María José Pereira Rodríguez é xefa de servizo de Medicina Preventiva e Saúde Laboral no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Foto: Sergas.
María José Pereira Rodríguez é xefa de servizo de Medicina Preventiva e Saúde Laboral no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Foto: Sergas.

María José Pereira: “Estamos preparados, pero será esencial a responsabilidade cidadá”

A xefa de servizo de Medicina Preventiva do Chuac da Coruña forma parte do comité de crise que asesora á Xunta de Galicia na pandemia

Hai xa case tres meses, o 4 de marzo, María José Pereira Rodríguez, xefa de servizo de Medicina Preventiva do Sergas na área sanitaria da Coruña, comparecía xunto ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, para dar conta do primeiro caso de coronavirus en Galicia: un home que chegara desde Madrid e que estaba ingresado no Chuac ao presentar síntomas compatibles coa doenza. No medio de todo este tempo, os servizos sanitarios enfrontáronse a un dos maiores desafíos da historia recente, e mantéñense en garda para evitar os temidos rebrotes. Desde A Coruña, María José Pereira explica como se están preparando para esta nova etapa.

– Como está a ser o día a día no servizo de Medicina Preventiva?

– En principio, a nosa responsabilidade ten máis vertentes: a da Medicina Preventiva  é a de Saúde Laboral e prevención de riscos, que engloba moitos ámbitos. Todo isto viuse aparcado pola pandemia, pero pouco a pouco estamos retomando a actividade.

Respecto ao coronavirus, o que estamos a facer é o seguimento dos pacientes ingresados, así como revisando o censo dos contactos que tiveron eses casos e o seguimento de traballadores que tiveron contacto co SARS-CoV-2. Toda esta información estase incluíndo na aplicación que xestionamos desde o Sergas, e que inclúe tamén a todos os casos que están pasando a doenza na casa. Ademais, participamos nas reunións do comité de crise para poñer en común todas as situacións que se están abordando.

O novidoso destas semanas, debido á nova fase da crise, ten que ver sobre todo coas valoracións para recomendar o reinicio da actividade en determinadas unidades dos hospitais, e cumprir da mellor forma posible cos requisitos precisos para poñerse de novo en marcha coa seguridade precisa para pacientes e traballadores.

– Nesta nova etapa vai ser crucial o rastrexo de posibles contaxios: está xa en marcha o procedemento na área da Coruña?

– Niso estamos. Estableceuse unha central de seguimento de contactos (CSC) que agrupa a todas as áreas, e recibe toda a información dos novos positivos. Desde el buscan os contactos, entre os conviventes, os posibles contactos laborais e outras posibles vías de contaxio. Nós encargámonos do primeiro cribado para determinar a posible exposición doutras persoas a este paciente e do manexo dos profesionais sanitarios, e enviámolo a esta central. Por agora, despois das semanas máis complicadas, mantémonos cun número baixo de casos, pero preparados para responder se xorden máis.

– Parece vincularse a maior mobilidade do verán, relacionada co turismo, cun maior risco. É posible garantir o equilibrio entre estes movementos e a saúde pública?

– O que creo, e é importante destacar, é que só unha parte de que todo se supere depende do que poida garantir a Saúde Pública. Nós podemos prepararnos para ter unha capacidade rápida de diagnóstico, e poder detectar e conter eses posibles novos casos, pero hai un aspecto que non tanto ten que ver co esforzo que poidan facer as institucións, senón coa actitude da poboación, de cada persoa.

Nós estamos preparados para detectar calquera indicio, por suposto. Pero a responsabilidade cidadá será esencial, e o comportamento individual vai determinar tamén a evolución da situación. Estamos nun punto no que o sistema sanitario vai ser o eixe para que outros sectores poidan retomar a súa actividade. E para iso precisan de garantías. Sabemos que hai cousas que por agora aínda non se poderán dar, como as grandes aglomeracións, pero no resto, na medida do posible, hai que ir avanzando.

– E botando a vista cara a atrás: que pasou a finais de febreiro e principios de marzo para que o virus entrara sen que ninguén se dera conta?

– Polo que viramos no que estaba acontecendo noutros lugares, xa sabiamos que se transmitía facilmente. Pero descubrimos que este virus tiña moitas caras. Unha das claves foi a transmisión a través dos chamados paucisintomáticos, xente que tiña poucos síntomas, ou síntomas moi inespecíficos, pero que non se atribuíu á Covid-19. E o abano de síntomas ía desde estas situacións ata pneumonías críticas.

“Probablemente en febreiro xa estivera circulando o virus, pero disfrazado doutras cousas”, di Pereira

Ao contrario do que pensamos nun primeiro momento, probablemente en febreiro xa estivera circulando o virus, pero disfrazado doutras cousas. Combináronse varios factores: que non sabiamos que xa estaba aquí, que circulaba a gripe estacional e outros virus, e que non fomos capaces de identificar os cadros clínicos que tiñamos diante, xa que neses momentos debiamos utilizar a PCR de forma moi dirixida. Entendemos que isto foi parte do problema.

– No caso dos primeiros brotes en Galicia, como se seguiron, e que atoparon?

– Lembro que o primeiro caso diagnosticouse un mércores (o 4 de marzo), e en catro días xa tiñamos 7 ou 8. O primeiro era un caso importado, pero os seguintes eran xa de un foco local que conseguimos atopar e controlar mediante o estudo de contactos. É dicir, nun primeiro momento fomos capaces de sinalar de onde saían os contaxios que estabamos detectando. Pero a partir de mediados de mes xa foi imposible. Chegaron moitos casos importados de Madrid, e de viaxes que se produciran antes do estado de alarma á costa mediterránea. E entón o crecemento era xa exponencial.

– Que aprenderon do virus neste tempo, e de que vai servir isto para o futuro?

– Espero que sirva, por unha parte, para mellorar as estruturas de vixilancia de saúde pública, e estar aínda mellor preparados para actuar de forma áxil ante estas crises. En canto á sociedade, as medidas básicas de hixiene van ter que perdurar no tempo, desde as cousas básicas como lavar as mans ou a limpeza e desinfección de determinados espazos. Son pequenos detalles que nos van axudar. E pola nosa parte, o esforzo que fixemos para coordinarnos entre distintos departamentos e áreas ensinounos que xuntos sumamos moito. Oxalá o vínculo permaneza para o futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.