Venres 29 Marzo 2024

Isabel Pastoriza: “Dependemos do financiamento español e é ridículo”

Isabel Pastoriza (1974, Bueu), doutora en Químicas e investigadora, é actualmente a coordinadora do grupo de Química Coloidal do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo. Será outra das poñentes da mesa redonda que este luns 11 de febreiro, ás 20.30 horas, ten lugar na Casa das Campás de Pontevedra, xunto a Alicia Estévez, Vanessa Valdiglesias, e Elena Vázquez Cendón, no acto organizado polo Concello de Pontevedra en colaboración con GCiencia.

Di Isabel que ela non foi unha desas persoas que soubo sempre o que quería ser –”segundo conta a miña nai, de pequena quería ser piloto de aviación, astronauta e incluso presidenta do Goberno. Dinme conta de que realmente me gustaba a carreira científica cando xa estaba na carreira”-, pero agora non dubida de que fai o que lle gusta e asegura que segue a emocionarse co seu traballo.

Publicidade

-E por que a Química?

-Decidino no último momento. A min me gustaban moito as ciencias, a Física e a Química, pero por cuestións de economía familiar tiña que estudar en Vigo e Física non estaba en Vigo. Por iso na miña mente estaba Química ou Enxeñería Industrial, que estaba moi de moda nese intre, pero no último momento decidinme pola Química. Esa foi a realidade, non foi unha vocación clara. Durante o primeiro ano de carreira non me gustaba moito, era moi xeral, pero a partir do segundo ou terceiro ano, foi cando me din conta de que acertara na elección.

-Tivo algún problema na casa cando dixo que quería estudar Química?

-Non, para nada. De entrada, cando estaba na EXB e non sabía se podería ir polo instituto ou FP por economía familiar, pero con moito sacrificio dos meus pais, a min e aos meus irmás déronnos a posibilidade de estudar unha carreira. E para os meus país é todo un orgullo.

-Ao longo da súa carreira sufriu discriminación por ser muller?

-Non, nin na carreira nin despois. Tiven a sorte de comezar a miña tese con Luís Liz Marzán, que é un referente a nivel mundial. Para el o que prima é a excelencia, quere traballar cos mellores sexan homes ou mulleres, españois ou estranxeiros… Iso foi o que me inculcou. Tiven a sorte de traballar sempre nunha atmosfera moi aberta, multidisciplinar, sinceramente nunca me sentín prexudicada por ser muller.

-No ano 2011 recibiu o Premio L’Oreal Unesco Muller e Ciencia. Que significou para vostede?

-Eu acabei a miña tese en 2001 e do 2001 ao 2011 foron anos bastante duros en canto a traballo. A carreira investigadora é bastante longa e dura, sen vacacións, na que o que prima é publicar e publicar para tentar ter un futuro. Entón cando te dan un premio a nivel nacional é  unha gran satisfacción. Despois de tantos anos de sacrificio, ao final tes unha  recompensa.

Podes consultar aquí o programa do Día da Muller e a nena na Ciencia (PDF)

-Forma parte do Centro Singular de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo. En que está a traballar nestes intres?

-Actualmente son a coordinadora do grupo de Química Coloidal e a nosa principal liña de investigación é a fabricación de materiais nanoestruturados, é dicir, materiais que estamos traballando na escala de nanómetros,  sobre todo en metais nobres, como ouro e a prata, porque a esa escala teñen propiedades ópticas moi interesantes que dan lugar á aplicación en diferentes campos. Fabricamos estes nanomateriais enfocados principalmente a dúas liñas: catálises e sensores. Por exemplo, fabricamos sensores baseados en ouro e prata para a detección de axentes contaminantes, biomoléculas, etc.

-Que retos ten por diante a nanotecnoloxía?

-A nanotecnoloxía é unha ciencia multidisciplinar e transversal, con campos de aplicación en construción, transporte, enerxía, industria alimentaria, biomédica… Ten tantos retos… A Unión Europea marcou como obxectivo para o ano 2020 tentar que a nanotecnoloxía estea totalmente integrada  na nosa vida diaria. Nalgúns eidos está, pero as posibilidades son tantas! En algún ámbitos hai certa desconexión entre a investigación e a industria. Unha das cousas que falla é o investimento privado, o da industria en I+D.

