Xoves 28 Marzo 2024

Cal é o dialecto do galego máis parecido ao normativo?

Un estudo analiza máis de 300 trazos morfosintácticos para identificar as falas que máis se asemellan á variedade estándar da lingua

Unha das ferramentas máis interesantes dos últimos tempos para divulgar a riqueza do idioma galego son os mapas do Atlas Lingüístico Galego que adoita compartir nas redes sociais o Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela. Neles amósase a riqueza e diversidade do galego falado en áreas rurais nos anos 70 do século XX. Os datos están tirados dun inxente traballo de campo desenvolvido co fin de coñecer a variación da lingua en persoas adultas, residentes en poboacións rurais e con pouco contacto con outras variedades lingüísticas. A base de datos do proxecto recolle case un millón de rexistros de 167 localidades de Galicia, Asturias, León e Zamora de fala galega.

A información corresponde a un período en que o galego aínda non contaba cunha normativa oficializada para a súa escrita, que non chegaría ata ben entrados os anos 80. Estas circunstancias históricas fan do galego, polo tanto, unha especie de alfaia para os lingüistas, xa que a lingua foi conservada e usada polos falantes aínda sen contar cunha forma estándar. Mais cal é a zona de Galicia en que a fala máis se parece á variedade estándar que se ensina na escola e escoita e le nos medios de comunicación? Neste obxectivo afonda un estudo desenvolvido por Xulio Sousa, investigador do Instituto da Lingua Galega da USC, e que foi publicado esta semana pola revista Languages.

Publicidade

Subliña Sousa que este artigo é a continuación dun traballo que desenvolven desde hai bastantes anos xunto a compañeiros do ILG como Francisco Dubert, Rosario Álvarez ou Marta Negro, baseado na análise dialectométrica dos datos do Atlas Lingüístico Galego, é dicir, no estudo estatístico dos datos dialectais. Grazas ás novas técnicas de computación, estatística e información xeográfica, é posible analizar e representar visualmente estes materiais. Neste tipo de análise estúdanse trazos como a formación dos plurais (pantalóns, pantalós, pantalois), a conxugación dos verbos (sei, sein, sen; partiu, parteu) ou os ditongos (moito, muito, mutio ou muto).

“O caso do galego – explica o filólogo – ten unhas características singulares, xa que podemos estudar de que maneira a variedade estándar se achega ou afasta dos dialectos e en que medida os representa. Na maioría das linguas europeas, nas que o estándar leva séculos asentado, o máis común é estudar de que xeito o estándar inflúe nos dialectos e como os modifica”. No artigo apúntanse cara ás causas desta peculiaridade: “Por carecer o galego de recoñecemento durante séculos, o español foi a única lingua oficial e, polo tanto, a única usada no ensino, en comunicacións oficiais, na literatura e nos oficios relixiosos”. A pesar disto, o galego persistiu ao ser falado pola maioría da poboación, aínda que “nunha situación de desigualdade de uso e recoñecemento social fronte ao español, que era a lingua da administración, a educación e os medios de comunicación”.

Dos datos recollidos no Atlas, Sousa tomou 324 fenómenos morfosintácticos (“aqueles máis facilmente contrastables co estándar; a diferenza dos aspectos fonéticos ou léxicos“, aclara), como a forma dos demostrativos, as terminacións dos substantivos ou a morfoloxía verbal, das 167 localidades do Atlas. A través dunha análise estatística multivariante identificou o grao de semellanza de cada variedade con respecto á norma estándar.

“En xeral, a semellanza é moi alta, sobre todo nas localidades dos bloques occidental e central. Vese claramente que as variedades que máis se afastan son as do bloque oriental, de xeito especial as que están fóra dos límites administrativos de Galicia, en Asturias, León e Zamora”, expón Sousa. Algo que tamén ten que ver, segundo apunta o artigo citando a autores como Antón Santamarina, ao maior peso demográfico e literario do bloque occidental.

Mapa do índice de semellanza de cada dialecto coa variedade estándar. Fonte: Xulio Sousa / ILG.(Preme na imaxe para ver en detalle o mapa)

A Lama, o dialecto máis ‘semellante’

O artigo de Sousa salienta que os puntos máis achegados á variedade estándar “están situados nas zonas en que conflúen os bloques central e occidental”, aínda que tamén hai localidades de Lugo próximas ao oriental que gardan un importante grao de parecido. Así, o lugar da Lama, no interior de Pontevedra, cun 89,02% de índice de semellanza, podería considerarse como a localidade en que na década dos anos setenta se falaba unha variedade máis parecida á normativa. Próximas en semellanza están Santa Comba -Lugo- (87,23%), A Cañiza (85,89%), e Deixebre -Oroso-, Ribadulla -Vedra- e Lourido -Soutomaior- (84,76%). Na outra banda, a localidade de Pombriego (León), cun 34,29%, e Coaña (Asturias) (46,11%) rexistran os menores índices de semellanza.

