As investigadoras reclaman que se estableza a igualdade plena nas convocatorias.
As investigadoras reclaman que se estableza a igualdade plena nas convocatorias.

A Valedora do Pobo urxe unha solución á discriminación por maternidade das científicas

A institución reclama á Xunta de Galicia que se equipare a prórroga dos contratos posdoutorais por mor do estado de alarma ao resto dos investigadores

A institución da Valedora do Pobo, representada por María Dolores Fernández Galiño, insta á Xunta de Galicia a resolver en canto sexa posible a “discriminación” á que se enfrontan as persoas que se acollen a permisos de maternidade durante a concorrencia ás axudas para a formación posdoutoral da Administración autonómica. A Valedora dá resposta á reclamación de tres persoas que, a pesar de recibir unha avaliación positiva na Modalidade A (primeira fase da axuda) para pasar á segunda (Modalidade B), ficaban nunha situación de desvantaxe ao dispoñer dunha prórroga de menor duración no marco da pandemia da Covid-19 e, ademais, non tiñan a posibilidade de incluír créditos docentes no seu currículo. Os seus contratos acaban neste mes de outubro, fronte ás prórrogas ata o 31 de decembro que se concederon aos outros afectados pola prórroga debido ao estado de alarma.

“O simple feito da xestación, a maternidade e, no seu caso, o permiso de lactancia destas persoas investigadoras determinou a suspensión dos seus contratos, un distinto prazo de finalización e, como consecuencia, a imposibilidade de ser avaliadas e concorrer á convocatoria da Modalidade B xunto cos seus compañeiros no ano 2019, pero determinou tamén a falta de continuidade dos seus programas formativos”, o que “supón unha discriminación obxectiva e unha vulneración dos principios de igualdade de trato e igualdade de oportunidades”, expón a Valedora do Pobo no documento remitido ás tres persoas afectadas.

A Valedora insta á Xunta a que se garanta a “total igualdade de oportunidades”

Tal e como establece a normativa da institución, a Valedora realiza á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a suxestión de que “nas bases reguladoras das vindeiras convocatorias de axudas de apoio á formación do persoal investigador se regulen con claridade os efectos da suspensión dos contratos coa consecuente interrupción e prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, e se adopten as medidas e instrumentos xurídicos necesarios para equiarar ao persoal investigador que teña permisos de paternidade/maternidade co resto dos seus compañeiros”, de forme que se asegure a continuidade e garanta a “total igualdade de oportunidades“.

Do mesmo xeito, recomenda que “á vista da avaliación positiva das tres investigadoras”, “se prorroguen os tres contratos nos mesmos termos e prazos previstos” que o do resto de compañeiros afectados pola situación da pandemia da Covid-19.

“Falta de colaboración” da Consellería

No documento, a Valedora recapitula o procedemento iniciado en febreiro, cando se anunciou un traballo de análise neste sentido para acadar a “efectividade do dereito fundamental á igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes”, despois dos problemas acontecidos en anteriores convocatorias, que provocaron a reclamación das científicas afectadas.

Tamén lembra que a norma establece que cando se produza a suspensión do contrato pola concorrencia dalgunha situación de incapacidade ou vinculada á maternidade poderá solicitarse a interrupción e a prórroga, co período idéntico ao da interrupción.

Para analizar o caso, a Valedora reclamou información á Universidade de Vigo é a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Mentres que no primeiro caso se obtivo resposta, Dolores Fernández lamenta a “falta de colaboración” da Consellería de Educación, xa que a pesar de que se requiriu información en varias ocasións mediante rexistro, non se obtivo unha resposta ao caso.

Tres científicas denuncian “discriminación” da Xunta tras os permisos de maternidade

Finalmente, e ante a urxencia dos prazos, a Valedora tomou en conta a resposta da Secretaría Xeral de Universidades nunha carta dirixida á rede Investigal, á que pertencen as persoas afectadas, para coñecer a posición da Consellería sobre o asunto.

Nesta resposta, a Secretaría Xeral argumenta que nos casos concretos das científicas afectadas, rexía un contrato por obra ou servizo financiado mediante convenio, debido ao retraso na convocatoria do ano anterior, pero o contrato xa rematou polo que “non se pode considerar legalmente a permanencia como posdoutoral A na actualidade”. O sentido desta prórroga, di “era non interromper o traballo destas catro persoas e que unha maternidade ou paternidade non prexudicara a súa capacidade investigadora, podendo competir en igualdade de condicións para acceder á modalidade B”.

“A consecuencia dista moito deste obxectivo”, apunta a Valedora do Pobo, xa que “non se conseguiu garantir a continuidade dos seus programas formativos”, polo que “a Xunta de Galicia tivo que recorrer a outros instrumentos xurídicos que poideran paliar esta discriminación”. Estes instrumentos, aínda que amosan a vontade de que “en todas as súas convocatorias a Xunta de Galicia busca reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación nas tres universidades galegas”, as medidas correctoras para garantir a igualdade das mulleres na actividade científica esixen un maior esforzo. Porén, Fernández Galiño tamén valora a “declaración de intencións” do Secretario Xeral de Universidades, avanzando que “seremos os primeiros en colaborar para eliminar situacións de discriminación, favorecer a igualdade de xénero e a conciliación”.

Ante esta resolución, a Consellería deberá dar conta da aceptación da recomendación formulada, de ser o caso, e das medidas adoptadas para darlle efectividade. En caso de non obter resposta “nun prazo razoable” ou ben se “non se producise unha medida adecuada ao suxerido”, a Valedora do Pobo poderá poñer os antecedentes e as recomendacións efectuadas en coñecemento do conselleiro do departamento afectado ou da máxima autoridade da Administración Pública galega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.