As augas residuais alertaron en xullo do brote de Covid-19 na área da Coruña

O proxecto multidisciplinar da universidade coruñesa detectou semanas antes do aumento de casos como medraba a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais

O 7 de agosto, a detección do brote no ximnasio de Meicende e a transmisión comunitaria do virus SARS-CoV-2 na área da Coruña levou á Xunta de Galicia a pechar o ocio nocturno e limitar os encontros sociais na comarca. Máis dun mes despois, as limitacións mantéñense en varios barrios da capital, así como nos concellos da Laracha, Carballo e Arteixo debido ao aumento da incidencia da Covid-19, aínda por riba da media de Galicia. E segundo recollía este domingo El Confidencial, o incremento na transmisión detectouse semanas antes de que entraran en vigor as medidas destinadas a conter a enfermidade a través da análise das augas residuais da estación depuradora de Bens. Citando fontes coñecedores da investigación que se leva a cabo desde maio na instalación, constatouse unha presenza crecente do virus desde medidados de xullo.

Desde a Consellería de Sanidade confirman a información, nun momento no que “tamén se tiña constancia dos casos existentes a través de vixilancia epidemiolóxica”. Con todo, descoñécese o motivo polo cal se tardou ata o 7 de agosto en decretar medidas de control, días despois de que se constatase a presenza de varias cadeas de transmisión comunitaria.

Publicidade

O mesmo xornal expón que a alerta do brote comunicada desde o equipo de Bens amosa un problema que está a ser patente durante o novo incremento de casos da segunda onda nos distintos equipos de detección en depuradoras: a ausencia dun protocolo de actuación no caso de alerta por incremento do virus detectado. “De que serve certificar que o virus regresa a unha cidade, ou mesmo a un barrio, se despois esa información non se ten en conta?”, cuestiona un dos investigadores que participa no traballo que se desenvolve en Bens. O equipo coruñés, formado por microbiólogos, matemáticos, químicos ou enxeñeiros informáticos, publicou en xullo un artigo preprint no que describe un modelo de regresión para predicir o aumento de casos “cunha fiabilidade próxima ao 90%“. En maio xa probaran con éxito as análises, constatando a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais durante o tempo no que descendía o cumio de casos acadado a comezos de abril.

Confirman a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais da Coruña

O modelo pode detectar ata un mínimo de cinco positivos nunha área de 100.000 persoas, e analizando as diferentes orixes das augas residuais que chegan á estación, poden amosar se nunha determinada área xeográfica, como un barrio concreto, existen ou non casos, o que reduciría considerablemente o número de probas necesarias e o gasto realizado nos cribados. Pouco despois das medidas tomadas na Coruña, Alberto Núñez Feijoo anunciou un cribado ao que chamou a participar a 60.000 mozos e mozas de entre 18 e 40, que pola súa magnitude se prolongaría durante case dous meses. O traballo realizado por científicos da Universidade da Coruña (UDC), o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), o Chuac, o Centro de Investigación en TIC (Citic) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), é o primeiro modelo epidemiolóxico baseado en augas residuais que potencialmente podería adaptarse para rastrexar a evolución da epidemia de Covid-19 en calquera parte do mundo, analizando tanto a individuos sintomáticos como asintomáticos.

Publicidade

Tamén en Galicia, outra investigación semellante desenvolvida na EDAR de Ourense demostrou a fiabilidade para atopar o SARS-CoV-2 na liña sólida que chega á estación, xa que nas feces adoita concentrarse carga viral suficiente para ser detectada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Cando a investigación sae do laboratorio: así funciona a transferencia científica en Galicia

A Xunta identifica o potencial dos xestores de transferencia como ponte entre o académico e o mercado con iniciativas de formación especializada

Unha nova pintura chega á Coruña: a viaxe dunha táboa flamenga recuperada do tráfico de arte

A peza, do século XVI e atribuída a un pintor anónimo, foi localizada en Italia tras ser exportada ilegalmente dende España

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación