O vagalume, tamén coñecido como lucecú, ten máis de quince termos para definilo, segundo a RAG.
O vagalume, tamén coñecido como lucecú, ten máis de quince termos para definilo, segundo a RAG.

DOA: colaboración cidadá para documentar o léxico de Galicia e norte de Portugal

O Instituto da Lingua Galega impulsa un programa de recollida de información dentro do proxecto "Patrimonio léxico da Gallaecia"

A riqueza léxica do galego é patente cada vez que se percorre o noroeste da península. No territorio da comunidade autónoma, pero tamén no occidente de Asturias e Castilla y León e no norte de Portugal, a historia común e a proximidade xeográfica achegan un idioma compartido e, ao mesmo tempo, unha diversidade da que aprender moito. Baseándose nesta riqueza, o Instituto da Lingua Galega está a impulsar, dentro do proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia, financiado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (2019-2020), unha iniciativa de participación cidadá para achega de datos léxicos nos concellos que forman parte da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

Co nome de DOA, o programa dispón dun formulario (dispoñible nesta ligazón), no que calquera persoa que queira colaborar pode cubrir. Por exemplo, nestas datas xa hai dispoñibles dous cuestionarios nos que se poderán achegar as diferentes denominacións rexistradas en galego para un mesmo concepto.

Como colaborar

Así, as palabras recollidas teñen que escribirse coa maior fidelidade posible á forma utilizada, respectando as súas características fonéticas e morfolóxicas (se decides “vespa”, debedes escribir vespa e non avespa). O seseo e a gheada deberedes sinalalos mediante o uso de <s> (sapateiro) e de <gh> (eirugha) respectivamente. Non é preciso, apuntan desde o ILG, responder todas as preguntas que figuran no formulario, e abonda con contestar só cando haxa unha palabra propia para a realidade pola que se pregunta, sen buscar no dicionario.

Os formularios irán achegando novas temáticas que mudarán nas sucesivas campañas. Estas participacións enriquecerán, deste xeito, o arquivo documental do ILG, que leva décadas promovendo, por múltiples vías, a recolleita e difusión do inmenso patrimonio léxico de Galicia, sempre apelando ao saber e complicidade dos seus donos e donas, os galegofalantes.

As achegas pasarán a integrar o banco de datos do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, convenientemente identificadas co nome do proxecto e o ano da recolla, e serán tamén incorporadas no recurso Patrimonio léxico da Gallaecia.

Escolleuse o nome de DOA para a iniciativa, porque “DOA é unha palabra moi pequena, mais grande no seu significado. Apela á vosa xenerosidade, a que doedes para o ben de todos e todas nós as vosas palabras, a que compartades connosco o voso patrimonio lingüístico”, explican dende o ILG. “DOA é tamén cada un dos abelorios que se enfían para formar un rosario ou un colar: cada unha ten o seu valor individual, pero todas gañan cando con elas se forma algo novo, colectivo”, engaden.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.