-Cal é a súa opinión sobre a marcha de científicos fóra, na procura de posibilidades que non atopan en España?

-Eu penso que todo o mundo, sexa científico ou non, por formación debería pasar unha tempada fora da súa casa. E no caso dos científicos, creo que alomenos por tempadas,  deberían estar noutros laboratorios,  traballar con xente diferente, coñecer novas técnicas, ver como se aborda un mesmo problema dende diferentes puntos de vista… Penso que iso é enriquecedor. O problema é que te vas e nunca sabes cando poderás volver, aínda que sexas unha eminencia mundial. As portas unha vez que saes, poden pecharse. O problema  está na inversión que hai en España en I+D, comparado co resto da Comunidade Europea está moi por baixo da media.

“É enriquecedor saír ao estranxeiro, pero o problema é que non poidas regresar nunca”

-E coa crise aínda peor.

-No ano 2009, o investimento era do 1,4% e no 2017 é do 1,2% do PIB, así que baixou. Mentres que a media europea do 2017 é do 2,07%, é dicir, estamos bastante por baixo. A UE considera a nanotecnoloxía unha área prioritaria, polo que está investindo bastante diñeiro, pero o problema é que a porcentaxe de éxito na captación desta financiación é bastante baixo. Entón nos dependemos da financiación española e ésta é ridícula.

-Como definiría a situación dos científicos en España?

-É bastante precaria, pero teño que dicir que co pouco diñeiro que recibimos, a ratio que temos con respecto ao diñeiro que recibimos é moi alto. A xente quere investigar e en vez de tirar a toalla, con ese pouco diñeiro que teñen, fan marabillas. A situación é moi precaria, sobre todo para os que fan investigación fundamental. Dende fai uns anos houbo un cambio de mentalidade e prímase á investigación aplicada, cando  deberíamos darnos conta de que a investigación fundamental é a base, o alicerce da investigación aplicada.

-Pensa que a sociedade recoñece o traballo dos investigadores?

-Eu penso  que falla a base e non sei se a xente se da conta de cal é o traballo dos investigadores. É certo que nos últimos anos nos periódicos se publican suplementos ou sección de divulgación científica, e tamén que cada vez máis adicamos parte das nosas horas á divulgación en colexios… Pero pese a todo creo que aínda non coñecen o noso traballo e a súa influencia na sociedade. Eu noto isto incluso na xente que me rodea, que a pesar de que saben que me dedico á investigación, como traballo na Universidade, pensan que teño o horario docente.

-Cal sería o seu soño profesional?

-Non son ambiciosa, a min gústame o traballo ben feito e que cando vou por aí, a xente recoñeza o meu traballo. Non aspiro a ser Premio Nobel, aspiro a seguir gozando do que fago, poder seguir emocionándome cos resultados que conseguimos no laboratorio, seguir con esta motivación. Estar contenta comigo mesma e poder emocionarte coas cousas que fago.

-Cun pouco máis de estabilidade, quizás.

-Iso si, porque sempre dependes da financiación. A veces é difícil… Por exemplo, no noso caso, este ano rematan varios proxectos e agora temos que dedicar este ano a escribir para presentar novos proxectos a diferentes convocatorias para ter traballo cara ao futuro. E iso ao final é un estrés. Conseguir financiamento en ciencia é estresante. Porque ademais de ti, tes xente contigo traballando e é unha responsabilidade tamén cara a eles.

1 comentario

  1. Muchas felicidades Isabel Pastoriza por esa gran trayectoria y el enorme esfuerzo y dedicacion a tan importante labor e investigacion !!
    Un gran ejemplo para tu familia, amigos y conocidos que te admiramos por tan impresionante trabajo !!
    Que sigan los premios y reconocimientos a tu vida laboral !!!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

O CINBIO explora novas estratexias terapéuticas para trastornos do sistema inmune

O proxecto coordinado pola investigadora Verónica Salgueiriño estuda as citoquinas, as cales facilitan a comunicación entre as células do sistema inmunolóxico

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas