Sábado 27 Abril 2024

“A sociedade non interiorizou a enorme importancia da ciencia como motor dun país”

A catedrática de Microbioloxía Alicia Estévez, premio María Wonenburger 2018, participa no encontro do Día da Muller e a Nena na Ciencia

Alicia Estévez Toranzo (Pontevedra, 1955) catedrática de Microbioloxía e directora do Grupo de Patoloxía en Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela, será unha das protagonistas do Día Internacional da Muller a da Nena na Ciencia de Pontevedra.

Esta investigadora despediu o 2018 recibindo o Premio María Wonenburger, feito que a encheu de “alegría, orgullo e honra, por incorporarme ao grupo das galardoadas das anteriores edicións, xa que todas elas son referentes femininos en diferentes ámbitos da ciencia e tecnoloxía. Considero que estes premios contribúen á  visibilización da muller en ciencia por parte da sociedade e ao fomento de vocacións científicas en nenas”.

Publicidade

Cando era pequena Alicia Estévez en que soñaba? Que quería ser de maior?

– Dende pequena dábaseme moi ben pintar, tanto debuxo artístico como xeométrico. Por iso facíame moita ilusión poder chegar a ser unha artista famosa, sobre todo de pintura impresionista, xa que o meu pintor preferido era Van Gogh.

– E cando decidiu que quería estudar Bioloxía, tivo algún atranco por ser muller? Alguén lle dixo que iso era para homes?

– Decidín estudar Bioloxía no curso de COU no Instituto feminino de Pontevedra (agora Valle Inclán) grazas á influencia dun extraordinario profesor que ensinaba a materia cun entusiasmo que contaxiaba. Na miña contorna familiar sempre me animaron a conseguir o que me facía ilusión, nunca se falaba do concepto de estereotipos de xénero. Mesmo os meus pais alegráronse de que me decantase pola Bioloxía xa que o de estudar Belas Artes e ser pintora considerábase naquela época de xente bohemia e cun futuro pouco prometedor.

Ten unha carreira chea de éxitos e recoñecementos, pero nalgún momento notou discriminación por ser muller?

– Nunca, ou polo menos non me decatei de sufrir discriminación por ser muller. Desde pequena sempre pensei que se me esforzaba, podería conseguir o que me propuxese sen pensar na miña condición de muller. No meu ámbito científico e académico sentinme en todo momento valorada.

Podes consultar aquí o programa do Día da Muller e a nena na Ciencia (PDF)

Que lle diría a unha rapaza que quere estudar ciencias, ser investigadora, enxeñeira…

Que poña todo o seu esforzo e ilusión en conseguir os seus soños e non se deixe influír por certos estereotipos existentes aínda nunha parte da sociedade onde hai a percepción de que homes e mulleres teñen distintas capacidades.  Ademais, hai que inculcarlles que o importante é que neste esforzo para conseguir os seus soños teñan sempre presentes os valores de honestidade, responsabilidade, respecto, empatía e tolerancia.

Dirixe o grupo de Patoloxía en Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela. Por que apostou por esta especialidade?

Foron os profesores Frank Hetrick e Jorge Crosa, con quen realicei estancias posdoutorais en Estados Unidos (1980-1982), os que influíron no comezo da liña de investigación sobre patoloxía de animais acuáticos. Ao regreso á Universidade de Santiago, a consolidación desta liña debeuse en gran medida ao lanzamento en 1984 do primeiro Programa Nacional de Investigación en Acuicultura en España, o que permitiu dotar ao grupo que se comezaba a formar dun financiamento moi importante.

A acuicultura en Galicia é un sector clave. Isto fai que a súa investigación, e os seus resultados sexan máis recoñecidos pola sociedade. Este recoñecemento lles chega?

O recoñecemento chéganos fundamentalmente por parte do sector produtivo, xa que grazas ao traballo en diagnóstico, prevención e control de enfermidades en acuicultura, o sector empresarial pode ofrecer aos consumidor produtos de elevada calidade sanitaria e con mínimo impacto sobre o medio ambiente. Con todo, para que os resultados cheguen e sexan valorados pola sociedade os investigadores debemos divulgar adecuadamente os avances científicos. De todos os xeitos pódese dicir que a sociedade no seu conxunto non interiorizou a enorme importancia da ciencia como motor económico dun país.

Mirando cara a atrás, se tivese que quedar cun momento, cunha investigación, cunha vacina… de todo o seu traballo. Cal sería e porque?

Aínda que é difícil elixir, quedaríame coa época do desenvolvemento e posterior patente das primeiras vacinas para peixes mariños como rodaballo e dourada fronte a enfermidades bacterianas que causaban importantes perdas económicas no sector da acuicultura, a mediados e finais da década dos 90.

– E cara a adiante… En que están a traballar actualmente? Con que proxecto de futuro se quedaría?

Entre os diferentes proxectos nos que o grupo de investigación está a traballar podo citar: o estudo da base xenética do proceso infeccioso de determinados patóxenos de peixes, o que permite detectar factores de virulencia que poden constituír importantes dianas para o desenvolvemento de novos métodos de prevención ou mellora dos xa existentes. Tamén estamos implicados no estudo, desde un punto de vista multidisciplinar, da avaliación do impacto biolóxico do cambio climático sobre as especies en cultivo.

Foi a primeira muller en ingresar na Academia Galega de Ciencias dende o ano 1978 e actualmente é vicepresidenta. É tamén é membro da Academia Galega de Farmacia. Que significou para vostede entrar nestas academias?

Sentín orgullo e unha gran responsabilidade xa que se supón que como Académica debo de contribuír á misión das Academias que é a de promover a ciencia e tecnoloxía e a súa influencia na sociedade, difundindo a cultura e valores científicos para contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia.

Pouco a pouco aumenta a presenza da muller nos postos de dirección, que é onde aínda se aprecia o desequilibrio, pero aínda falta moito. Por que pensa que á muller lle custa máis entrar nos postos de dirección? Hai barreiras reais?

É certo que a maternidade e a conciliación familiar son unha das causas do desequilibrio de xénero nos postos de dirección e responsabilidade xa que, na maioría dos casos, é a muller a que renuncia ao ascenso profesional por este motivo.

Con todo, moitas veces o non presentarse a postos de dirección é unha decisión persoal. As mulleres somos máis reflexivas, sopesamos moito os pros e contras que supón ese posto na nosa vida persoal e familiar. Ademais, somos moi autoesixentes, non deixamos nada para a improvisación, xa que parece que a sociedade polo feito de ser muller está a xulgarnos continuamente e critícanos erros que si admitiría nun home.  De feito, cando unha muller nun posto de dirección exerce como tal dando ordes, chámaselle “mandona” mentres que a un home chámaselle “líder”.  Por todo iso, creo que é necesario medidas de acción positiva para aumentar a presenza de mulleres en cargos de responsabilidade.

Cal é, na súa opinión, a situación da muller no mundo da ciencia en Galicia?

– A situación da muller no mundo da ciencia en Galicia é similar ao resto de España onde a porcentaxe de mulleres investigadoras está arredor do 39%. Aínda que esta porcentaxe non está de todo mal, xa que é superior á media da UE, o principal problema radica en que o número de mulleres investigadoras estancouse nos últimos anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Un neno maltratado ten tres veces máis risco de desenvolver unha adicción de adulto

O estudo dunha investigadora da Universidade de Queensland analiza as consecuencias do maltrato infantil a longo prazo