Detectan en ameixas material xenético de SARS-CoV-2 non infeccioso

Os resultados salientan "que non existe risco” de contraer a Covid-19 a través do consumo de moluscos, como explica o profesor da USC Jesús López Romade

Un estudo realizado por científicos da USC e por integrantes da Confraría de Pescadores de Miño detectou indicios de presenza de material xenético do virus da COVID-19 en mostras de especies do ecosistema da costa galega. “Os resultados suxiren un estado non infeccioso do virus  e  un  alto  grao  de degradación do seu ácido nucleico, o que implica un risco practicamente nulo de adquirir SARS-CoV-2 a través do consumo de moluscos”, explica o profesor da USC, Jesús López Romade. As achegas deste traballo de investigación foron presentadas na segunda edición do Congreso COVID-19, o encontro científico español sobre o SARS- CoV-2 impulsado por 80 sociedades científicas.

Como outros virus humanos comunmente presentes nas feces –virus entéricos–, o  SARS-CoV-2 pode liberarse  a través de augas residuais en cursos de auga que finalmente chegan ás áreas costeiras. “Levamos moitos anos estudando os virus que se transmiten pola vía fecal- oral, responsables de enfermidades como a gastroenterite”, explica Romalde.

Publicidade

“Cando empezou a pandemia, descubriuse que o SARS-CoV-2 detectábase nas feces, co cal o material xenético do virus estaba presente nas augas residuais. Os equipos que traballamos neste eido axiña nos puxemos en marcha para ver como podiamos axudar a controlar a expansión da pandemia mediante a análise das augas, co fin de predicir brotes na poboación”, continúa o profesor da USC.

Os moluscos bivalvos teñen unha longa historia como vectores de transmisión de virus entéricos, como consecuencia  da contaminación fecal das súas augas de cultivo e a súa natureza filtradora. Para investigar a posible presenza de  SARS- CoV-2 no medio mariño, analizáronse doce mostras  de sedimentos  e  doce mostras  de ameixa (Ruditapes   philippinarum  e   R.  decussatus) recollidas entre maio e xullo de 2020 en dous bancos naturais situados en dous pequenos estuarios galegos, clasificados como zonas de clase  C (normativa UE). O ARN viral detectouse mediante RT- qPCR en nove mostras de ameixa e  en  tres mostras  de sedimento.  Só catro das nove mostras  foron  positivas  para  dúas rexións diana e os sinais de ARN desapareceron no ensaio de viabilidade, descartando así o seu carácter infeccioso.

Publicidade

Jesús Romalde é o responsable da investigación. Foto: Santi Alvite.

Considérase que esta é a primeira detección de ARN do SARS- CoV-2 nun organismo mariño e demostra que os virións do SARS- CoV-2  ou,  polo menos, o seu ARN, poden alcanzar as augas costeiras. Os autores deste estudo propoñen nas súas conclusións profundar máis no estudo da posible  persistencia do virus nos sistemas acuáticos, a través do uso de organismos mariños como é o caso dos moluscos como sentinelas de contaminación. A investigación que o profesor Romalde e o seu equipo desenvolven sobre a presenza da COVID-19 en augas residuais conta co apoio da campaña de micromecenado da USC Sumo Valor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

O epidemiólogo Juan Gestal: “Non vai ser a próxima pandemia”

O experto explica que o perigo para a poboación global é baixo e que a resposta das autoridades debe centrarse na investigación da orixe do gromo

Badiola: “Hai unha probabilidade moi alta de que a nova gran pandemia teña orixe animal”

O doutor especialista en sanidade animal, sobre a gripe aviaria: “O risco para a cidadanía é extremadamente baixo, pero non completamente inexistente”

Que é a variante Frankestein? Síntomas e cando chegará a Galicia

"Non é unha ameaza", asegura a inmunóloga África González, que considera que o nome non está vinculado coa aparición de casos máis graves