Os datos constatan e precisan, deste xeito, o apuntado por estudos anteriores acerca das variedades dialectais do galego, nos que se expoñía que mentres a morfoloxía estándar era a propia das rexións occidentais, a fonoloxía estándar parecíase máis á das zonas de Lugo, Mondoñedo ou Ourense.

O traballo confirma, segundo Sousa, a idea de que “o estándar do galego é unha variedade de tipo composicional, que reúne elementos de distintos dialectos”. O autor apunta que “isto non quere dicir que a variedade estándar sexa mellor ou peor ca calquera dialecto. En todas as linguas é unha variedade elaborada e ten unha función determinada, que é a de servir como referencia na escrita e nos rexistros de uso de maior formalidade”.

Do mesmo xeito, o lingüista subliña que os altos niveis de semellanza rachan coa crenza da separación entre a variedade estándar e as variedades faladas do galego. “A xente adoita reparar en trazos léxicos, en palabras concretas de uso pouco frecuente, para soster a idea dunha suposta distancia extrema entre o galego falado e o estándar, pero se reparamos na estrutura e a morfosintaxe, vemos que o estándar se asemella moito a calquera dos dialectos falados”, conclúe.

Referencia: From Regional Dialects to the Standard: Measuring Linguistic Distance in Galician Varieties (Publicado en Languages).

24 COMENTÁRIOS

  1. Ai os normativos que pra xantar esqueceron o año e agora zampanse un “cordeiro” ai probe home que soio cometeu o pecado de facer cordas. Ai hom os do laboratorio das linguas de Compastelea foiselles das mans.

    Eu dende aqui revindico dende o meu analfabetismo na escrita do galego.
    PRA XANTAR AÑO E PRA FACER CORDAS OS CORDEIROS

  2. Eu acho que haveria que abrir os sinais de rádio e tv do mundo lusófono seja de Portugal, Brasil, Angola etc com todas as suas variantes e com programas culturais da RTVG para que a sociedade galega for naturalizando o ouvido como acontece com o espanhol doutros países e estabelecer um binormativismo ortográfico RAG- Português pra que não chocasse de primeiras a ortografia e a gente já estivesse acostumada, além disso vemos que a sociedade galega vá mais encaminhada a um monolinguismo em castelhano da Espanha e quando chegue esse culmem?, que oxalá que não é tenhamos uma sociedade bilíngue plena,

  3. A min paréceme que hai un erro de base neste artigo: non vexo sentido a buscar que zona fala máis parecido á normativa, se non preguntarse en que zona se basearon os lingüistas para crear a normativa, digo eu…

  4. Un Instituto de Rosalia non me disgustaria, ainda que tamen o fixo en castelan creo 1que seria mais acertado de CASTELAO, sempre o fixo en Galego, ou non.

  5. Se querem fazer estudos e publicá-los em revistas prestigiosas que analizem os passos políticos/sociais/económicos/psicológicos dados em prol do desmantelamento duma lingua milenária em apenas 40 anos, ai é que hai material para analizar na Galiza!

  6. ERROS DOS NORMALIZADORES: Miña avoa sempre decía NATAL, mesmo lle chamaba así ao mes de decembro. Por qué razón no galego normativo non se escolleu natal, no canto de nadal? Pra que non coincidira co portugués.
    Os carros de vacas/bois, levaban un aparello para evitar que o carro collera moita velocidade nas costas abaixo; chamavase TRAVÓN. Nos freos de disco, as pastillas travan o disco. Por qué non se escolleu travón para os novos carros/coches? Para arredar o galego normativo do portugués. Os “xamóns” eran perníles o os de Dacón que ían polas casas compralos eran pernileiros. E así………………..
    ERROS DOS LUSISTAS: Tratar de escrever o galego en grafía portuguesa, propiciando un rexeitamento innecesario. Comenzaron a casa polo tellado. Un día déuseme por ler os libros de Miguel Torga, en portugués naturalmente, e achei miles de palabrar e expresión que oira de neno alá na miña aldea en Ourense, unha aldea que non tiña nada que ver con Portugal. Que pasara? Pois pasou que o lexico do galego e do portugués seguen a coincidir na maioría dos casos. Os lusistan deberían facer máis fincapé no lexico que compartimos, mesmo tratar de que as palabras novas do galego normativo arrancaran do portugués e non do castellano, e deixar a grafía para máis adiante ou esquecerse dela.
    Ás veces leo sesudos delatixos entre normativistas e lusistas, e penso que se no canto de facelo nun medio escrito o fixeran falando directamente, estou certo de que a súa fonética e os seus erros de colocacións de pronomes, etc. serían exactamente os mesmo. Tamén estou certo de que para un galegofalante lle resultarían os dous “galegos” igoal de alleos. Mentres os académicos debaten entre normativo ou lusista; os vellos das aldeas e os dos arrabaldes das cidades tratan de falarlle en castelán ás crianzas que levan polas mañáns nos carriños a tomar o sol ou á escola. O futuro sería convencer a eses pais (30-40 anos) de que deben ser os seus fillos os que (por respeto) lle falen a seu avó en galego; e nos o coitado do vello o que (ademáis de abandonar a súa casa na aldea) teña tamén que abandonar o seu idiomar para falar co seu neto.

