Venres 19 Abril 2024

Concentracións en Galicia contra a reforma da Lei de Ciencia

Varios colectivos reuníronse en Santiago para protestar contra unha normativa que, ao seu xuízo, non soluciona a precariedade na carreira investigadora

Varios colectivos que representan ao persoal investigador en Galicia concentráronse este xoves na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela para protestar contra a reforma da Lei de Ciencia, aprobada no mes de marzo polo Congreso dos Deputados. Entidades como Investigal-Rede Galega pola Investigación ou a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) reclamaron no acto, tal e como sosteñen entidades de ámbito estatal como a Marea Roja da Investigación, que o cambio normativo é “claramente insuficiente” para solucionar a precariedade que afecta a boa parte das investigadoras e investigadores que desenvolven a súa carreira en Galicia e España.

Entre outros aspectos, as entidades convocantes critican unha das “modificacións estrela” da reforma, a introdución dafigura tenure track, un sistema de captación inspirado en modelos de países anglosaxóns para que un investigador/a posdoutoral poida formar un equipo propio e, despois de anos de ‘proba’, se presente a unha avaliación para consolidar a súa situación. Porén, segundo denuncian os colectivos, esta proposta non ven acompañada no financiamento suficiente para contratar persoal e, do mesmo xeito, pecha portas á estabilización do resto de persoas que non aspire a liderar un laboratorio ou grupo de investigación, expostos á períodos baleiros sen contratos vixentes, abrindo a porta á precarización e temporalidade da carreira científica.

Publicidade

“Basicamente, o que se propón na reforma é a fusión dos actuais contratos Ramón y Cajal, que dan lugar a postos estables (nalgúns casos) de Científico/a Titular en OPIs(Organismos Públicos de Investigación) ou Contratado/a Doutor en universidades tras obter unha avaliación positiva, nun único contrato laboral con cláusulas de despido e menos dereitos”, denunciaba Investigal esta semana nunha nota de prensa.

A este respecto, o comunicado engade que “as análises feitas por distintos colectivos sinalan que a reforma non garante a estabilización do persoal investigador xa que a oferta dos contratos tenure track segue condicionada a cada Oferta Pública de Emprego, quedando a contratación en mans dos centros de destino e dun comité de expertos.

Científicos Titulares nos OPIs e investigadores hospitalarios

A entidade advirte, do mesmo xeito, que o programa tenure track “aparece xunto á extinción da figura de Científico Titular de Organismos Públicos de Investigación (OPIs), de xeito que coa nova lei serán substituídos postos de funcionarios por prazas de persoal fixo laboral, con moita menos independencia e unha importante redución dos dereitos laborais (complementos por antiguidade, etc.)”.

Esta decisión “elimina a única forma de promoción interna que agora mesmo existe para o persoal técnico de investigación de OPIs, ponte entre a escala técnica e científica” e, ademais, “volve esquecerse deste persoal, xa que unha década despois de súa aprobación, continua sen desenvolverse a escala de Tecnólogo de OPI”.

Segundo lembra o colectivo, o propio o Ministerio de Traballo recoñeceu que o novo contrato non resolve as necesidades de estabilización da gran bolsa de persoal investigador precario de larga duración existente hoxe en día no sistema de investigacióne expón dúbidas legais e xurídicas relativas a súa implantación. Esta reforma, por tanto, provoca “a substitución do sistema actual, que xa define unha carreira ordenada, por outro con menos dereitos, máis precariedade, e sin compromiso de aumento do investimento para aumentar o número de prazas que se convocan anualmente”.

Alén dos OPIs, Investigal destaca que “a reforma esquece completamente os investigadores hospitalarios que desenvolven a súa actividade nos centros do Sistema Nacional de Saúde, que actualmente carecen de carreira profesional, e que esta reforma tampouco desenvolve, deixándoos de novo nun limbo laboral”.

Esta situación supón para os científicos un incumprimento dos compromisos adquiridos no Plan de Choque para a Ciencia e a Innovación presentado polo presidente do Goberno en Xulio de 2020. Lembran que en Euskadi ou na Comunitat Valenciana se estabilizaron a este tipo de traballadores como investigadores estatutarios segundo a Lei de Investigación Biomédica, polo que piden “que isto se faga extensivo ao resto do Estado”.

Finalmente, conclúen “seguen sen incluírse os compromisos adquiridos cos colectivos de investigación predoutorais (coma dereito á indemnización por finalización de contrato) nin as urxentes necesidades nas etapas postdoutorais (estatuto de investigadores postdoctorales e unificación de salarios).

Todas as entidades que convocan estas concentracións solicitan ó Goberno do Estado incluir dentro deste proxecto de reforma todos os dereiros e garantías laborais que deben acompañar á contratación pública en todas as escalas de investigación, e abrir unha mesa de negociación con todos os axentes sociais involucrados e os ministerios afectados con fin de redactar unha nova lei, actualizada en fondo e forma coas necesidades históricas de noso colectivo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático