve Addison nun comunicado.

O episodio está sendo vixiado de preto por moitos investigadores sobre cambio climático pola súa excepcionalidade. O Instituto de Investigación Atmosférica da Universidade de Colorado reflectiu a propagación dos pirocúmulonimbos (as nubes xeradas polo fume dos incendios) na súa páxina web.

Desde a NASA, o Earth Observatory expón que a situación débese a unha combinación de “condicións pouco habituais”. “A presión atmosférica moi alta cara ao interior e as baixas presións preto da costa crearon un forte fluxo de aire de leste a oeste, o que empurra o aire fresco do océano lonxe da costa; ademais, a medida que o aire quente flúe sobre a Cordilleira das Fervenzas, que atravesa esta zona de Norteamérica, o aire vólvese máis cálido a medida que descende polas ladeiras occidentais desta cordilleira”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Primeira imaxe en luz polarizada do burato negro da Vía Láctea

Grazas a esta nova vista de Saxitario A*, a rede global de radiotelescopios EHT revela a existencia de fortes campos magnéticos xirando arredor do seu borde