César Camargo, con varias das ferramentas orixinais coas que traballou Domingo Fontán.
César Camargo, descendente do xeógrafo e responsable da Fundación que leva o seu nome. Foto: R. Pan.

César Camargo: “Fontán foi un dos personaxes máis importantes de Galicia no século XIX”

César Camargo Sánchez (Madrid, 1949), con raíces en Noia, é un dos descendentes directos de Domingo Fontán Rodríguez. Fillo da súa bisneta Everilda Sánchez Fontán, neto da súa neta Regina Fontán Medina e bisneto de Rosendo, fillo do cartógrafo de Porta do Conde. En Madrid, onde reside desde hai décadas, puxo en marcha en 2004 a fundación que leva o nome do insigne autor da Carta Xeométrica de Galicia. Xa xubilado, dedica gran parte do seu tempo a mergullarse nos cadernos, as intervencións parlamentarias e outros documentos nos que se recolle como e quen foi seu tataravó, para difundir o seu legado á sociedade. Conversa con GCiencia a uns días de que a Real Academia Galega de Ciencias homenaxee a Fontán como Científico Galego do Ano.

– Quen foi, para vostede, Domingo Fontán?

– Para min foi un dos personaxes máis importantes que tivo Galicia no século XIX, alguén fundamental. E mesmo pode considerarse un dos últimos representantes do espírito da Ilustración en España. A achega científica da Carta Xeométrica supuxo unha ferramenta esencial de traballo para a prosperidade do país.

A través dela, Fontán intentaba que Galicia tivera un catastro para determinar a riqueza do país, para construír as vías de comunicación, fomentar a industria e o comercio, etc. Ofreceu unha ferramenta indispensable para o seu desenvolvemento, e foi a primeira rexión de España que contou con el, aínda que por desgraza foi moi mal e pouco aproveitado.

– Que recordos familiares ten da súa figura?

– Estivo na boca da familia constantemente ao longo dos anos. De feito, o retrato que lle pintou Esquivel presidía o salón da miña avoa. E falando algo en broma, cando eu era cativo, Domingo Fontán non me caía moi ben, porque a miña avoa, a súa neta, preguntoume un día que curso estaba estudando, e eu díxenlle que 2º de bacharelato. E ela contestoume que eu era un auténtico desastre, porque coa miña idade, Domingo xa estaba na universidade.

Pero ben, fóra das anécdotas e contos da infancia, isto cambiou co paso do tempo, cando collín conciencia da súa personalidade e do seu labor científico.

Camargo, coa Carta que se expuxo na Exposición Compostelana de 1858. Foto: R. Pan.
Camargo, coa Carta que se expuxo na Exposición Compostelana de 1858. Foto: R. Pan.

– Cando foi consciente desa relevancia?

– A verdadeira importancia do seu traballo descubrina, sobre todo, cando empecei a estudar a súa obra a través dos seus cadernos, arredor do ano 2002. Cando a familia veu para Madrid, en 1934, trouxo os papeis con todo o seu legado. Despois do falecemento do meu tío Leopoldo Sánchez Fontán, que coidaba todo este material, fíxenme eu cargo da documentación. E aquí sigo ata agora, traballando con ela, publicando de cando en vez artigos, e é cando estou caendo na conta da magnitude da súa figura. Antes as miñas opinións eran referenciadas, polo que me contaban, pero esta vez estouno vendo de forma directa.

– Isto foi tamén o impulso necesario para crear a Fundación, en 2004?

– Foi algo lóxico e normal. Atopamos todo este material, que hai que conservar e difundir, e que mellor que poñer en marcha a Fundación. Toda esta documentación ten que ser algo vivo, que serva para un fin, e que mellor este xeito. Eu cando escribo sobre Domingo Fontán, procuro que sexa el quen se exprese, eu digo o mínimo para fiar o texto, que fale el co seu testemuño.

– Qur fixo a Fundación ata agora?

– Ao comezo intentamos centrar os esforzos en desmentir unha especie de lenda negra e de tópicos que había sobre Fontán e o seu carácter. E despois xa nos centramos máis, sobre todo desde a miña xubilación, ao ter máis tempo para isto, a contar algúns aspectos da vida e da súa obra nos que apenas se investigara, e para iso serviunos moito todo o legado que el deixou e nós custodiamos.

E nesa liña seguimos, paso a paso, unindo todos estes traballos. Con iso agardo que algún día poidamos ter unha biografía de Domingo Fontán o máis completa posible, e difundila á sociedade.

– Houbo algún contacto para expoñer todos estes documentos e materiais en Galicia?

– Xa se fixeron algunhas cousas, coa Deputación de Pontevedra, coa Universidade de Santiago de Compostela, co Concello de Portas, colaboramos coa restauración do mapa do Pazo de Tor, en Lugo, etc. E o último acto foi na Fundación Otero Pedrayo, cunha serie de charlas francamente interesantes.

Pero claro que si, seguimos abertos a calquera iniciativa que nos propoñan para amosar a Galicia quen foi Domingo Fontán.
– Como se sentiu cando soubo que a RAGC decidiu dedicar o Día da Ciencia en Galicia a Fontán?

– Foi unha alegría inmensa. Creo que este é o décimo ano que se homenaxea a un científico galego nesta data, e que se acordaran de Fontán é xusto e necesario. Todas as comparacións son odiosas, pero poucos personaxes na historia de Galicia teñen os méritos del. E penso que é un recoñecemento que é moi merecido.

– Percibiu un maior interese por Fontán desde que se anunciou esta homenaxe?

– Si, iso notouse. Creo que isto vaille dar un empurrón importante á súa figura e á súa obra. En Galicia temos personaxes que foron moi, moi importantes, e como non os deamos a coñecer nós, ninguén o vai facer. Porque en Galicia aínda hai quen o coñece, pero falar de Domingo Fontán fóra de Galicia é un monólogo e perder o tempo, ninguén sabe quen foi.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.