Xoves 28 Marzo 2024

A Academia de Ciencias lembrará o vindeiro luns a Domingo Fontán

A Real Academia Galega de Ciencias celebrará o vindeiro luns, 8 de outubro, o Día da Ciencia en Galicia, no que se fará homenaxe a Domingo Fontán, o autor da Carta Xeométrica de Galicia. O Pazo de San Roque de Santiago de Compostela acollerá o acto académico, mais non será a única cita dunha xornada chea de actividades, que tamén se estenderán aos vindeiros meses, para dar a coñecer á sociedade galega a figura do ilustre cartógrafo, autor do primeiro mapa topográfico de Galicia e o que foi, durante moito tempo, o único do territorio español realizado con criterios científicos.

Domingo Fontán, retratado ao óleo por Antonio María Esquivel.
Domingo Fontán, retratado ao óleo por Antonio María Esquivel.

Así, a Academia de Ciencias coordina tamén unha exposición sobre os once científicos homenaxeados ata agora pola entidade. A mostra, que será inaugurada ás 19 horas do vindeiro luns, poderase ver ese mesmo día no claustro de San Roque, e posteriormente percorrerá varios centros educativos.

Publicidade

No mesmo acto, o xornalista e director do programa Efervesciencia da Radio Galega, Manuel Vicente, recibirá tamén o Premio Galicia de Xornalismo Científico, convocado pola RAGC coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Vicente foi recoñecido co galardón grazas á reportaxe “Ondas gravitacionais que soan en galego“.

E o mesmo día 8, pola mañá, , o Concello de Santiago colocará nun dos bancos do Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal unha praca na honra de Domingo Fontán, que se sumará á dos científicos galegos recoñecidos en anos anteriores.

Unidade didáctica

Ademais, grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega, será distribuída nos centros escolares de toda Galicia unha unidade didáctica elaborada por expertos sobre a figura e o legado do matemático e humanista pontevedrés.

Tamén no eido educativo, o Club de Ciencias do Colexio Compañía de María de Ferrol anunciou a súa intención de secundar a partir deste ano a celebración do Día da Ciencia en Galicia dedicándolle ao científico homenaxeado a súa Semana da Ciencia.

O evento, que este outono alcanza a súa décima edición, incluirá charlas e experimentos preparados polos alumnos e alumnas sobre Fontán. O acto académico do 8 de outubro contará coa presenza dun grupo deles, invitados pola Academia.

A homenaxe a Fontán tamén se estendeu nestes meses ao seu municipio natal, onde a Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán celebrou o pasado mes de abril un acto de homenaxe. Ademais, o Concello de Redondela acolleu durante o mes de xullo unha exposición cartográfica dedicada a Fontán que itinerará polos centros escolares do municipio durante os vindeiros meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Academia de Ciencias entrega os Premios Ernesto Viéitez Cortizo 2023

Recoñece a tres equipos galegos polo estudo de microplásticos, do control da glicosa e da mellora de imaxes médicas con IA

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

A RAGC premia ao equipo da UDC que busca métodos para identificar microplásticos no medio

Os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023 conceden dous áccesits, un para a USC e outro para a UDC

A RAGC e a Xunta convocan os X Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Cada categoría está dotada con 5.000 euros e o prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril