Venres 29 Marzo 2024

Galicia lembra a xesta científica de Domingo Fontán

Domingo Fontán Rodríguez (Portas, 1788 – Cuntis, 1866), autor do mapa que lle puxo rostro ao país, foi homenaxeado este luns no Día da Ciencia en Galicia. Representantes de institucións científicas, culturais e académicas e veciños e veciñas de Portas, a súa vila natal, reuníronse no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela para lembrar ao ilustre matemático, coincidindo co 230º aniversario do nacemento do científico que conseguiu unha xesta nunca antes acadada, e que tardou moito tempo en ser igualada.

Exposición no pazo de San Roque.
Exposición no pazo de San Roque.

O acto académico, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), foi o broche a unha longa lista de actividades en colaboración con diversas institucións desenvolvidas nos últimos meses. Na propia mañá do luns, o Concello de Santiago e a RAGC colocaron nun dos bancos do Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal o nome de Fontán.

Publicidade

Miguel Ángel Ríos sinalou que a celebración ten que ser “unha reivindicación do valor da ciencia para o futuro”

No seu discurso, o presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, definiu a Fontán como “un magnífico exemplo de esforzo e de entrega, que soubo ver a importancia do coñecemento científico e proxectalo sobre Galicia”, referíndose á Carta Xeométrica de Galicia como un instrumento fundamental para planificar o desenvolvemento do país.

Ademais, Ríos precisou que o Día da Ciencia non quere ser unha celebración do pasado, senón unha reivindicación do valor da ciencia para o futuro. Neste sentido, asegurou que “temos que entender que falta un gran impulso. Está en xogo o futuro de Galicia e o dos galegos e galegas. Por iso, desde aquí, quero facer unha chamada á colaboración dirixida ás administracións autonómica e locais, ás institucións académicas e culturais e aos medios de comunicación. Todos xuntos chegaremos máis lonxe e en menos tempo”.

Díaz Fierros destacou a relevancia da Carta na construción das vías de comunicación de Galicia

A homenaxe a Fontán contou tamén coa intervención de Francisco Díaz-Fierros, catedrático de Edafoloxía da USC e gran coñecedor da figura do xeógrafo, foi o encargado de rememorar o legado do científico pontevedrés. Díaz-Fierros destacou que a maior parte do traballo, incluíndo a compra de moitos dos instrumentos empregados e a remuneracións dos axudantes, foi feito a costa dos recursos de Fontán. Sobre a repercusión da Carta Xeométrica de Galicia unha vez rematada, subliñou que “todos os intelectuais galegos da época a coñecían e procuraron adquirila”. Ademais, explicou que mesmo antes de ser concluído, o mapa de Fontán foi considerado polos responsables da rede de estradas galegas e que a maioría dos trazados viarios da segunda mitade do XIX se basaron nel, á vez que foi a base dos diferentes proxectos de ferrocarril galegos desde o primeiro que se rematou, entre as localidades de Cornes (Santiago de Compostela) e Carril (Vilagarcía de Arousa).

Co gallo desta celebración, proxectouse tamén un vídeo no que se recolle a xesta científica e persoal de Domingo Fontán.

Premio de Xornalismo Científico

No acto, ademais, fíxose entrega do Premio Galicia de Xornalismo Científico 2018, convocado en terceira edición pola RAGC coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Francisco Conde entregou o galardón, dotado con 4.000 euros, a Manuel Vicente, director do programa Efervesciencia da Radio Galega, pola reportaxe titulada “Ondas gravitacionais que soan en galego”.

Anuario da Ciencia

No mesmo acto, os asistentes tamén recibiron nas súas mans o número 37 da revista anual da Real Academia Galega de Ciencias, que edita GCiencia. A publicación fai un repaso polas novas científicas máis destacadas do ano en Galicia e inclúe varias reportaxes sobre a figura de Fontán e as novas institucionais da RAGC. Está tamén dispoñible en versión web.

Portada do Anuario.
Portada do Anuario.

O acto foi presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Asistiron, entre outros, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Pérez Muñuzuri; as vicerreitoras de Investigación e de Comunicación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio e Mónica Valderrama; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o vicepresidente da Fundación Domingo Fontán, César Camargo; o alcalde de Portas, Víctor Estévez; o concelleiro de Educación do Concello de Santiago, Manuel Dios; e a presidenta da Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, Concha Méndez.

O acto académico completou as iniciativas promovidas por entidades coma o Consello da Cultura Galega, que acaba de editar unha unidade didáctica sobre Fontán; a Universidade de Santiago; a Fundación Domingo Fontán; os concellos de Santiago, Portas e Redondela; a Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán de Portas; e o Colexio Compañía de María de Ferrol, que tamén asistiron ao acto do Día da Ciencia, e aos que o presidente da RAGC agradeceu o seu compromiso na difusión da figura de Fontán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un día para honrar a Colmeiro, o motor do cambio económico na Galicia do século XIX

A Academia de Ciencias homenaxea o economista Manuel Colmeiro y Penido nun acto celebrado en Santiago para conmemorar o Día da Ciencia en Galicia

“Colmeiro estivo comprometido co seu tempo e coa modernización económica, social e política”

O economista Juan Quintás analiza a figura de Manuel Colmeiro y Penido, o sobresaínte científico social que protagoniza o Día da Ciencia en Galicia

Galicia homenaxea o economista Manuel Colmeiro

A Real Academia Galega de Ciencias celebra o Día da Ciencia cun acto en Santiago que porá en valor a figura do salientable científico social

A Academia de Ciencias e GCiencia lanzan unha nova edición da revista ‘A Ciencia en Galicia’

A publicación presentarase este mércores co gallo dos actos de celebración do Día da Ciencia en honor ao economista Manuel Colmeiro y Penido