Xoves 28 Marzo 2024

Unha serie de ecuacións calcula a velocidade do cambio lingüístico en Galicia

Físicos da USC conclúen nun artigo en "Nature Communications" que a evolución no número de falantes é máis lenta nas urbes

É posible sintetizar con fórmulas matemáticas a evolución lingüística nun territorio bilingüe? Nisto leva traballando máis de 15 anos o físico da USC Jorge Mira, que xunto a Mariamo Mussa, Alberto Pérez Muñuzuri e Luís F. Seoane acaba de publicar na revista Nature Communications un traballo que, a través dunha serie de ecuacións, calcula a velocidade do cambio lingüístico entre galego e castelán en 20 áreas distintas de Galicia.

“A sociofísica é un campo moi emerxente na Física, que nos permite inferir comportamentos e dinámicas sociais, ver como somos como colectivo, a partir de datos concretos”, explica Mira. Con esta premisa, e usando os datos das enquisas sobre o uso do galego, o equipo comparou como é a velocidade de variación no uso dos dous idiomas (persoas monolingües nun dos dous, ou bilingües) en función do grao de urbanización de cada zona xeográfica, se ben esta variación “non implica necesariamente unha perda de falantes de galego”, aclaran.

Publicidade

“A priori, un podería esperar que nas zonas urbanas o cambio lingüístico fose máis rápido, pero vemos o efecto contrario: en Vigo e A Coruña, as dúas maiores cidades galegas, a velocidade dese cambio prodúcese máis lentamente que en zonas rurais de, por exemplo, Ourense ou Lugo”, expón Mira. Isto suxire que “o efecto globalizador do entorno urbano, lonxe de inducir unha hipotética e teórica homoxeneización, pode ter o efecto contrario”.

Dinámica interterritorial

Ademais de analizar os cambios dentro de cada un dos 20 territorios nos que se dividiu Galicia para o traballo, a investigación tamén afonda nas conexións entre os territorios. “Se conectamos entre si os 20 nodos, e analizamos o que pasa, vemos que o panorama muda, e atopamos dúas capas nas que este mecanismo de cambio lingüístico evoluciona de xeito diferente”, introduce o físico da USC. E os resultado tamén chaman a atención, xa que se ve que “as diferentes zonas de Galicia están bastante desconectadas unhas das outras, operando de xeito distinto entre si”.

Os resultados deste traballo poderían, segundo Mira, axudar no desenvolvemento de determinadas estratexias. Propoñen, por exemplo, “aumentar a influencia dos nodos rurais nos urbanos”, xa que deste xeito, “se os principais nodos de poboación estivesen máis conectados coa súa contorna, a rapidez do cambio lingüístico do rural ralentizaríase”.

O laboratorio lingüístico galego

A investigación subliña tamén que a realidade lingüística da comunidade galega, así como a súa distribución demográfica e territorial “revélana como un laboratorio social de enorme importancia, xa que contén máis da metade dos núcleos de poboación de España”, aclaran os asinantes. Como eles mesmos poñen de manifesto a modo de exemplo, a particular distribución territorial de Galicia “ofrece moitas configuracións de poboación, que van dende aldeas de menos de dez residentes ata grandes concentracións urbanas con centos de miles de habitantes, como sucede nas áreas metropolitanas de Vigo e a Coruña”.

A primeira vez coa palabra “Galicia” nun título de “Nature Communications”

 Segundo subliñan os autores, o artigo trae consigo unha curiosidade engadida: é a primeira vez dende 1903 que a palabra ‘Galicia’ referida ao noso país aparece no título dun artigo de investigación das revistas Nature ou Nature Communications (publicación de acceso aberto do prestixioso grupo). En 1903, apareceu a mesma palabra nun traballo de observación de terremotos, mais sobre a Galicia dos Cárpatos. Polo que respecta á revista Science e á súa cabeceira en acceso aberto Science Advances, a denominación ‘Galicia’ figura nunha ocasión, en 1884, nunha descrición xeolóxica de Asturias e Galicia.

Referencias: Urbanity and the dynamics of language shift in Galicia (Publicado o 11 de abril de 2019 en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.