Nunca se conseguira demostrar, debido ás dificultades que conleva a análise das mostras do cerebro humano, que as neuronas seguen producíndose ata case os 90 anos. Fïxoo un equipo de científicos españois, entre os que está a investigadora galega Noemí Pallas Bazarra (A Coruña, 1985). Este traballo sobre a neuroxénese adulta, publicado hai poucas semanas en Nature Medicine, abre unha esperanzadora porta para os grandes misterios que aínda agocha a nosa memoria, e para afectados de doenzas como o Alzheimer, cada vez máis habituais debido ao avellentamento da poboación. A investigadora galega, graduada en Bioloxía e doutora en Biociencias Moleculares, expón nesta conversa a relevancia do traballo no que participou.
‐ Que supón o descubrimento que se expón no artigo?
– A produción de novas neuronas en determinadas rexións do cerebro durante a vida adulta é un fenómeno amplamente demostrado en roedores e outros mamíferos. Porén, en humanos, a existencia da neuroxénese adulta, que é como se coñece este proceso, foi sempre un tema moi debatido. Neste traballo demóstrase que no hipocampo humano, que é a zona encargada do procesamento inicial da memoria, prodúcense novas neuronas polo menos ata os 87 anos, que é a idade do suxeito san máis lonxevo analizado.
‐ Por que non foi posible sabelo ata agora?
– As dificultades técnicas á hora de analizar mostras de cerebro humano parece unha das causas principais da falta de consenso entre os resultados dos diferentes estudos publicados ata o momento. Neste traballo atopouse que o xeito de preservar as mostras é un paso crucial que determina que sexa posible ou non detectar a presenza de novas neuronas no tecido. Un tratamento químico excesivamente agresivo, por exemplo, imposibilita a visualización destas células, o cal non significa que non estean alí.
‐ Falan de que pode ser un achado interesante para abordar o Alzheimer; en que sentido?
– O hipocampo, que é a zona onde se producen estas novas neuronas, é unha das rexións máis afectadas na enfermidade de Alzheimer. Ademais, en estudos con modelos animais demostrouse que as novas neuronas contribúen de xeito decisivo ao procesamento da memoria e ao comportamento emocional, que son procesos que aparecen tipicamente alterados nesta patoloxía. Neste traballo analizáronse tanto mostras de suxeitos sans como de enfermos de Alzheimer. Comparando ambos grupos viuse que dende os primeiros estadios da enfermidade descende o número de novas neuronas producidas, o cal en base aos estudos previos en animais podería estar contribuíndo á aparición de síntomas como a perda de memoria a curto prazo ou as alteracións do estado de ánimo. Aínda queda moito por saber da neuroxénese adulta en humanos, pero o seu estudo, debido ao feito de que estea afectada en pacientes de Alzheimer abre unha nova porta de estratexias terapéuticas e podería axudar contra a doenza.
– Fálase das posibles causas do Alzheimer: bacterias, infeccións, xenética… Por que é tan difícil atopar a súa orixe?
– A enfermidade de Alzheimer é moi complexa dende un punto de vista biolóxico. Algúns casos teñen unha orixe xenética coñecida, pero a maioría son esporádicos. Isto quere dicir que non se sabe que factores desencadean a súa aparición, nin en que momento. De feito pénsase que a enfermidade comeza moito antes de que aparezan os primeiros síntomas, o cal dificulta en gran medida o seu estudo.
‐ En que liñas de investigación está centrada no seu grupo?
– O grupo da doutora María Llorens, que foi a que liderou esta investigación, está centrado principalmente no estudo do potencial terapéutico da potenciación da neuroxénese adulta en enfermidades neurodexenerativas. Eu estiven no seu grupo e no grupo do profesor Jesús Ávila durante a realización da miña tese de doutoramento e os meus primeiros anos como investigadora posdoutoral. Durante ese tempo, o meu traballo estivo centrado maioritariamente no estudo da implicación da proteína tau, que é unha das que aparecen tipicamente alteradas na enfermidade de Alzheimer, no proceso de integración das novas neuronas no hipocampo. Ademais, posto que o equipo de María Llorens é moi colaborativo, tiven a oportunidade de participar tamén noutros proxectos tan interesantes como este do que estamos a falar, que foi levado a cabo principalmente polos estudantes de doutorado Elena Moreno, Miguel de la Flor e Julia Terreros.
‐ Aínda que traballa en Madrid, mantén colaboración con equipos de investigación de Galicia? Como valora o traballo dos grupos que traballan desde aquí en neuroloxía e enfermidades neurodexenerativas?
– Até o momento non tiven ocasión de colaborar directamente con equipos de investigación galegos, pero por suposto coñezo e admiro moitísimo o traballo en Neurociencia que se fai alí. Encantaríame nun futuro ter a oportunidade de formar parte activa do desenvolvemento científico en Galicia.