A Valedora investigará a igualdade de xénero na ciencia galega.

Tres científicas denuncian “discriminación” da Xunta tras os permisos de maternidade

As investigadoras reclaman a "igualdade de condicións" nun programa que, segundo afirman, "non contempla un plan de protección á maternidade"

Un mes despois de que a rede Investigal denunciara a persistencia da penalización cara ás persoas que participan no programa posdoutoral da Xunta e que dispuxeran dun permiso de maternidade ou paternidade, tres das científicas afectadas, pertencentes á convocatoria de 2016, denunciaron esta semana que “a Xunta de Galicia reafirma a discriminación” por acollerse ao dereito á baixa durante a Modalidade A do programa (a primeira parte do mesmo). A situación, destacan, dificulta o acceso á Modalidade B, onde as avaliacións para pasar a ela son negativas nunha porcentaxe moi superior no caso das persoas que estiveron de baixa por maternidade.

A crise causada pola pandemia da Covid-19 fixo que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria concedera unha prórroga de seis meses, anunciada o pasado 30 de xuño, para 436 investigadores e investigadoras pre e posdoutorais contratadaos nas convocatorias públicas da Xunta. Porén, segundo reclaman estas investigadoras, a prórroga non se aplica en igualdade de condicións no seu caso. “A Xunta déixanos de novo desamparadas“, din, porque “a publicación das prórrogas pola Covid-19 reafirma que estas se aplicarán a estes compañeiros e compañeiras, co que se anula de novo a igualdade á hora de presentarnos á Modalidade B (xa que non só haberá diferenzas na continuidade dos contratos, senón presumiblemente nas horas de docencia impartida)”, expoñen as científicas afectadas nun comunicado.

“A solución que nos dan é un mes de contrato mentres se resolve a modalidade A e, se temos unha avaliación positiva, tres meses máis, pero sen dereito a docencia, á espera da resolución da modalidade B, que se convocará en decembro e se resolverá a comezos de 2021″, conta Susana Cid, investigadora na Universidade de Santiago de Compostela e unha das científicas afectadas. Esta proposta estivo precedida de “reclamacións presentadas ante as tres universidades galegas, e a Xunta de Galicia, de forma persoal así como a través de InvestiGal e da Valedora do Pobo”, explican.

Os programas “carecen de mecanismos que garantan unha igualdade real para as mulleres que deciden ser nais”, denuncian as científicas

Un plan “mal deseñado”

O problema vén, para Cid, dun programa “mal deseñado” que “non contempla un plan de protección para a maternidade”, que tamén afectará a partir de agora aos homes que se acollan ao permiso de paternidade. Sostén que “non sería difícil flexibilizar prazos ou establecer algunha ponderación, porque é algo que se fai en moitas convocatorias europeas, pero que aquí, por algún motivo, non se aborda”.

A solución ofrecida é, apuntan, “precaria e aínda discriminatoria, xa que as nosas investigacións víronse paralizadas igual que as do resto de investigadores e investigadoras pre e posdoutorais, e temos dereito a igualdade de condicións co resto de persoas coas que concorreremos á Modalidade B, tanto da nosa propia convocatoria coma da convocatoria de 2017″. Expoñen que, en xeral, os programas “carecen de mecanismos que garantan unha igualdade real para as mulleres que deciden ser nais, e nun país onde as taxas de natalidade son cada vez máis preocupantes, isto é un problema grave”.

Neste sentido, lembran que “diversos informes recentes poñen de manifesto a fenda de xénero que se produce na carreira científica e académica (informes ANECA e CSIC)”, e que “sen dúbida son estas actuacións as que contribúen a que isto se perpetúe no tempo”. Como expoñen as cifras sobre a evolución das carreiras científicas, “o número de mulleres diminúe drásticamente durante a etapa posdoutoral, a etapa máis competitiva da carreira investigadora, e sen mecanismos eficaces que garantan a equiparación das mulleres que foron nais,”. Así, lamentan, “non é posible que estas poidan competir en igualdade de condicións, de aí o maior número de avaliacións negativas e a perda de potencial feminino nas institución públicas de investigación e universidades”.

Por isto, as científicas galegas afectadas piden: “Queremos reclamar o noso dereito a manter a igualdade coas persoas beneficiarias do ano 2017, así coma a outras persoas da nosa propia convocatoria de 2016, de cara a presentarnos ás axudas da Modalidade B á que concorreremos, polo de agora, nunha situación de desigualdade sen precedentes“. E conclúen: “Mentres que os compañeiros cos que teremos que competir acaban de firmar un contrato por 6 meses, nós firmamos un por un mes suxeito a distintas condicións”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.