O proxecto da vacina contra a Covid-19 da USC inicia os ensaios en ratos

O equipo que lidera José Martínez Costas xa obtivo dúas versións do preparado da vacina, que será "moi doada de producir, moi barata e moi estable"

A investigación que desenvolve o grupo liderado por José Martínez Costas no CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela para obter unha vacina contra a Covid-19 continúa avanzando no procedemento. O equipo xa conseguiu dúas versións diferentes do seu preparado vacinal, e agora levarán a cabo as probas de seguridade, eficacia e resposta a anticorpos en ratos, no HZI de Alemaña. É o seguinte paso despois de realizar análises no Centro de Investigación en Sanidad Animal (CISA-INIA) de Madrid, co que cooperan neste proxecto, onde comprobaron que unha das versións era moito máis potente ca outra producindo anticorpos contra o SARS-CoV-2.

De saír segundo o previsto o ensaio en Alemaña, o seguinte paso será realizar os ensaios con macacos, en Holanda, no Centro de Investigación Biomédica sobre os Primates (BPRC). E posteriormente porán en marcha os trámites necesarios para comezar os ensaios clínicos en humanos.

Publicidade

Martínez Costas explica que no desenvolvemento de vacinas existe un número limitado de sistemas en todo o mundo, con pequenos aspectos que cambian duns a outros. Non obstante, o equipo da Universidade de Santiago emprega unha metodoloxía propia, que teñen patentada. “Podemos programar que células de calquera tipo constrúan microesferas de proteína e carguen dentro delas calquera proteína que nos interese, neste caso un antíxeno de coronavirus. Estas microesferas teñen capacidade para estimular o sistema inmune”, explica o investigador do CiQUS.

Doada de producir, barata e estable a temperatura ambiente

Tal como salienta Costas, este sistema de vacina presenta moitas vantaxes fronte a outras xa desenvoltas ou que se están a desenvolver. “A vantaxe principal da nosa vacina radica en que non se prevé que teña efectos secundarios adversos, xa que está composta só de proteína. Ademais, é máis completa que as que xa se están a aplicar. Nós usamos tres proteínas diferentes, é dicir, que a vacina está deseñada para facer fronte a varias proteínas do SARS-CoV-2 e contra varios tipos de resposta de anticorpos. Ademais, será moi doada de producir, moi barata e moi estable, podendo conservarse a temperatura ambiente sen que se alteren as súas propiedades”, apunta.

Publicidade

“Cantas máis vacinas haxa, moito mellor. Non sabemos se as primeiras que xa saíron ao mercado van ser as mellores. O que si está claro é que cantas máis maneiras haxa de atacar ao virus, máis esperanzador será o futuro. Os resultados que obteñan outros laboratorios non inflúen no noso traballo porque a nosa metodoloxía é diferente. Nós buscamos unha vacina segura e que funcione”.

Esta tecnoloxía desenvolvida pola USC ten moitas aplicacións, en particular a produción de vacinas contra calquera patóxeno. Xa a probaron con outros dous virus, o da lingua azul e o da peste equina africana, con bos resultados. E, en inmunoterapia de cancro en ratos, lograron retraer os tumores.

Para avanzar nestes preparados vacinais, o equipo traballou con mostras de pacientes afectados por coronavirus do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo -Hula- para comprobar se as probas realizadas en ratos estaban ben feitas, se recoñecían os seus preparados vacinais contra o SARS-CoV-2, e os resultados obtidos foron moi alentadores.

Unha vez obtidos os resultados das probas en ratos en Alemaña, determinarase se a vacina funciona ben, o que marcará o seu futuro, de cara ao ensaio preclínico en macacos e finalmente o ensaio clínico en humanos.

Sumo Valor

O proxecto de Martínez Costas foi un dos dez que o Instituto de Salud Carlos III apoiou en España para obter unha vacina contra o coronavirus. Ademais, recibiu apoio da CRUE -Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas-, do Banco Santander, do CSIC e da Comisión Europea -neste caso para a realización das probas preclínicas en animais-. Tamén obtiveron diverso financiamento privado, en particular unha xenerosa contribución da empresa Urovesa.

Pola súa parte, a USC, a través da plataforma de micromecenado Sumo Valor, ten aberta unha liña para realizar doazóns e apoiar a investigación. Esta iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC, busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos.

As achegas poden facerse mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS

Un equipo da USC logra unha reacción química para construír bibliotecas de moléculas codificadas por ADN

O descubrimento liderado polo investigador do CiQUS Manuel Nappi pode ser clave na procura de fármacos

Roubar a estabilidade dunha molécula ultra-estable durante unha fracción de segundo: así o estuda o CiQUS

O científico Luis M. Mateo recibe a prestixiosa Bolsa Branco Weiss que financiará o proxecto ‘PhthalocyanYnes’ con máis de 635.000 euros durante cinco anos