Sábado 20 Abril 2024

María de la Fuente: “A discriminación na ciencia dáse todos os días”

A investigadora galega, impulsora da campaña 'Ou científica ou nai', abre a Semana da Ciencia do Concello de Pontevedra

A científica galega María de la Fuente destaca a importancia de que exista un diálogo aberto entre a Administración e o persoal investigación para poder loitar contra a os problemas de precariedade e discriminación de xénero que afectan a esta comunidade. Segundo explica, soamente cando haxa un “diálogo aberto, proactivo e propositivo” e cunhas administracións dispostas a escoitar, se poderá avanzar en investigación en Galicia.

De la Fuente, que é directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), participou este luns na primeira das dúas entrevistas en directo programadas co gallo da Semana de la Ciencia de Pontevedra, organizada pola Concellería de Cultura do Concello e coa colaboración de GCiencia. Na súa intervención, manifestou que “gran parte dos problemas que estamos a vivir están na precarización da profesión”, unha dificultade que afecta a todos os colectivos investigadores en Galicia. Nese senso, lembrou que “é moi complicado poñer en valor a profesión cando non hai unha estrutura sólida detrás”.

Publicidade

Neste contexto, De la Fuente, que foi presentada pola concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, aludiu a posta en marcha de InvestiGal–Rede Galega pola Investigación como “un fito innegable”, por reunir a diversos colectivos dentro do ámbito da investigación científica e, dese xeito, promover unha abordaxe integral dos problemas da investigación na comunidade.

A xuízo da directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago é precisamente esa unión de diferentes perspectivas o que fai que InvestiGal sexa un colectivo “que a día de hoxe cómpre escoitar”. A partir de aí, incidiu en que “unha vez que se consiga superar esta barreira e que se consiga ter un diálogo aberto, proactivo e propositivo e que as administracións estean dispostas a escoitar da voz do propio colectivo cales son os problemas e cales son as potenciais solucións, entón poderemos avanzar en investigación en Galicia”, asegurou.

María de la Fuebte
Un momento da conversa emitida en streaming.

De la Fuente lembrou que, unha vez se fan as propostas, a Administración ten que buscar a forma de executalas e orzamentalas, pero insistiu na importancia de ter en conta ao colectivo. “Moitas veces se sacan convocatorias coa mellor das intencións pero non funcionan porque precisamente non están abordando circunstancias que o persoal investigador coñece de sobra”, apuntou.

Discriminación

Durante a entrevista, a investigadora e impulsora da campaña ‘Ou científica ou nai’, tamén se referiu aos casos de discriminación por razóns de xénero que afectan a moitas mulleres investigadoras e incluso relatou a súa experiencia persoal, prexudicada nunha convocatoria pública que non incluía supostos de interrupción da produtividade por causas de embarazo ou maternidade.

A científica galega lembrou que as situacións de discriminación de xénero prodúcense “todos os días”, unhas veces de xeito máis perceptible e outras veces de formas máis sutís. Por iso, destacou a importancia de falar deste tipo de problemas e facelos visibles para que a xente os poida identificar na súa contorna.

 “O que non pode ser é que penalicemos a muller polo feito de ter fillos”, advirte

Segundo explicou, foi a través da iniciativa ‘Ou científica ou nai’ cando se comezou a facer visible o problema, chegando a ser a antedita visibilización “o primeiro paso para mudar as cousas”. Agora, asegura que “aínda queda moito por cambiar” xa que, segundo alertou, “esta violencia estrutural estase a repetir”.

Nese sentido, avanzou que tanto desde InvestiGal como doutras asociacións de investigadoras e investigadores quérense promover cambios lexislativos para evitar que sigan a darse este tipo de situacións. “O que non pode ser é que penalicemos a muller polo feito de ter fillos”, aseverou.

A científica, licenciada en Farmacia pola USC, vinculou a situación de discriminación coa inestabilidade que sufre o sector e, nese sentido, estimou que en Galicia e España a situación “é peor” que noutros países europeos a figura do persoal investigador está máis valorada. “Cando hai precariedade as mulleres sempre nos vemos máis prexudicadas”, insistiu.

En todo caso, lembrou que a nivel estatal algunhas convocatorias públicas xa teñen sido modificadas e, tendo en conta este cambio, insistiu na importancia do diálogo entre Administración e comunidade investigadora. Segundo defende, é unha cuestión de “vontade”: “Igual que se produce aí o cambio, porque é cuestión de meter unha frase onde se garanta a igualdade de oportunidades, penso que tamén podería acontecer en Galicia”.

Estabilidade

Na súa intervención co gallo da Semana da Ciencia de Pontevedra, De la Fuente tamén abordou as posibilidades de estabilidade que ofrece a investigación en España e defendeu a necesidade de accións reais encamiñadas a reter e captar o talento. Nese senso, lamentou que se “abuse” do sentimento de apego de quen retorna. “Hai xente que volve por contribuír aquí, e iso non pode ir en detrimento da súa progresión profesional”, avisou.

Así, apostou pola inversión en captación e retención de talento como unha inversión que xera retornos e apelou a “amplitude de miras” á hora de planificar accións, xa que “vir aquí con tres anos de contrato non é un plan real de captación de talento”.

Durante a súa participación nesta primeira actividade da Semana da Ciencia de Pontevedra, respondeu ás preguntas do xornalista de GCiencia Manuel Rey. Este mércores a entrevistada será Olalla Vázquez, líder de grupo no Departamento de Bioquímica da Universidade de Marburg (Alemaña). A conversa será difundida a través das canles de Facebook e Youtube de GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante