Martes 19 Marzo 2024

Un estudo na depuradora de Ourense pon o foco nos lodos para detectar o SARS-CoV-2

Investigadores da USC, o Sergas e Viaqua constatan que os residuos sólidos amosan unha maior concentración de carga viral

Desde o comezo da pandemia da Covid-19, a ciencia abordou desde todas as frontes da investigación camiños para axudar a superar a crise. E o estudo das augas residuais, como lugar a onde van a parar os refugallos que xera o organismo humano, tamén pode valer de moito. En Galicia son varios os grupos de investigación que levan tempo estudando como detectar o SARS-CoV-2 nas estacións de depuración. Un deles, na EDAR de Bens (A Coruña), xa confirmou hai semanas a presenza do coronavirus. E agora, unha investigación publicada nun artigo preprint (pendente de revisión) por investigadores da USC, Viaqua e o Sergas, abre o camiño para optimizar a detección do virus nas estacións de depuración de augas. As análises, realizadas na depuradora de Ourense, entre o 6 e o 21 de abril, constatan que a parte sólida dos residuos que chega ás depuradoras é máis acaída para confirmar a presenza do virus, xa que as partículas virais poden quedar retidas nela e non pasar á auga.

“A idea básica da que partiamos é que as partículas do virus, ao ser excretadas polas feces, están asociadas ao material sólido que chega as depuradoras. Ademais, queriamos garantir que as depuradoras resultan seguras para eliminar o material vírico antes de finalizar o proceso”, explica Juan Lema Rodicio, catedrático de Enxeñaría Química da USC, membro da agrupación estatéxica Cretus e autor principal da investigación.

Publicidade

A partir destes dous obxectivos, o equipo da USC analizou as mostras coa colaboración da empresa Viaqua e o servizo de Microbioloxía do Chuvi, onde se estudaron a través da técnica PCR para confirmar a presenza de ARN do SARS-CoV-2. E constatouse que a liña de lodos primarios, antes de ser sometida aos tratamentos térmicos de depuración, era o lugar de maior presenza do virus. Do mesmo xeito, confirmaron que os efluentes saían do proceso xa libres da carga viral e a posible capacidade infectiva.

Medir a concentración diaria

Tal e como explica Lema, a posibilidade de analizar de forma máis detallada a carga viral na liña de lodos axuda a afinar a medición da presenza do coronavirus na poboación que verte as súas augas á rede de tratamento. “Todo o material xenético quedaría retido na liña sólida, o que nos dá a posibilidade de cuantificar a carga viral acumulada durante un día e poder estudar a evolución diaria. Grazas a isto podemos anticiparnos en caso de que haxa rebrotes”, engade o catedrático da USC.

O equipo encargado desta análise segue traballando no método para estendelo, coa colaboración de Augas de Galicia e as empresas concesionarias, ás depuradoras de Vigo, Ourense, Sanxenxo, Ribeira e Viveiro, aínda que é posible que se amplíe a máis vilas e cidades. Na investigación realizada en Ourense tamén participaron, ademais de Lema, Benito Regueiro, Lucía Martínez e Francisco Vasallo, do Sergas, Santiago Rodríguez, de Viaqua, e Sabela Balboa e Miguel Mauricio, da USC.

Ademais, a Xunta de Galicia está a impulsar outro programa de detección e modelización coa Universidade de Vigo e o CSIC, ademais de Augas de Galicia e as empresas que prestan o servizo, en tres estacións depuradoras que son xestionadas directamente pola Xunta: as depuradoras de Baiona, Nigrán e Cambados. Neste caso, a toma de mostras centrarase, principalmente, no punto de vertido ao dominio público hidráulico.


Referencia: The fate of SARS-CoV-2 in wastewater treatment plants points out the sludge line as a suitable spot for incidence monitoring (Publicado no repositorio medRxiv)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade