Martes 23 Abril 2024

Toponimízate: unha ‘app’ colaborativa para conservar os nomes de lugar en Galicia

A Real Academia Galega coordina unha nova edición da campaña que busca implicar á sociedade na divulgación do patrimonio toponímico do país

A toponimia é un dos maiores tesouros do patrimonio cultural de Galicia. A orografía, a dispersión da poboación e os modos de vida da sociedade do país provocaron que practicamente cada recuncho do territorio teña un nome propio. De feito, os datos subliñan que Galicia acapara 45 dos 50 topónimos máis habitual no territorio estatal e 5.000 máis ca todo Portugal. E entre eles, algúns ben curiosos. Para conservar esta riqueza, e aproveitar tamén as posibilidades que para isto outorgan as tecnoloxías emerxentes, púxose en marcha a campaña de divulgación Toponimízate; coñece os nomes da túa terra. Durante as vindeiras semanas, a iniciativa chegará a dezasete localidades das catro provincias para implicar á veciñanza no uso dunha aplicación colaborativa coa que poden enriquecer esta parte do patrimonio do país.

Toponimízate, que se enmarca dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia, conta coas achegas do académico correspondente da RAG Gonzalo Navaza para a elaboración da información sobre a orixe e o significado dos nomes dos concellos, parroquias e aldeas. “Con esta iniciativa, pretendemos implicar o conxunto da sociedade, tanto institucións locais como particulares, na reivindicación e defensa dun dos nosos grandes tesouros históricos”, salientou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. “A través dos nomes dos lugares podemos seguir a crónica de nós, a memoria do que somos, a pegada dos devanceiros. Galicia ten unha riqueza neste campo moi superior a calquera outra comunidade europea e é a nosa obriga coidala, estudala e defendela”, engadiu Freixanes.

Publicidade

Galicia acapara 45 dos 50 topónimos máis comúns no territorio español

O calendario da que é xa a terceira edición da campaña arrincou o pasado 4 de novembro en Mazaricos e continuou en Manzaneda, Ribadavia, Cambados, Beariz e Ordes. As vindeiras sesións terán lugar o mércores 27 de novembro en Guitiriz (ás 19 horas no Telecentro), o xoves 28 en Lalín (Biblioteca Valera Jácome, 20 horas), o venres 29 en Taboada (Casa da Cultura, 19 horas) e o sábado 30 de novembro no Bierzo (salón de plenos do Concello de Carucedo, 12 horas).

O programa continuará nas seguinte semana en Muxía (o 4 de decembro na biblioteca municipal ás 10:30 horas), Noia (5 de decembro, Casa da Cultura, 19 horas), Folgoso do Courel (16 de decembro, CPI Uxío Novoneyra, 14:30 horas), Cerdedo-Cotobade (17 de decembro, sala de usos múltiples, 15.45 horas), Pazos de Borbén (19 de decembro, auditorio do Concello, 12:30 horas) e Vilalba (27 de decembro, Casa da Cultura, 20:00 horas).

Está previsto ademais que Toponimízate chegue en datas vindeiras a centros de día de maiores, en colaboración co Consorcio Galego de Benestar, avanzou Valentín García.

Alén de profundar no coñecemento dos nomes dos lugares habitados, as persoas asistentes ás actividades de Toponimízate, poderán familiarizarse coa aplicación colaborativa para a preservación e difusión da microtoponimia a través da xeolocalización que empezará a funcionar proximamente, e tamén aprenderán a consultar a microtoponimia xa xeorreferenciada no “Buscador de topónimos“. As utilidades destas ferramentas abranguen dende as actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, catastro…) ata a promoción turística de elementos de interese cultural e rutas de sendeirismo, salienta Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG que impartirá as charlas.

De Paidavella a Pernaviva: 40 lugares galegos con nomes ben curiosos

A Real Academia Galega coordina esta iniciativa en colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os responsables de ambas as entidades, o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral Valentín García, presentaron esta semana na sede da RAG a campaña xunto a María Luísa Pena Babío, en representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, e Vicente Feijoo.

Pola súa parte, Valentín García incidiu tamén no gran valor da toponimia galega e a obriga de protexela. “A Xunta de Galicia, desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco do proxecto Toponimia de Galicia, reafirma o seu compromiso coa Real Academia Galega para salvagardar e poñer en valor o patrimonio inmaterial que constitúen a toponimia e a microtoponimia, unha gran riqueza e obra colectiva dos galegos e das galegas, que non podemos deixar esmorecer”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización