Reunión da rede Iberos celebrada en Vigo. Foto: Duvi.
Reunión da rede Iberos celebrada en Vigo. Foto: Duvi.

A cooperación científica Iberos entre Galicia e Portugal presenta os seus avances

Os grupos de investigación galegos e portugueses que integran o Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos) deron conta esta semana en Vigo dos seus avances nunha ducia de proxectos cun alto grao de colaboración transfronteiriza. A diagnose e reparación dos danos en ósos, cartilaxes e dentes, asociados ao envellecemento centran o traballo no marco de Iberos, como quedou reflectido na xornada científica que non só serviu para que as e os investigadores compartisen coñecemento sobre a evolución das súas liñas de investigación, senón tamén para establecer pontes entre os científicos e a posible aplicación clínica dos resultados do seu traballo.

O responsable do Servizo de Xeriatría do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, José Manuel Vega, expuxo ante os membros do Iberos unha completa visión sobre as estratexias que se están a aplicar desde o punto de vista médico para impulsar o envellecemento saudable. Vega sinalou a importancia da bioenxeñería como estratexia para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, dada a elevada incidencia neles de enfermidades coma a artrose, a doenza reumática con maior prevalencia no mundo.

Artrose (UVigo e IIM-CSIC)

Precisamente, a artrose é a doenza na que teñen postos moitos dos seus esforzos as e os investigadores do instituto de bioenxeñería. O Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo presentou un proxecto en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC que propón a espectroscopia Raman como método de avaliación da calidade das biomoléculas aplicadas para mellorar o funcionamento de tecidos coma a cartilaxe, cuxo deterioro se asocia á artrose. Tamén desde a Universidade de Vigo, o grupo Teamnanotech presentou un hidroxel mimético á cartilaxe a partir de materiais de orixe mariña, con nanoestruturas que teñen a capacidade de liberar factores de crecemento, promovendo así a rexeneración de tecido cartilaxinoso.

Inibic e UCP

Por outra banda, a través da colaboración entre o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) e a Universidade Católica do Porto, estase a estudar o uso da kartoxenina, un composto recentemente descuberto, no deseño de sistemas de liberación controlada de substancias capaces de previr a progresión da artrose e a rexeneración do tecido danado.

Universidade do Minho

Da pel do tiburón azul sae o coláxeno que a Universidade do Minho mineraliza para o seu uso na impresión 3D de andamios en enxeñaría de tecido óseo. Tamén dos residuos e descartes das quenllas e doutras especies coma a raia obtén o IIM o sulfato de condroitina, un biomaterial con propiedades nutracéuticas e reparadoras que buscan optimizar. Esta é a mesma liña que segue a Universidade do Porto, que propón diferentes estratexias de modificación química de biomateriais de orixe mariña para incorporalos a estruturas tridimensionais bioactivas capaces de rexenerar tecidos.

USC e IEB

As infeccións bacterianas representan unha das principais causas de rexeitamento de implantes óseos, así como das feridas crónicas. O grupo I+D Farma da Universidade de Santiago (USC) e o Instituto de Engenharia Biomédica de Porto colaboran en novas estratexias para a prevención e eliminación destas infeccións mediante materiais con propiedades antimicrobianas e rexeneradoras, un ámbito no que tamén investiga a Universidade Católica do Porto, neste caso a través de membranas de fibra de seda. Pola súa banda, o grupo I+D Farma da USC presentou tamén na xornada de hoxe novos sistemas de liberación de antibiótico, tamén baseados en polímeros de orixe mariña, para o tratamento e a prevención da osteomielite (inflamación do óso).

Outra das afeccións habituais nos pacientes xeriátricos é a perda de pezas dentais por enfermidades periodontais, traumatismos ou tumores. O grupo de Veterinaria Experimental da USC ensaia un dispositivo capaz de rexenerar óso para a posterior colocación de implantes dentais. En relación coas enfermidades da pel, o grupo de Química Coloidal da Uvigo avanza en nanomateriais aplicables ao tratamento do melanoma e no ámbito do diagnóstico, o Instituto Superior de Engenharia do Porto presentou hoxe un biosensor para a produción de dispositivos de baixo custo aplicables á detección de enfermidades relacionadas co envellecemento.

Iberos, que naceu co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de dous millóns de euros ata 2020 para que os seus máis de 150 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.