  7. O galego normativo naceu cunha grande eiva: Os “do castellano” non acreditaron nel porque non acreditan no galego. Os “lusistas” non acreditaron nel porque o tacharon de encostarse ao castelán. Os “galegofalantes” tampouco acreditamos moito nel, porque a súa divulgación non medios de comunicación non foi feita por galegofalantes senón por “neofalantes” que foron os que colonizaron eses medios, porque tiñan máis cultura e máis estudos (normalmente) que os aldeáns. Iso fixo que moitos aldeáns consideraramos ese “galego normativo” como un galego de señoritos. ( Somos señoritos, falamos o galego, pero O FALAMOS mal para que se note que o noso idioma é o castellano). Ademáis, a idea dos que somos galegofalantes era que os neofalantes falaban o galego diantes das cámaras, pero na casa coa sús familia falaban o castellano. Ou sexa, que se estaban a rir de nós. Tamén nos pareceu que os impulsores do galego normativo nos deixaban aos galegofalantes de lado, porque nunca viamos un galegofalante na TV. ( Se teño que deixar de falar o meu galego, para falar o galego dos señoritos de Santiago, mellor falo directamente o castellano, que me resulta de máis proveito. “vaca de que non dá leite, á feira con ela”.
    O galego precisa de varias cousas para triunfar: Facelo útil (depende dos que mandan na Xunta). Facelo atractivo ( os que o promoven, teñen que ter moito tino de evitar rexeitamentos). Contar cos galegofantes (que non se vexan excluídos, por “erudictos” neofalantes cunha fonética na maioría dos casos desastrosa. Tamén os galegofalantes nos temos que baixar da burra e agradecerlle aos neofalantes o esforzo que supón para eles entrar no mundo do galego. (Non gosto da palabra neofalante, porque semella pexorativa. Os novos galegofalantes con fonética castellana son tan importantes ou máis ca nós).

  8. Se queren saber cal é o auténtico espírito do galego estándar só teñen que coller tres “libros” de referencia e comparalos entre eles, aí descubrirán a verdadeira natureza desa “coiné marinera”: o catálogo de IKEA en español, o catálogo de IKEA en portugués e o catálogo de IKEA en galego. Tamén é libro ben ilustrativo da súa deriva ontolóxica a versión “galega” das “Paginas Amarillas”, ou sexa, as “Páxinas Amarelas”, co seu bilingüismo harmónico ese no que para buscar FERRAXES deberás ir á letra H.

  9. Paréceme un artigo moi interesante. Tamén as opinións anteriores teñen todo o meu respeto e admiración. Son galegofalante de toda a vida, mais non un gran entendodo na materia. O que si está claro é que na Tvg. están metendo constantemente a zoca…xa me parece máis ben outro “dialecto” máis como trata ós distintos xeitos de expresarse este mismo artigo. Con respecto ós políticos….en fin. E de Frijoliños….un día, na Tvg…nun programa no que resumen a actividade parlamentaria…o tipo (falando-ou intentándoo- en galego) referíase ós muíños (eólicos) como MOLINOS. Creo que en ningunha zona da nosa terra se lles chama así ós muiños. A verdade é que esa xente deberìa ser un exemplo, pero nada…nin para falar valen. Saúdos e parabéns polo artigo e admiración a que sinto polos comentarios anteriores.

  10. Don Manuel, cando poida fáganos un mapa da porcentaxe de galego normativo que hai na RTVG (facendo fincapé na súa fonética, nos “o” e nos “ao”), no sr. Feijoo, no sr. Caballero, no sr. Villares e na sra Pontón (todos eles persoeiros públicos, que deberían servir de espello e que seguen a cometer os mesmos erros un ano a pos outro).

  11. Se lle dixerades ao noso Presidentiño e ao resto de políticos galegos que traten de aprender a diferenciar o “o” do “ao”, a colocar os pronomes e a non usar o “ir a”. (Os galegofalantes nunca diremos: imos a cear; senón : imor cear). Tamén lle habería que dicir que os reflexivos impropios (que tanto inzaron no castelán da xente nova) non son apropiados para o galego. ” onte comin_ME un cocido…..”
    E de paso dicirlle tamén que non sería mala idea crear o INSTITUTO ROSALIA DE CASTRO, similar ao Cervantes ou ao Camoes.

  12. Como filologo galego, traballo absurdo para lucimento do autor. O estándar está castelanizado e similar en parte as linguas románicas, EH? Normalización e inmersión en galego xa! Resto artigo do sr Sousa para lucurde, pura ILG

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

As 10 palabras do Nadal en galego que debes saber

Existen moitas expresións para referirnos aos enfeites, as tradicións ou o tempo. Descúbreas e engádeas ao teu vocabulario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario